Cantiga de refrán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A cantiga de refrán, dentro da lírica medieval galego-portuguesa, é aquela que na súa composición inclúe un retrouso. Neste tipo de cantiga repítese un conxunto de versos de autonomía ritmática ao final de cada estrofa.

Definición[editar | editar a fonte]

O refrán, segundo Ângela Correia, pódese definir en termos xerais “como um conjunto de versos com autonomia rimática que se repete integralmente no fim de cada estrofe, com um número de versos inferior ao do corpo da estrofe e cuja medida silábica é igual à dos restantes versos da cobla” (Correia, 2000: 570).[Cómpre referencia]

As cantigas de refrán están elaboradas maiormente en versos octosílabos ou decasílabos e con rima asonante. O normal é que a cantiga presente tres ou catro estrofas. Este tipo de cantiga aparece sobre todo dentro das de amigo e parte das de amor (orixe popular ou autóctona).

O retrouso vai ligado en toda a Romania á poesía popular. Na lírica provenzal —cortesá e afastada do popularizante— é pouco común, sobre todo na cansó. De aí que nas cantigas galego–portuguesas predomine de forma superlativa nas composicións de amigo, tanto nas paralelísticas, que deben de ter sido as primeiras en levar refrán, coma nas non paralelísticas.

A partir de aí o retrouso ou refrán propagouse aos xéneros de amor e escarnio, onde a porcentaxe xa diminúe notabelmente.

Estrutura[editar | editar a fonte]

As cantigas de refrán seguen a base estrutural propia da cantiga galego-portuguesa, coa particularidade da presenza de refrán na cobra. Trátase dun ou varios versos que se repiten ao final de cada unha das estrofas que conforman a cantiga. Normalmente, presentan unha rima diferente das outras empregadas na cobra. O refrán condensa o tema principal da composición. Podía estar composto por unha frase de carácter conclusivo como dun elemento propio da cantiga. A presenza do refrán indícase con letras maiúsculas. A peza de Afons’Eanes do Coton é un exemplo de a7’b7’a7’b7’C7’C7’ “Quando se foi meu amigo…”. Este tipo de cantiga adoita estar formada por catro estrofas co seguinte esquema métrico: abbacca, abbaccb, ababcca, ababccb, mais os trobadores galego-portugueses empregaban a modalidade de dous versos monorrimos seguidos dun verso de refrán de rima independente: aaB.

A fiinda consta dun número de versos menor que o resto das cobras. Podía rimar tanto con refrán como coa estrofa precedente.

A conclusión final é que o 62,5% dos textos están formados seguindo apenas tres regras estróficas, con variantes mínimas. A poesía medieval é o resultado dunha determinada sociedade conservadora, escasamente evolucionada neste período e que rexe os seus patróns de “ben trobar, do ben facer” no máximo respecto aos deseños estabelecidos.

Para explicar as motivacións da tendencia de fórmulas únicas, pódese afirmar que a concepción da arte poética como algo oral obriga necesariamente á utilización de recursos que fixen na memoria dos ouvintes aquilo que se pretende comunicar: de aí o refrán e o paralelismo como elementos que marcan o carácter da composición.

Clasificación[editar | editar a fonte]

Cantiga de amor[editar | editar a fonte]

En gran coita, senhor,
que peior que mort’é,
vivo, per bõa fe,
e polo voss’amor
 esta coita sofr’eu
por vós, senhor, que eu

vi polo meu gran mal;
e melhor mi será
de morrer por vós ja,
e, por me Deus non val,
esta [coita sofr’eu
por vós, senhor, que eu]

polo meu gran mal vi;
e máis mi val morrer
ca tal coita sofrer,
pois por meu mal assi
 esta [coita sofr’eu
 por vós, senhor, que eu]

vi por gran mal de min,
pois tan coitad’and’eu.

Repertorios: Tavani 25, 36; D’Heur 504

Métrica: Consta de tres estrofas singulars de catro hexasílabos agudos, metro realmente atípico no xénero de amor.

  • Refrán de dous versos monorrimos da mesma medida e carácter.
  • Presenta unha fiinda formada por dous versos hexasílabos agudos, en que o primeiro rima co último do corpo da estrofa, e o segundo co refrán.

Artificios:

  • Cobras capfiindas (III,v.4 e IV, v.1: por e mal).
  • Cobras capdenals (II-IV, v.1: vi; II-III, v.2: e; I-II, v.4: e).
  • Casos de dobre con distribución máis ou menos regular, que no primeiro verso das estrofas II, III e IV son consecuencia do desenvolvemento paralelístico (II-III-IV, v.1: gran mal; II-III, v.2: mi; II-III, v.4: pois).

Presenza de rimas derivadas (I, v.2: é, e II, v.2: será), así como a repetición da palabra rimante nos dous versos do refrán e no segundo verso da fiinda (eu).

Rítmica:

  • Cantiga bastante irregular do punto de vista rítmico, aínda que na primeira parte pode observarse unha certa tendencia a marcar a tonicidade na terceira sílaba.
  • En canto ao refrán, o primeiro verso presenta igualmente tonicidade na terceira sílaba e o último nas sílabas segunda e cuarta.

Cantiga de amigo[editar | editar a fonte]

Amig’e fals’e desleal,
que prol á de vos trabalhar
de na mia mercee cobrar?
Ca tanto o trouxestes mal
que non ei, de vos ben fazer,
pero m’eu quisesse, poder.
Vós trouxestes o preit’assi
come quen non é sabedor
de ben nen de prez nen d’amor;
e por én creede per min
que non ei, de vos ben fazer,
[pero m’eu quisesse, poder].
Caestes en [a]tal cajon
que sol conselho non vos sei,
ca ja vos eu desemparei
en guisa, se Deus mi perdon,
que non [ei, de vos ben fazer,
pero m’eu quisesse, poder].

