Óscar II de Suecia
Óscar II (bautizado como Oscar Fredrik),[1] nado o 21 de xaneiro de 1829 en Estocolmo, e finado na mesma cidade o 8 de decembro de 1907, foi rei de Suecia entre 1872 e 1907 e de Noruega entre 1872 e 1905.[2]
Era o terceiro fillo de Óscar I e de Xosefina de Leuchtenberg, e sucedeu ao seu irmán Carlos XV ni trono.
Aceptou a independencia de Noruega en 1905 ante as exixencias do seu Parlamento.
Infancia e xuventude
[editar | editar a fonte]Ao seu nacemento en Estocolmo foi nomeado duque de Östergötland. Á idade de once anos entrou na Armada, onde alcanzou o grao de subtenente en 1845. Posteriormente comezou os seus estudos superiores na Universidade de Uppsala, destacando en matemáticas.
O 6 de xuño de 1857 contraeu matrimonio coa princesa Sofía de Nassau.[2]
Rei de Suecia e Noruega
[editar | editar a fonte]O 18 de setembro de 1872, aos 43 anos de idade sucedeu ao seu irmán máis vello o rei Carlos XV no trono da unión Suecia-Noruega, pois este falecera sen deixar descendencia masculina. Foi coroado na catedral de Estocolmo o 12 de maio de 1873 e na catedral de Nidaros o 18 de xullo do mesmo ano. Aínda que tanto o rei como a corte residían en Suecia, Óscar fixo un esforzo por falar fluidamente o noruegués.
Pronto se deu de conta das dificultades dentro da unión, que xa daban mostras claras de fractura. Despois de varios meses de tensión entre Suecia e Noruega nos que incluso se fixo presente a ameaza da guerra, o parlamento noruegués logrou negociar co goberno central a separación formal de Noruega da unión con Suecia. A partir do 26 de outubro de 1905, Noruega erixiríase como unha monarquía constitucional. Ese mesmo día, Óscar renunciou aos seus dereitos dinásticos sobre Noruega. O monarca sueco declinó tamén a posibilidade de que algún membro da súa familia fora candidato ao trono noruegués. Foi sucedido en Noruega por Haakon VII, neto de Carlos XV de Suecia. As malas relacións que tiveron lugar entre os dous países escandinavos melloraron significativamente nos últimos anos da vida de Óscar.
O seu reinado en Suecia desenvolveuse en paz, manténdose anación afastada dos conflitos europeos. Por esa posición de neutralidade, Óscar II actuou como mediador nalgunhas disputas internacionais, como a de Venezuela co Reino Unido en 1896 polo territorio da Güiana Esequiba.
En 1889 e en 1899 mediou nas disputas que mantiñan o Reino Unido, Alemaña e os Estados Unidos por Samoa. En 1900 declarou o seu apoio o Reino Unido na segunda guerra dos bóers, cando a maior parte de Europa mostrábae hostil cara á intervención británica.[3]
Vida intelectual
[editar | editar a fonte]Óscar II foi un distinguido escritor e afeccionado á música, e interesoue en mellorar a educación dos dous reinos que gobernou. En 1858 publicou, baixo autoría anónima, unha colección dos seus poemas líricos e narrativos, Memorias da Armada sueca, obra que obtivo o segundo premio na Academia Sueca.
As súas Contribucións á historia militar de Suecia nos anos 1711, 1712 e 1713 apareceron nos Anais da Academia e foron impresos de maneira separada en 1865. Os seus discursos, así como a súa obra O castelo Cronberg e as súas traducións do Cid de Johann Gottfried Herder e o Torcuato Tasso de Goethe foron reunidos en tres volumes en 1875 e 1876. As súas Memorias de Carlos XII foron traducidas ao inglés en 1879.
Publicou tamén ensaios de música e foi un gran coleccionista de obras musicais.
En 1881 fundou o primeiro museo ao aire libre do mundo, na súa residencia de verán cerca de Cristianía (actualmente Museo Popular Noruegués). O seu interese pola ciencia era moi grande, e foi un xeneroso patrocinador destas, particularmente das matemáticas. Entre outras accións, creou, con motivo do seu 60º aniversario, un concurso —cun premio dotado con 2.500 coroas— , para calquera científico que puidera dar resposta á pregunta de se o sistema solar era estábel a longo prazo.[4][5][6]
O rei Oscar II tamén era un entusiasta da exploración ártica. Xunto co millonario sueco Oscar Dickson e o magnate ruso Aleksandr Mikháilovich Sibiriákov, foi o patrocinador de gran número de expediciómns pioneiras árticas na década de 1800. Entre os emprendementos patrocinados polo rei, os máis importantes foron as exploracións de Adolf Erik Nordenskiöld no ártico ruso e en Groenlandia, así como as viaxe polares de Fridtjof Nansen no veleiro Fram (en noruegués, "Adiante").[7]
Morte
[editar | editar a fonte]O rei faleceu o 8 de decembro de 1907 no Palacio Real de Estocolmo. Os seus restos, como os da maioría dos reis suecos, repousan na Igrexa de Riddarholmen.
