Cancioneiro de Berkeley

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Cancioneiro de Berkeley, tamén coñecido como Cancioneiro da Bancroft Library[1], Cancioneiro de um Grande d'Hespanha[2] ou K, é unha colección do século XVI de 1157 cantigas[3][4] de escarnio e maldizer, de amor e de amigo.

Historia[editar | editar a fonte]

O Cancioneiro de Berkeley é unha copia do Cancioneiro da Vaticana composta entre 1592 e 1612[3]; este cancioneiro, ao mesmo tempo, é unha copia doutro composto a finais do século XV ou a principios do XVI[5]. A elaboración destas copias era parte da tradición manuscrita dos cancioneiros. Nalgúns casos engadíanse detalles e, alén disto, o cancioneiro resultante non era idéntico ao orixinal[6]. O destinatario era Juan Fernández de Velasco, gobernador español de Milán e embaixador en Roma[3].

Descubrimento e localizacións[editar | editar a fonte]

Foi descuberto en 1857 en Madrid, na biblioteca "de um Grande d'Hespanha" (Fernán Núñez)[4] por Francisco Adolfo de Varnhagen, un militar, diplomático e historiador brasileiro que publicou en 1870 unha selección de cincuenta textos. Esta selección foi moi duramente criticada despois, tanto por Ernesto Monaci como por Carolina Michaëlis de Vasconcelos[3], xa que se di que é unha versión distinta á copia que manexaba Colocci do Cancioneiro da Vaticana[4]. Varnhagen estudou o Cancioneiro de Berkeley na súa obra Cancioneirinho de Trovas Antigas.

A partir de 1870, o cancioneiro parece ter desaparecido da circulación até 1983, ano en que os profesores norteamericanos Arthur L.F. Askins (quen tamén coordinou unha recompilación de cancioneiros feita por Antonio Rodríguez-Moñino)[7] e Benjamin M. Woodbridge Jr. deron conta do seu redescubrimento no medio dun conxunto de varios códices adquiridos pola Biblioteca Bancroft, na Universidade de California en Berkeley[8]. Todos estes códices procedían do antigo arquivo español dos condes e duques de Fernán Núñez: a Fernán Núñez Collection, colección que consta de 225 volumes e chegou a formar parte da Biblioteca Bancroft en 1985, procedente da firma H. P. Kraus de Nova York. Aquí chegara desde Quadritch, en Londres[9]. Foi nesa colección, actualmente situada en Berkeley, onde Varnaghen atopou o cancioneiro[3]. De aquí nace, ademais, a súa denominación como Cancioneiro de Berkeley; por isto último é coñecido tamén como o cancioneiro K[10] (igual que, por exemplo, o da Vaticana é o V). Na actualidade existe un catálogo parcial da mencionada Colección Fernán Núñez[11] que inclúe os primeiros 160 volumes; este labor foi realizado por Anthony Bilss, bibliotecario, a partir das notas manuscritas do profesor Charles B. Faulhaber[9], quen informou en 1985 da presenza do manuscrito entre os adquiridos pola Biblioteca Bancroft da Universidade de California en 1983.

Descrición[editar | editar a fonte]

O Cancioneiro de Berkeley consta de 276 follas, as tres últimas en branco[3]. O seu texto está disposto en dúas columnas en letra cursiva e foi escrito por tres copistas diferentes. Pénsase que o compositor das cantigas orixinais é Afonso Sanches (infante e trobador portugués, bastardo de don Dinís); con todo, a primeira é atribuída a Pero d’Ornelas[12].

Aínda que lle faltan 43 composicións (de forma salteada e na parte final da colección)[3][13] é unha copia fiábel do da Vaticana; é máis, pode ser empregado como axuda para estabelecer lecturas do primeiro. Todas as notas á marxe (nomes de autores e comentarios) foron escritas por Angelo Colocci, humanista e relixioso italiano que realizou unha copia do Cancioneiro da Vaticana e cuxo nome é asociado á historia da transmisión da poesía trobadoresca galego-portuguesa[3][14]. Estas notas foron incorporadas na copia do Cancioneiro da Vaticana como se fosen elementos integrais do cancioneiro copiado, proceso que, en varios momentos, desligounas do texto orixinal ou conduciu a outras confusións.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cinguidos por unha arela común. Homenaxe ó profesor Xesús Alonso Montero. Universidade de Santiago de Compostela. 1999. 
  2. "The "Cancioneiro da Bancroft Library" (previously, the "Cancioneiro de um Grande d'Hespanha")". 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 Dicionário da literatura medieval galega e portuguesa. Caminho. 2000. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Autores, Varios (2016-01-07). Romancero y lírica tradicional (Los mejores clásicos) (en castelán). Penguin Random House Grupo Editorial España. ISBN 9788491052135. 
  5. "CANCIONERO DE LA VATICANA". centros.edu.xunta.es. Consultado o 2018-05-05. 
  6. Tavani, Giuseppe (1991). A poesía lírica galego-portuguesa. Galaxia. 
  7. Rodríguez-Moñino, Antonio (1973). Manual bibliográfico de cancioneros y romanceros. Castalia. 
  8. "La lírica galaico-portuguesa (4) – Blog Cultureduca educativa". www.cultureduca.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 07 de maio de 2018. Consultado o 2018-05-05. 
  9. 9,0 9,1 Cortijo Ocaña, Ramón. La Fernán Núñez Collection de la Bancroft Library, Berkeley: estudio y catálogo de los fondos castellanos (Parte histórica). 
  10. Pena, Xosé Ramón (2002). Historia da literatura medieval galego-portuguesa. Sotelo Blanco. 
  11. Sánchez, Antonia Víñez (2004). El trovador Gonçal'Eanes Dovinhal: estudio histórico y edición (en castelán). Univ Santiago de Compostela. ISBN 9788497503693. 
  12. Arbor Aldea, Mariña (2001). O cancioneiro de don Afonso Sanchez: edición e estudio. Universidade de Santiago de Compostela. 
  13. "El Cancionero de Berkeley y el Fragmento Sharrer en el proceso de collatio de variantes. La fijación del texto del Cancionero del rey Don Denis de Portugal" (PDF). 
  14. MCNBiografias.com. "Colocci, Angelo (1474-1549). » MCNBiografias.com". www.mcnbiografias.com (en castelán). Consultado o 2018-05-05. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]