Repertorios: Tavani 25,11; Don Denis 600

Métrica: Esquema métrico 3 x 8a 8b 8b 8a 8C 8C (= Tav 160:327)

Artificios:

  • A conxunción que alterna a función consecutiva (I, III) coa completiva (II); mesmo na estrofa III que forma parte da locución conxuntiva en guisa que.
  • As posibilidades para compensar metricamente o verso son varias, en especial é de considerar tamén a variante [o]cajon, opción de Nunes e Cohen.

Rítmica: O refrán da cantiga presenta un notábel hipérbato; isto é: que non ei poder de vos ben fazer, pero m’eu quisesse.

Cantiga de escarnio e maldizer[editar | editar a fonte]

Achei Sanch[a] An[e]s encavalgada
e dix’eu por ela cousa guisada,
ca nunca vi dona peior talhada,
e quige jurar que era mostea;
e vi-a cavalgar per ũa aldeia
e quige jurar que era mostea.
Vi-a cavalgar en ũu seendeiro,
e non ia mig’or’ũu cavaleiro;
santiguei-m’e disse: «Gran foi o palheiro
onde carregaran tan gran mostea».
Vi-a cavalgar per ũa aldeia
e quige jurar que era mostea».
Vi-a cavalgar indo pela rua,
mui ben vistida en cima da mua;
e dix’eu: «Ai velha fududancua,
que me semelhades ora mostea!».
Vi-a cavalgar per ũa aldeia
e quige jurar que era mostea».

Repertorio: Tavani 18,1; Afonso X 453

Métrica: 3 x 10’a 10’a 10’a 10’b 10’B 10’B (= Tav 19:23)

Artificios:

  • Encontros vocálicos: 4-5 moste·a‿e; 5 ũ·a‿aldeia; 7 u͂͜u; 8 u͂͜u; 11 ũ·a‿aldeia; 17 ũ·a‿aldeia
  • Mantemos a copulativa inicial do primeiro verso do refrán da estrofa I, que xa desaparece nos seguintes, porque a episinalefa (mostea‿/‿e) permite absorber a sílaba métrica excedente.
  • A presenza da forma apocopada gran fóra do uso proclítico antenominal é absolutamente anómala e non volve rexistrarse no corpus das cantigas nin conseguimos documentala noutro texto antigo máis do que nas afonsinas Cantigas de Santa María.

Tipos de refrán[editar | editar a fonte]

Refrán exocéntrico[editar | editar a fonte]

Nas Cantigas de Santa María, por exemplo, pódese apreciar con regularidade o refrán mais, a diferenza da poesía profana, posúe unha independencia musical moi grande. Por ende, son incontábeis as ocasións en que o retrouso rompe a sintaxe. Pola contra, isto non sucede nas cantigas profanas, onde o refrán pode ser independente desde o punto de vista do contido (refrán exocéntrico) pero non da sintaxe.

Refrán intercalar[editar | editar a fonte]

Cando a totalidade ou parte dos versos que compoñen o retrouso están dentro do corpo da cobra, ou noutras palabras, o refrán non pecha a cobra, estamos perante un refrán intercalar. As variantes que ofrece son múltiples: desde un monóstico (25,9) ou un dístico (25,58) situado no interior da estrofa, até unha disposición propiamente "intercalada" no corpo da cobra (por exemplo, co esquema moi frecuente de aaaBB, onde B representa os versos do refrán). Consérvanse 59 cantigas con este tipo de refrán na lírica profana galego-portuguesa. Atopamos, ademais, unha certa tendencia a combinar esta última estrutura intercalar co fenómeno da repetición literal (17,2; 116,11), o que a conecta tamén co xénero, determinado pola forma, da bailada.

Refrán inicial[editar | editar a fonte]

Os versos correspondentes ao retrouso da cantiga aparecen ao comezo da composición, facendo en algunhas ocasións de exordio. Consérvanse 13 cantigas con refrán inicial.

Corpus[editar | editar a fonte]

O número de cantigas de refrán pódese estabelecer ao redor de novecentas sesenta, aínda que non resulta doado determinar a cifra exacta por dúas razóns. En primeiro lugar, existen certas composicións incompletas nas que o fragmento conservado coincide cunha soa estrofa, o que dificulta estabelecer se son de mestría ou de refrán. Como exemplo cabe citar as cantigas: 7,2; 7,9; 7,11; 7,12 e 7,13, de Afonso Mendez de Besteiros. Sobre cada unha das cales Carolina Michaëlis (1904) ( CA 439-443) escribe en nota: "Fragmento de uma cantiga de meestria", pero que polos esquemas métricos e polo contido do verso ou versos finais poderían ser de refrán. Por outra banda, a noción de refrán produce moitas indecisións entre os estudosos á hora de considerar aqueles retrousos dun só verso que non posúen unha coincidencia literal perfecta.

Existe a conservación de cantigas de refrán dentro das antoloxías do Cancioneiro da Ajuda (CA), gardado na Biblioteca do Palácio da Ajuda (Lisboa). No Cancioneiro da Biblioteca Nacional (CBN), coñecido tamén como Cancioneiro Colocci-Brancuti, conservado na Biblioteca Nacional de Lisboa e o Cancioneiro da Vaticana (CV) que é preservado en Italia.

Tamén cabe nomear o Pergamiño Vindel (PV) —que contén as sete cantigas de amigo compostas por Martín Codax—, o Cancioneiro de Berkeley, a Tavola Colocciana e os Cinco Lais de Bretaña.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]