Familia
[editar | editar a fonte]Casado coa princesa Sofía de Nassau, tivo catro fillos varóns:[2]
- Gustavo (16 de xuño de 1858 - 29 de outubro de 1950). Duque de Värmland. Rei de Suecia. Casou con Vitoria de Baden, con descendencia.
- Óscar (15 de novembro de 1859 - 4 de outubro de 1953). Duque de Gotland até o 15 de marzo de 1888. Conde Bernadotte de Wisborg a partir desa data. Casou con Ebba Munck af Fulkila, con descendencia.
- Carlos (27 de febreiro de 1861 - 24 de outubro de 1951). Duque de Västergötland. Casou con Ingeborg de Dinamarca, con descendencia.
- Euxenio Napoleón (1 de agosto de 1865 - 17 de agosto de 1947). Duque de Närke. Non casou.
Ademais, supostamente Óscar tamén tivo varios fillos fóra do matrimonio, habidos, entre outras mulleres, con:
- Anna Hofman-Uddgren, actriz sueca e cantante de cabaret,[8] e
- Florencia Stephens, terratenente sueca.[9]
Oscar II (a diferenza do seu pai) nunca recoñeceu oficialmente aos seus fillos ilexítimos. Tamén foi acusado de ter dous fillos coa actriz Marie Friberg,[10] Nils e August Ekstam (o último nado en 1878).[11]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Retratado por Oscar Björck
-
Con uniforme de almirante. Retrato de Oscar Björck, 1893
-
A familia de Óscar II
-
Obelisco no cabo Norte, dedicado a Óscar II
-
Anverso e reverso dunha moeda de 1 coroa sueca de Oscar II, de 1906
-
Sepulcros de Óscar II e da súa esposa Sofía
Antepasados
[editar | editar a fonte]Escudos de armas
[editar | editar a fonte](1829–1844) |
(1844–1872) |
(1872–1885) |
(1885–1905) |
(1905–1907) |
Precedido por: Carlos XV |
Rei de Suecia 1872-1907 |
Sucedido por: Gustavo V |
Rei de Noruega 1872-1905 |
Sucedido por: Haakon VII |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Arquivos da cidade de Estocolmo, arquivo da parroquia sa Corte, rexistros de nacementos e bautismos, volume C I: 5.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Darryl Lundy, Xenealoxía de Óscar II (Óskar II Bernadotte, King of Sweden) en The Peerage (en inglés).
- ↑ Chisholm, H. (1911), p. 346.
- ↑ Stewart, I. (2001), p. 86.
- ↑ King Oscar’s Prize. Springer.
- ↑ Florin Diacu (marzo de 2016): The solution of the n-body problem Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine..
- ↑ Aho, Maire (xaneiro de 1999): "AE Nordenskiöld Collection included in the Unesco Memory of the World Program", Tietolinja News, Helsinki, Finlandia.
- ↑ Anna Hofmann – varietéstjärna och filmregissör, catalogue of exhibition by that name at Stockholms Stadsmuséum 1998 with essays by Åke Abrahamsson and Marika Lagercrantz/Lotte Wellton.
- ↑ Norlin, Arne (2015). Familjen Bernadotte: makten, myterna, människorna (en sueco). Stockholm: Fischer & Co. pp. 218–220. ISBN 978-9-1865-9796-2.
- ↑ Sherlock Holmes and the King of Scandinavia Arquivado 16 de marzo de 2012 en Wayback Machine. The Swedish Pathological Society.
- ↑ Sandberg, Mattias (24 de maio de 2010). "Jakten på den försvunne sonen". Aftonbladet (en sueco). Consultado o 15-09-2016.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Óscar II de Suecia |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Chisholm, Hugh, ed. (1911): "Oscar II". Encyclopædia Britannica. 20 (11th ed.). Cambridge University Press.
- Stewart, I. (2001): ¿Juega Dios a los dados?. Barcelona: Crítica. ISBN 978-84-8432-881-0.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Darryl Lundy, Xenealoxía de Óscar II (Óskar II Bernadotte, King of Sweden) en The Peerage (en inglés).
- Konung Oscar II Skrifter en Project Runeberg (en sueco).
- Oscar II en Project Runeberg (en sueco).
- Libros sobre Oskar II, kung av Sverige och Norge, 1829-1907 en Libris.