Casa de Bernadotte

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Escudo da casa de Bernadotte.

A casa real de Bernadotte é a actual casa real de Suecia, que leva reinando desde 1818.

Entre 1818 e 1905 foi tamén a casa real de Noruega.

Esta casa real foi fundada por Jean-Baptiste-Jules Bernadotte, nacido en Pau, mariscal de Napoleón, escollido como sucesor do derradeiro rei da dinastía Holstein-Gottorp, Carlos XIII, que morreu sen descendencia.

O mariscal francés foi coroado en 1818 como Carlos XIV Xoán de Suecia (coñecido en Suecia con este nome, e en Noruega como Carlos III Xoán).

Historia[editar | editar a fonte]

Jean-Baptiste Bernadotte, o pai da dinastía

Despois da guerra de Finlandia de 1809, Suecia sufriu a perda traumática de Finlandia, que viña constituíndo a metade oriental do reino sueco durante séculos.

A agonía e o resentimento dirixidos cara ao rei Gustavo IV Adolfo precipitaron un golpe de Estado: o tío de Gustavo Adolfo, Carlos XIII, que non tiña fillos, substituíno.

Iso foi só unha solución temporal, pois, en 1810, o Riksdag elixiu o príncipe dinamarqués Cristian Augusto de Augustenborg como herdeiro ao trono. Como príncipe herdeiro, tomou o nome de Carlos Augusto, mais faleceu pouco despois no mesmo ano.

Como Napoleón I de Francia era o emperador dos franceses e gobernaba, directa ou indirectamente, sobre grande parte da Europa Continental, a través dunha rede de reinos satélites levados polos seus irmáns (ver Primeiro Imperio Francés), o parlamento sueco resolveu escoller un rei que Napoleón aceptase.

O 21 de agosto de 1810, o Riksdag escolleu a Jean-Baptiste Bernadotte, mariscal de Francia, como herdeiro do trono.

Bernadotte, nacido na cidade de Pau, na provincia de Béarn (Baixa Navarra), Francia, foi elevado a xeneral durante os tumultuosos anos da Revolución Francesa. En 1798, desposou a Désirée Clary, cuxa irmá Julie estaba casada con Xosé Bonaparte, o irmán máis vello de Napoleón. En 1804, Napoleón promoveuno a mariscal de Francia, concedéndolle máis tarde o título de Príncipe soberano de Pontecorvo, unha cidade do sur de Italia.

Escudo de Suecia.

Como príncipe herdeiro de Suecia, asumiu o nome de Carlos Xoán e tornouse oficialmente como rexente para o restante do reinado de Carlos XIII, asegurando unha unión persoal forzada entre Suecia e Noruega na campaña contra Noruega de 1814.

Jean-Baptiste Bernadotte reinou como rei Carlos XIV Xoán de Suecia e Carlos III Xoán de Noruega do 5 de febreiro de 1818 até a súa morte, o 8 de marzo de 1844.

A casa de Bernadotte reinou nos dous países até a disolución da unión entre Noruega e Suecia en 1905. O príncipe Carlos de Dinamarca, un neto do rei Carlos XV, foi entón electo o novo rei de Noruega.

O Escudo de armas da casa de Bernadotte combina o brasón da casa de Vasa co brasón de Bernadotte como príncipe de Pontecorvo. É visíbel como un escudo no centro do brasón de armas de Suecia.

Lista dos monarcas da casa Bernadotte[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Casa de Bernadotte