Big Band do Conservatorio da Coruña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Big Band do Conservatorio Superior de Música de A Coruña comeza a súa andaina en 1992 co propósito de dar a oportunidade ós xoves músicos de desenvolverse no campo do jazz en xeral, e intentar soster unha formación jazzística destas características na Coruña, cunha finalidade pedagóxica e permitindo ós seus compoñentes unha práctica instrumental de conxunto indispensable para a súa formación, e buscando sempre o labor de conxunto por enriba das individualidades.

Realiza a súa presentación o 5 de maio de 1993 no Palacio de Congresos da Coruña formando parte do programa de concerto de fin de curso, e trala súa traxectoria, aínda que contou con diversos cambios na formación de instrumentistas, aínda conserva hoxe en día a músicos que permanecen dende a súa creación, aportando así ó grupo un carácter propio que se reflicte no seu repertorio, ademais de contar con outros músicos profesionais.

Desde seus inicios, a orquestra conta cun repertorio en que conviven os grandes clásicos coas composicións máis modernas abranguendo os diferentes estilos dentro do jazz, como o Swing, bossa nova, funky, bop..., en versións dos mellores músicos e arranxistas como D. Wolpe, J. Harvis, Herbie Hancock, B. Holman, Duke Ellington, José Luis Evangelista..., entre outros, así como obras orixinais para Big Band.

Na súa traxectoria tocou en numerosos escenarios de toda Galicia. Os concertos no Hogar Musical da Coruña, Conservatorio da Coruña, Escola Oficial de Idiomas da Coruña, Facultade de Dereito da Coruña, I. B. Alfredo Brañas de Carballo, Conservatorios de Vigo e Pontevedra, Facultade de Ciencias da Educación, concerto de clausura da “Mostra do Ensino en Galicia 2000”, son unha mostra do labor didáctico que esta orquestra quere desempeñar, así como destacar colaboracións coa universidade e o Xove Ballet da Coruña.

Ademais do seu labor didáctico, a orquestra tocou en numerosos auditorios e salas de concerto coma os palacios de congresos da Coruña e Santiago de Compostela, teatro Rosalía de Castro da Coruña, teatro Colón da Coruña, auditorio “A fábrica” de Perillo, Auditorio municipal Carmen Estévez de Vilalba, Forum Metropolitano...; numerosos concertos por circuítos culturais, IMCE, ciclo de “Jazz no Muíño” (Culleredo), Semana Cultural de Culleredo, Semanas Culturais de Ortigueira, XI e XII xornadas de jazz de Betanzos, así como concertos especiais como a homenaxe a Duke Ellington no centenario do seu nacemento (1899- 1999) ou o I encontro de Big Bands, concerto memorial ó saxofonista Antonio Cal “Purriños”.

Compartiu cartel con músicos da categoría de Baldo Martínez grupo, Paul Bley trío, con Gary Peacock e Poul Montian,; Richard Galliano, Dianne Reeves e acompañou ó saxofonista, compositor e arranxador americano George Coleman, que formou parte, entre outros, do mítico quinteto de Miles Davis xunto a Herbie Hancock, Ron Carter e Tony Willians, quedando moi contento da profesionalidade dos músicos, como se podía ler na prensa: Sen problema ningún. Estou moi contento coa experiencia, xa que nunca tocara con eles..., todo foi de forma moi fluída e estou moi contento de como Evangelista levou a Big Band e estou seguro de que os músicos estarán a una grande altura durante o concerto”.