Saltar ao contido

Brontotéridos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Brontotéridos
Rango fósil: 56 Ma-34 Ma
Eoceno

Esqueleto de Megacerops no
Museo Nacional de Historia Natural, Washington, DC
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Perissodactyla
Familia: Brontotheriidae
Marsh, 1873
Xéneros

Ver texto

Sinonimia
  • Menodontidae
  • Titanotheriidae

Os brontotéridos (Brontotheriidae), tamén chamados brontoterios, titanotéridos ou titanoterios, son unha familia de mamíferos exintos da orde Perissodactyla, na cal tamén están incluídos os cabalos, rinocerontes e tapires. Superficialmente, parécense a rinocerontes con cornos nasais algo desenvolvidos, e foron uns dos primeiros mamíferos que desenvolveron corpos de gran tamaño. Viviron hai uns 56–34 millóns de anos, no Eoceno, extinguíndose a principios do Oligoceno. Os brontotéridos tiñan unha distribución holártica, coa excepción de Europa occidental: vivían en América do Norte, Asia e leste de Europa.[1] Atopáronse importantes xacementos con ósos de brontoterios en Dacota do Sur[2] e Mongolia.

Características e evolución[editar | editar a fonte]

Reconstrución dun Megacerops
Reconstrución dun Megacerops
reconstrución de Protitanops curryi
Reconstrución de Protitanops curryi
Cranio de Rhinotitan
Cranio de Rhinotitan

Este grupo tamén foi denominado "titanoterios". "Titan" refírese aos deuses da relixión/mitoloxía grega que simbolizaban a forza e o gran tamaño, e "theros" que en grego significa 'animal salvaxe'. O nome brontoterios vén de "bronto" que en grego significa 'trono'.[3]

Os brontoterios teñen catro dedos nas patas anteriores e tres nas posteriores. Os seus dentes están adaptados a cortar vexetación relativamente non abrasiva. Os seus molares teñen unha forma característica de W ectolofo (con superficie cortante exterior). Os padróns de desgaste observados nos dentes suxiren unha dieta folívora. Os primeiros brontoterios tiñan dentes braquidontos con groso esmalte, mentes que as formas tardías evolucionaron a ter un estilo de dentes máis hipsodonto con esmalte máis delgado.[1]

Teñen un cranio postorbital alongado, o que significa que os seus cranios están alongados entre os ollos e os oídos. Tamén teñen facianas acurtadas anteroposteriormente.[1]

A historia evolutiva dese grupo coñécese ben debido ao excelente rexistro fósil que teñen en América do Norte.[4] Os primeiros brontoterios, como Eotitanops, eran bastante pequenos, de non máis dun metro de altura e sen cornos.

Os brontoterios evolucionaron desenvolvendo corpos masivos, e algunhas especies tiñan uns 2,5 metros de altura,[3] aínda que algunhas pequenas especies como Nanotitanops persistiron ao longo do Eoceno.[5] Algúns xéneros, como Dolichorhinus, tiñan cranios enormentete alongados. Os últimos brontoterios eran masivos, de ata 2,5 m de alto con apéndices craniais semellantes a cornos. O brontoterio norteamericano Megacerops, por exemplo, tiña grandes cornos pares sobre o nariz dimórficos sexualmente. Estes cornos, xunto coa musculatura moi desenvolvida do pescozo, suxiren que os brontoterios eran moi gregarios (sociais) e os machos probablemente realizaban algún tipo de comportamento de choque de cabezas cos seus cornos máis grandes para competiren polas femias.[6] Os cornos das femias son menores, e poderían telos utilizado para defenderse dos predadores e protexer as crías. En Asia, outra especie de brontoterio, Embolotherium, evolucionou ata ter un corpo igualmente xigante; con todo, no canto de ter os cornos con forma de tiracroios de Megacerops, tiña un só proceso óseo alongado que estaba composto polos ósos nasal e frontal.[6] É posible que Embolotherium usase a súa gran cavidade nasal para facer vocalizacións para comunicarse con outros da súa especie.[6] A diferenza dos rinocerontes, nos cales os cornos están feitos de queratina, os cornos dos brontoterios están compostos de materia ósea (dos ósos frontal e nasal) e situados a ambos os lados da cabeza en lugar de no centro desde a fronte cara a atrás. De maneira similar ás xirafas, os seus cornos estaban cubertos de pel e non tiñan canles para vasos sanguíneos nutrientes. Hai probas de crecemento óseo secundario, probablemente debido a impactos por choques entre cabezas.[1]

Os brontoterios estaban probablemente adaptados aos climas máis álidos e húmidos do Eoceno, e probablemente acabaron extinguíndose ao non poder adaptarse ás condicións máis secas e paisaxes máis abertas do Oligoceno.[7]

Descubrimento[editar | editar a fonte]

Reconstrución dun modelo de brontoterio (Parvicornis occidentalis) no Museo de Historia Natural de San Diego

Os brontoterios foron uns dos primeiros animais mamíferos fosilizados que se descubriron ao oeste do Mississippi, e o primeiro fósil atopouse en 1846 nos Badlands, Dacota do Sur.[2] Joseph Leidy foi o primeiro investigador que describiu cientificamente os fósiles de brontoterios, seguido de Cope e Marsh, que estudaron cranios e esqueletos completos.[1] Marsh acuñou o termo "Brontotheridae," identificándoos como ungulados de dedos impares, e identificando as características distintivas do grupo.[8][1][9] Atopáronse fósiles de Brontotheriidae no leste de Europa, leste de Rusia, Casaquistán, Paquistán, sueste asiático, Corea, Xapón, o sueste dos EUA e Canadá.[1]

