Bluegrass

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bluegrass
Instrumentos típicosVoz, guitarra, mandolina, banjo, violín, contrabajo, dobro

A música Bluegrass é un xénero que pertence ao conxunto de músicas tradicionais estadounidenses (American roots music), orixinouse nos anos 1940 na zona dos Apalaches de Norteamérica. Bill Monroe (Bill Monroe and the Blue Grass Boys) deulle o nome definitivo a un xénero musical que, até entón, era coñecido como hillbilly. A música Bluegrass é unha unión de diferentes músicas tradicionais do mundo (Inglesa, Irlandesa, Escocesa e Afroamericana) e de distintos tipos ou xéneros musicais (Jazz, blues...). O xénero experimentou un gran desenvolvemento con Earl Scruggs, que ademais de ser un dos músicos máis importantes do xénero creou un método para tocar o banxo de 5 cordas moi completo que se converteu na pedra angular do xénero.

Úsanse instrumentos de corda acústica e saliéntase o off-beat. Anticípanse notas, en contraste co blues relaxado onde as notas están detrás do ritmo, o que crea maior enerxía, característica do Bluegrass. Como nalgunhas formas de jazz, un ou máis instrumentos tocan a melodía e improvisan sobre unha estrutura que crean os músicos ao seu redor (mediante o acompañamento). Isto contrasta coa música Old time, na que todos os instrumentos tocan a melodía xuntos ou un instrumento leva a dianteira mentres que os outros brindan acompañamento. O Bluegrass caracterízase a miúdo por tempos rápidos e unha destreza instrumental infrecuente e, ás veces, por cambios complexos de acordes.

Existen tres subxéneros:

  • Bluegrass tradicional: úsanse só instrumentos acústicos e tócanse cancións tradicionais coa súa progresión de acordes tradicional, un exemplo: Bill Monroe.
  • Bluegrass progresivo: adoitan usar instrumentos eléctricos (baixo) e o seu repertorio de cancións inclúe cancións doutro xénero, exemplos: Punch Brothers, Cadillac Sky and Bearfoot.
  • Bluegrass gospel: letras cristiás e melodías adaptadas ás voces como elemento principal.

Historia[editar | editar a fonte]

O Bluegrass desenvolveuse desde os diferentes elementos da música Old Time e a música da rexión Apalache dos Estados Unidos. A rexión Apalache foi o fogar de moitos inmigrantes procedentes de Europa, estes levaron con eles as cancións tradicionais das súas terras natais. O instrumento máis común era o violín e usábase en jigs e reels. Os músicos de orixe africana importaron a icona instrumento Apalache, o banxo. Tras moito tempo, en 1945, Earl Scruggs desenvolveu unha técnica para tocar o banxo con tres dedos que mediante rolls (arpexios) conseguía achegar aos instrumentos maior rapidez e mellor manexo do tempo, son que se converteu no novo son do bluegrass.

Moitas cancións típicas de Bluegrass teñen como orixe Europa e outras moitas a rexión Apalache, o que fai que sexa frecuente escoitar a músicos debater sobre a orixe real da melodía. As cancións máis antigas que se coñecen son "Pretty Saro", "Pretty Polly", "Cuckoo Bird", "House Carpenter", "Leather Britches", "Soldier's Joy" e "Cumberland Gap" entre moitas outras.

A denominación do estilo deriva da banda formada en 1939 por Bill Monroe, os Blue Grass Boys. A partir de 1945, o grupo de Monroe incorporou ás súas filas ao intérprete de banxo Earl Scruggs. A etapa dos Blue Grass Boys entre 1945 e 1948 é o momento de consagración do xénero, creándose nesta época o característico son e a configuración instrumental considerados canónicos do bluegrass.

A finais dos anos 1940, outras bandas comezaron a cultivar este mesmo estilo. Os primeiros foron os Stanley Brothers, quen gravaron en 1947 a canción tradicional Molly and Tenbrooks ao estilo dos Blue Grass Boys.

Instrumentos[editar | editar a fonte]

A música bluegrass é interpretada por bandas cuxos instrumentos principais adoitan ser guitarra, banxo, mandolina, violín e baixo, aos que se engade en ocasións o dobro. A parte vocal é harmonizada en trío ou dúo, sempre cunha voz moi alta de característico son desgarrado e cautivante coñecido como "high lonesome sound". En canto á letra contan historias sinxelas de tipo dramático, amoroso ou relixioso vistas desde o punto de vista dun montañés.

Primeira xeración[editar | editar a fonte]

A primeira xeración de músicos de bluegrass dominou o xénero desde os seus inicios a finais dos anos 1940 até mediados da década de 1960. Os máis coñecidos son Bill Monroe e os seus Blue Grass Boys; os Stanley Brothers; Lester Flatt e Earl Scruggs, e o seu grupo, os Foggy Mountain Boys, e Don Reno.

Segunda xeración[editar | editar a fonte]

A mediados da década de 1960 entrou en escena unha nova xeración de músicos, xeralmente formados en bandas da xeración anterior. Os máis importantes son Bill Keith, Ricky Skaggs, J.D. Crowe, Doyle Lawson e Tony Rice. Nesta segunda xeración comezou a desenvolverse a variante do estilo coñecida como bluegrass progresivo, en grupos como New Grass Revival, Seldom Scene e Osborne Brothers.

Terceira xeración[editar | editar a fonte]

A terceira xeración alcanzou a primacía a mediados dos anos 1980, e supuxo varios cambios importantes no desenvolvemento estilístico do bluegrass. O baixo eléctrico substituíu o baixo acústico, aínda que os restantes instrumentos do conxunto continuaron sendo acústicos. Fíxose menos frecuente a utilización da guitarra rítmica. Algunhas bandas desenvolveron un estilo similar ao coñecido como "muro de son" ("wall of sound"). Destacan grupos como IIIrd Tyme Out e Lonesome River Band. A esta xeración pertence tamén a que é na actualidade a intérprete máis exitosa deste estilo, a cantante e violinista Alison Krauss, unha das líderes da banda Union Station, onde tamén militan figuras como Dan Tyminski e Jerry Douglas. Polo seu achegamento ao pop independente (indie) destaca tamén o grupo Nickel Creek.

Actualidade[editar | editar a fonte]

O Bluegrass é un elemento moi común nas diferentes comunidades de Estados Unidos, constituíndo unha rede de asociacións de músicos tanto profesionais como afeccionados, desde asociacións nacionais até locais. É moi frecuente ver un calendario de festivais, obradoiros, clases e demais actividades ao redor delas para fomentar a escena do Bluegrass. O Bluegrass caracterízase polo ambiente familiar entre os membros da comunidade, quedando reflectido na frase de John Hartford (gañador de tres Premios Grammy e cuxa canción Gentle on My Mind figura na lista "Top 100 cancións do século de BMI"): "Bluegrass is like America's last small town... Everybody knows everybody... And you don't have to lock your doors" (O Bluegrass é como o pobo máis pequeno de América, todo o mundo se coñece e non tes que pechar as túas portas).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]