Saltar ao contido

Cartago Nova

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Cartago Nova foi o nome da cidade de Cartaxena desde a conquista romana até a dominación bizantina no século VI d. C., cando mudou o nome polo de Carthago Spartaria.

Augusto togado. Museo do Teatro Romano.
Lingotes de chumbo procedentes das minas de Cartago Nova.

Cartago Nova foi fundada ao redor do ano -227. co nome de Qart Hadasht (Cidade Nova) polo xeneral cartaxinés Asdrúbal o Belo, xenro e sucesor do xeneral Amílcar Barca, pai de Aníbal. Cartago Nova foi a máis importante das cidades da península, debido a unha posición forte e unha muralla ben construída, e estaba provista de portos, lagoas e minas de prata.[1] En Cartago Nova e nas cidades circundantes existiu a salgadura en abundancia, e foi o principal emporio para as mercadorías que viñan do mar destinadas aos habitantes do interior, e para os produtos do interior destinados aos estranxeiros.

Con todo, semella que a cidade non foi fundada ex novo, senón que se fixo sobre un asentamento anterior ibérico ou tartésico. Hai constancia de intercambios comerciais cos fenicios dende o século VIII a. C. ao longo de toda a costa. Ademais, tradicionalmente asociouse Cartaxena coa cidade de Mastia mencionada polo poeta grecolatino Avieno na obra chamada Ora maritima (que recollía as noticias máis antigas conservadas sobre a Península Ibérica), e tamén citada no segundo tratado romano-cartaxinés no ano 348 a. C. como Mastia Tarseion (Mastia dos Tartesios).

Toda a actual costa de Cartaxena e Mazarrón era extraordinariamente cobizada na antigüidade polos seus importantes xacementos minerais de chumbo, prata, cinc e outros minerais. A explotación e comercialización de minerais das minas de Cartaxena e Mazarrón está documentada dende tempos dos fenicios.

Trala primeira guerra púnica, os cartaxineses perderon a súa principal propiedade no Mediterráneo: a illa de Sicilia. O único xeneral invicto deste enfrontamento cos romanos, Amílcar Barca, marchou á Península Ibérica coa intención de formar un dominio persoal dos Bárcidas —dos que el era cabeza— separado, en certo grao, do control do Senado de Cartago; convertendo a Cartago Nova no centro das súas operacións militares e permitíndolle, a maiores, o control das riquezas mineiras do sueste da península. Trala morte de Amílcar nun enfrontamento con tribos hispánicas, o seu fillo Aníbal ocupou o seu posto coa intención de preparar un exército o suficientemente poderoso para se enfrontaren aos romanos. Qart Hadasht, converteuse así na principal cidade dos cartaxineses na península e dela partiu Aníbal, cos elefantes, na súa soada expedición cara a península italiana que o levaría a cruza-los Alpes, no comezo da segunda guerra púnica no ano 218 a. C.

Conquista romana e período republicano

[editar | editar a fonte]
Altar de Xúpiter atopado no teatro romano. Museo do Teatro Romano.

Non hai dúbida, que o primeiro interese de Roma en Hispania foi o de tirar proveito das súas lendarias riquezas minerais, entre as que se atopaban moi especialmente os xacementos minerais da serra mineira de Cartaxena e Mazarrón, en mans de Cartago.

O xeneral romano Escipión o Africano tomou Qart Hadasht no ano 209 a. C., rebautizándoa co nome de Cartago Nova en calidade de civitas stipendaria (comunidade tributaria); posteriormente, recibiu o dereito latino baixo Xulio César e, finalmente, converteuse en colonia de dereito romano no ano 44 a. C.[2] O asentamento chego a se converter nunha das cidades romanas máis importantes de Hispania.[3] A cidade, nos primeiros momentos, pasou a depender administrativamente da provincia de Hispania Citerior.

Alto Imperio

[editar | editar a fonte]

O esplendor romano da cidade de Cartago Nova baseouse, fundamentalmente, na explotación das minas de prata e chumbo da serra mineira de Cartaxena-A Unión. Nos arredores de Cartaxena e Mazarrón víñase estraendo mineral dende os tempos dos fenicios, e Roma continuou coa explotación das minas estraendo mineral en grandes cantidades, facendo traballar nelas a un número de escravos cuxa cifra oscilaba ao redor dos 40 000.

No ano 44 a. C., a cidade recibiu o título de colonia baixo a denominación de Colonia Vrbs Iulia Nova Carthago (C.V.I.N.C), formada por cidadáns de dereito romano.

Augusto no 27 a. C. decidiu reorganizar Hispania, de xeito que a cidade foi incluída na nova provincia imperial Hispania Tarraconensis.

Da época republicana conservábase na cidade un anfiteatro romano. Con todo, é durante o mandato de Augusto, cando a cidade foi sometida a un ambicioso programa de urbanización e monumentalización, que incluíu, entre outras intervencións urbanísticas, a construción dun impresionante teatro romano e un foro de grandes dimensións.

