Saltar ao contido

Estatuto de Autonomía do País Vasco de 1979

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Estatuto de Gernika»)

O Estatuto de Autonomía do País Vasco de 1979 é a norma institucional pola que o País Vasco accedeu ao seu autogoberno constituíndose en comunidade autónoma dentro de España. Ao longo da súa historia o País Vasco tivo dous estatutos de autonomía, o Estatuto de Autonomí­a de 1936, aprobado en plena guerra civil e que só puido ser posto en práctica en Biscaia (posto que Guipúscoa e Áraba estaban en mans do bando franquista) e o de 1979 (Lei Orgánica 3/1979, de 18 de decembro, de Estatuto de Autonomía para o País Vasco), tamén chamado Estatuto de Gernika.

Vista a imposibilidade de integrar a Navarra nun proxecto común pola oposición da maioría dos partidos políticos navarros, a Asemblea de Parlamentarios Vascos reunida en maio de 1977 aproba a elaboración dun proxecto de Estatuto de Autonomía que se presentaría ao Goberno, ao Parlamento e que habería de ser aprobado en referendo.

Redacción

[editar | editar a fonte]

Tras constituírse provisionalmente en 1977 as Xuntas Xerais de cada «territorio histórico» (denominación que a partir de entón recibirán as provincias vascas e Navarra), un Real Decreto de xaneiro do ano seguinte establecía a formación do Consello Xeral Vasco como órgano superior de goberno preautonómico, integrado por tres representantes de cada territorio histórico elixidos polas súas Xuntas Xerais. A súa actuación viuse dificultada tanto pola proliferación de organismos similares en todas as rexións españolas como pola escasa vontade do goberno central de proceder a transferencias reais de poder. En calquera caso, de acordo co decidido pola Asemblea de Parlamentarios Vascos, en decembro de 1978 foi constituído un relatorio redactor dun anteproxecto de Estatuto de Autonomía, que tras concluír os seus traballos a fume de carozo e facelo aprobar pola Asemblea, remitiu o anteproxecto ao goberno central o 29 de decembro.

Referendo

[editar | editar a fonte]

Sometido a referendo o 25 de outubro de 1979, foi aprobado cunha participación do 58,85% do censo e un 90,27% de votos afirmativos.[1]

O voto afirmativo foi defendido pola maioría dos partidos (PNV, PSE-PSOE, UCD, EE, PCE-EPK, PTE, ORT, EKA, PSOE-H, IR, ESEI) e pola organización armada ETA pm. A abstención foi a alternativa defendida pola coalición Herri Batasuna e polos partidos EMK, OIC-EKE e LKI. Pola súa banda, Alianza Popular (logo refundada no Partido Popular) e Unión Nacional pediron o voto en contra por considerar que a autonomía dos pobos era unha ameaza contra a unidade de España.

Características

[editar | editar a fonte]

O Estatuto establece un sistema de goberno parlamentario, no que o lehendakari ha de recibir a confianza do Parlamento Vasco, o cal é elixido por sufraxio universal e integrado por 75 deputados (25 por cada un dos tres territorios históricos).

O que fai ao Estatuto de Autonomía do País Vasco distinto aos demais non é o número das competencias transferidas ou que se poden transferir, pois o proceso aínda non foi completado, senón o feito de que, á vez que no ordenamento constitucional, a autonomía vasca fundaméntase na foralidade histórica, recoñecida na Constitución española. A partir deste suposto, o País Vasco obtén un procedemento de financiamento especial (só equivalente ao de Navarra) baseado nunha actualización dos concertos económicos establecidos trala abolición dos Foros en 1876, que se mantiñan en Áraba e Navarra pero foran derrogados en Guipúscoa e Biscaia polo réxime franquista ao finalizar a guerra civil. Igualmente, o Estatuto permite a formación dun corpo de policía propio, a Ertzaintza, con vocación de policía integral e despregada por todo o territorio. Para rematar, é tamén unha certa visión da foralidade a que leva a constituír unha organización territorial especial, na que as deputacións forais teñen tantas atribucións que entran en ocasións en conflito co Goberno Vasco.

  1. Pilar del Castillo Vera, «Referéndum del Estatuto de Autonomía en el País Vasco» Arquivado 30 de outubro de 2015 en Wayback Machine.. Revista del Departamento de Derecho Político, Núm. 5, inverno 1979-1980, pp. 201-211.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]