Carlos Garaikoetxea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Carlos Garaikoetxea
Carlos Garaikoetxea Urriza
Datos persoais
Nacemento2 de xuño de 1938
 Pamplona
OrganizaciónPartido Nacionalista Vasco (1975 - 1986), Eusko Alkartasuna
Alma máterUniversidade de Deusto
ProfesiónPolítico e avogado
editar datos en Wikidata ]

Carlos Garaikoetxea Urriza, nado en Pamplona o 2 de xuño de 1938, é un político e avogado vasco. Foi o segundo Lehendakari do Goberno Vasco, polo Partido Nacionalista Vasco, trala instauración da democracia e o primeiro elixido trala promulgación do Estatuto de Gernika (1980-1985). Foi o fundador e presidente de Eusko Alkartasuna. Reside en Zarautz (Guipúscoa).

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu en Pamplona en 1938, no seo dunha familia de emigrantes do campo de condición humilde. Realizou os seus primeiros estudos no colexio iruñarra dos Escolapios. Licenciouse en Dereito e Económicas na Universidade de Deusto, viaxando posteriormente a Londres e a París co fin de ampliar a súa formación. Garaikoetxea non aprendeu éuscaro de neno, debido a que tan só o seu pai sabía falalo, e aprendeuno despois.

Trala súa volta a Euskadi traballou no sector privado, chegando a presidir a Cámara de Comercio e Industria de Navarra (1962-1972). Como representante desta institución, formou parte do Consello Foral de Navarra. Tralo seu paso polo Consello Foral, exerceu a avogacía até 1979, ó tempo en que ocupaba cargos no PNV, no que ingresou en 1975. Entre ese ano e 1980 foi dirixente do PNV en Navarra. En 1979 abandonou a avogacía para dedicarse a tempo completo á labor política. Entre 1977 e 1980 presidiu o máximo órgano do partido, o Euskadi Buru Batzar.

Nas eleccións municipais e forais de 1979 Garaikoetxea resultou elixido membro do Parlamento Foral de Navarra. En xuño dese mesmo ano foi nomeado presidente do Consello Xeral Vasco, substituíndo a Ramón Rubial. Trala aprobación do Estatuto de Guernica, foi elixido Lehendakari do Goberno Vasco en 1980, sendo reelixido en 1984 con 32 escanos. Un ano despois, foi substituído por José Antonio Ardanza por discrepancias coa dirección do seu partido.

Lehendakari do Goberno Vasco (1980-1985)[editar | editar a fonte]

O seu mandato caracterizouse pola construción do goberno e institucións autonómicas vascas. Así, tivo que despregar o estatuto. Entre as competencias asumidas atopábanse a orde pública, coa conseguinte creación dun corpo de policía autónoma (a Ertzaintza) en 1982, a creación do Servizo Vasco de Saúde (Osakidetza) en 1981, ou a creación da radiotelevisión vasca, EiTB, cunha primeira emisión o 27 de decembro de 1982. Unha etapa que caracterizouse pola austeridade no gasto gobernamental, ou a consecución do Concerto Económico vasco en 1981.

Durante o seu mandato tamén abriuse a posibilidade de sindicación ós funcionarios do Goberno Vasco, un asunto que foi moi polémico no seu día.

Creación do EA[editar | editar a fonte]

En 1986, tras moitas desavinzas coa dirección do PNV en relación coa Lei de Territorios Históricos, que debía delimitar as competencias do Goberno Vasco e as das Deputacións Forais dos territorios históricos da CAV, a expulsión de toda a organización navarra ou a expulsión en Vitoria do que chegaría a ser primeiro presidente de EA Manuel Ibarrondo, separouse do PNV para fundar Eusko Alkartasuna o 17 de setembro, partido que presidiu até 1999 e polo que resultou elixido deputado do Parlamento Vasco nas eleccións autonómicas de 1986, de 1990, de 1994 e 1998 (últimas eleccións ás que concorreu como candidato). De 1987 a 1991 foi deputado no Parlamento Europeo. Entre 1990 e 1991 foi o presidente de Alianza Libre Europea.

En novembro de 1999 retirouse da política activa, cedendo o testemuño a unha nova xeración de políticos, entre eles ó seu fillo Carlos que seguiu os seus pasos políticos e profesionais sendo na actualidade tamén dirixente de EA e avogado.

Predecesor:
Ramón Rubial
 Presidente do Consello Xeral Vasco 
19791980
Sucesor:
Derradeiro presidente do Consello Xeral Vasco
Predecesor:
Jesús María de Leizaola
 
Lehendakari
 
1980 - 1985
Sucesor:
José Antonio Ardanza
Predecesor:
Manuel Ibarrondo
 Presidente de Eusko Alkartasuna 
19861999
Sucesor:
Begoña Errazti
Predecesor:
Jaak Vandemeulebroucke
 Presidente de Alianza Libre Europea 
19901991
Sucesor:
Jaak Vandemeulebroucke
Predecesor:
Ignacio Uncueta
 
18º Presidente do Euskadi Buru Batzar
 
18 de xaneiro de 197718 de xaneiro de 1980
Sucesor:
Xabier Arzalluz