Entre os mandatos de Tiberio e Claudio, a Tarraconensis foi dividida en sete conventus iuridicus, sendo un destes o Conventus Iuridicus Carthaginensis cuxa capital se atopaba na cidade.

A partir do século II, do mesmo xeito que ocorriu con outras cidades de Hispania, prodúcese un lento declive económico e demográfico na cidade que fai que todo o sector oriental da cidade quedase abandonado, incluíndo o foro construído na época de Augusto, quedando a cidade reducida ao sector que vai desde o cerro da Concepción ao Molinete. Unha das causas do declive da cidade parece que se debeu ao esgotamento da explotación mineira.

Baixo Imperio: creación da provincia Cartaxinense

[editar | editar a fonte]
Mozo con clámide procedente do foro romano. Museo Arqueolóxico de Cartaxena
Rea Silvia. Museo do Teatro Romano

Este declive viuse freado cando no ano 298, o emperador Diocleciano dividiu a Tarraconense en tres provincias, e constituíu a provincia romana Cartaxinense, establecendo a capital en Cartago Nova.

Unha gran parte do sector oriental da cidade foi reurbanizado empregando materiais procedentes dos edificios construídos durante o mandato de Augusto como, por exemplo,no mercado monumental, construído sobre os restos do teatro romano aproveitando materiais deste, ou nas termas da rúa Fonda.

A actividade comercial da cidade reorientouse á fabricación do garum, salsa de pasta de peixe fermentada, da que se atoparon numerosos restos de explotacións por toda a costa. Un exemplo do cambio de actividade económica da minería á fabricación de garum deuse na vila romana do Paturro.

Cara ao 425, a cidade foi arrasada e saqueada polos vándalos antes de pasar estes a África.

A cidade debeu reporse do ataque vándalo dalgunha maneira, pois en 461, o emperador Maioriano reuniu na cidade unha frota de 45 barcos coa intención de invadir e recuperar para o Imperio o Reino vándalo do norte de África. A batalla de Cartaxena saldouse cunha gran derrota da armada romana, que foi totalmente destruída.

Antigüidade tardía

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Carthago Spartaria.

Tras ser saqueada polos vándalos cara a 439, e trala caída do Imperio romano de Occidente no 476, a cidade pasou a poder visigodo, aínda que mantendo unha poboación fortemente romanizada. No marco das guerras civís visigodas, a metade do século VI unha facción pediu axuda ao emperador bizantino Xustiniano I, quen, tras unha curta campaña, conquistou unha franxa importante do sur de Hispania e converteu a cidade en capital da provincia de Spania co nome de Carthago Spartaria, e o bispado de Cartaxena converteuse en sede metropolitana.

Arqueoloxía

[editar | editar a fonte]

Xacementos

[editar | editar a fonte]
  • Anfiteatro romano. De época republicana, atópase baixo a actual praza de touros. Pódese ver moi parcialmente parte das estruturas. En 2009, levouse a cabo a súa escavación e musealización.
  • Augusteum e foro romano. Edificio romano sede dos sacerdotes dedicados ao culto do emperador. Século I d. C.
  • Canteiras romanas.
  • Casa da Fortuna. Vivenda romana do século I a. C. Destacan as súas pinturas murais e mosaicos.
  • Barrio e museo do foro romano. Conxunto de edificios romanos descubertos en 1968. É visitable un tramo de calzada, o decumano máximo da cidade, parte dunhas termas baixoimperiais, un edificio colexial e un santuario dedicado á deusa Isis. No outono de 2020 está prevista a apertura dun novo museo do foro romano de Cartago Nova.
  • Teatro romano. Descuberto en outubro de 1988, é un dos máis grandes da Hispania romana.
  • Torre Cega. Monumento funerario romano do século I d. C. Chamada así por carecer de vans.
  • Vila romana do Paturro, en Portmán.

A maior parte dos restos arqueolóxicos relacionados con Cartago Nova atópanse nalgún destes museos:

  • Museo Arqueolóxico Municipal.
  • Museo Nacional de Arqueoloxía Subacuática.
  • Museo do Teatro Romano. Inaugurado en 2008.
  • Museo Foro Romano Molinete.Inaugurado en 2021.
  • Museo Arqueolóxico da Unión. Na vila de Portmán.
  1. Estrabón: Geografía, III, 4-6, siglo I.
  2. "Cartagena y su término de la Edad Media al siglo XIX". Estudios sobre Desarrollo Regional (PDF). 2008. p. 32. ISBN 978-84-8371-794-3. 
  3. "Historia de Cartagena- Antigüedad - Región de Murcia Digital". regmurcia.com (en castelán). Consultado o 17 de marzo de 2022. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Le Roux, Patrick (2010). La péninsule Ibérique aux époques romaines : (fin du IIIe s. av. n.è. - début du VIIe s. de n.è.),. Colección "U" (en francés). París: Armand Colin. ISBN 9782200268336. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]