Clasificación[editar | editar a fonte]

Os brontoterios son un clado que diverxeu cedo dentro dos perisodáctilos. Aínda que historicamente se suxeriu que estaban moi emparentados cos cabalos,[10] as análises filoxenéticas sitúanos fóra do clado que contén os calicoterios, rinocerontes, tapires e cabalos,[11] ou, alternativamente, están máis relacionados cos calicoterios, rinocerontes e tapires que cos cabalos.[12]

Clasificación dos Brontotheriidae segundo Mihlbachler 2008[13] e Mader 2010[14]
 Brontotheriidae 

 Eotitanopinae

 Palaeosyopinae

 Brontotheriinae
 Brontotheriini

 Rhadinorhinina

 Telmatheriina

 Brontotheriina

 Brontotheriita

 Embolotheriita

Neste capítulo preséntanse dous sistemas de clasificación dos Brontotheriidae. O primeiro contén 43 xéneros e 8 subfamilias, e, aínda que está baseado nunha publicación de 1997 de McKenna e Bell, resume as investigacións que se realizaron antes de 1920 e está moi desactualizado. A segunda clasificación está baseada na investigación de 2004 e 2005 de Mihlbachler et al., que indica que moitos dos nomes previos de subfamilias non son válidos. Na nova clasificación están incluídos varios brontoterios descubertos máis recentemente.

Aínda que Lambdotherium e Xenicohippus estaban previamente incluídos en Brontotheriidae, xa non se consideran membros desta familia. Lambdotherium, aínda que excluído, pode ser o parente coñecido máis próximo dos brontoterios. Xenicohippus considérase agora un membro temperán da familia dos cabalos, Equidae.

Clasificación vella (resumida por McKenna e Bell, 1997) Clasificación nova (Mihlbachler et al., 2004a, 2004b; Mihlbachler, 2005)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Mihlbachler, Matthew C. (xuño de 2008). "Species Taxonomy, Phylogeny, and Biogeography of the Brontotheriidae (Mammalia: Perissodactyla)". Bulletin of the American Museum of Natural History 2008 (311): 1–475. ISSN 0003-0090. doi:10.1206/0003-0090(2008)501[1:STPABO]2.0.CO;2. 
  2. 2,0 2,1 "Brontothere: Large beasts of the Badlands (U.S. National Park Service)". www.nps.gov. Consultado o 2024-03-08. 
  3. 3,0 3,1 "nfd logo fossils - National Fossil Day (U.S. National Park Service)". www.nps.gov. Consultado o 2024-03-08. 
  4. Titanotherium
  5. Sanisidro, O.; Mihlbachler, M. C.; Cantalapiedra, J. L. (2023). "A macroevolutionary pathway to megaherbivory". Science 380 (6645): 616–618. doi:10.1126/science.ade1833. 
  6. 6,0 6,1 6,2 "Brontotheriidae | Perissodactyl". research.amnh.org. Consultado o 2024-03-08. 
  7. Sanisidro, Oscar; Mihlbachler, Matthew C.; Cantalapiedra, Juan L. (2023-05-12). "A macroevolutionary pathway to megaherbivory". Science 380 (6645): 616–618. ISSN 0036-8075. doi:10.1126/science.ade1833. 
  8. Cope, E. D. (1881). "The Systematic Arrangement of the Order Perissodactyla". Proceedings of the American Philosophical Society 19 (108): 377–401. ISSN 0003-049X. 
  9. Marsh, Charles O. (1876). "Principal Characteristics of the Brontotheridae". American Journal of Science and Arts 11: 335–340. 
  10. Koenigswald W von (1994) U-shaped orientation of Hunter-Schreger Bands in the enamel of Moropus (Mammalia: Chalicotheriidae) in comparison to some other Perissodactyla. Ann Carnegie Mus 63:49–65
  11. Hooker, J. J.; Dashzeveg, D. (novembro de 2004). "The origin of chalicotheres (Perissodactyla, Mammalia)". Palaeontology 47 (6): 1363–1386. ISSN 0031-0239. doi:10.1111/j.0031-0239.2004.00421.x. 
  12. Bai, Bin; Wang, Yuan-Qing; Meng, Jin (2018-08-15). "The divergence and dispersal of early perissodactyls as evidenced by early Eocene equids from Asia". Communications Biology 1 (1). ISSN 2399-3642. PMC 6123789. PMID 30271995. doi:10.1038/s42003-018-0116-5. 
  13. Mihlbachler, Matthew C. "Species taxonomy, phylogeny and biogeography of the Brontotheriidae (Mammalia, Perissodactyla)". Bulletin of the American Museum of Natural History (American Museum of Natural History) (311). hdl:2246/5913. Consultado o 4 de setembro de 2013. 
  14. Mader, Bryn J. "A species-level revision of the North American brontotheres Eotitanops and Palaeosyops (Mammalia, Perissodactyla)" (PDF). Department of Biological Sciences and Geology, Queensborough Community College. Consultado o 4 de setembro de 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]