Bengt Anders Euphrasén

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bengt Anders Euphrasén
Nacementoabril de 1756 e 26 de abril de 1755
Lugar de nacementoHabo
Falecemento25 de decembro de 1796
Lugar de falecementoEstocolmo
NacionalidadeSuecia
Alma máterUniversidade de Uppsala
Ocupaciónexplorador, zoólogo, naturalista, botánico e ictiólogo
editar datos en Wikidata ]

Bengt Anders Euphrasén (ás veces escrito Bengt Anders Euphrasen), nado o 25 de abril de 1756 na parroquia de Habo, na antiga provincia sueca de Västergötland (Gotlandia occidental, que comprendía os actuais condados de Västra Götaland, Jönköping, Halland e Örebro), e finado o 25 de decembro de 1796, foi un médico, botánico, zoólogo e explorador sueco.[1][2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Bengt Euphrasen fixo os seus primeiros estudos en Visingsö, e logo comezou a estudar veterinaria en Skara pero, antes de rematar esta carreira, decidiu unirse á Compañía Sueca das Indias Orientais como mariñeiro e embarcou a bordo do buque Louisa Ulrica con destino á China, onde recolectou espécimes da flora para o naturalista Clas Alströmer.

Ao seu regreso a Suecia, herborizou en Bohuslän (estaba especialmente interesado nas especies do xénero Euphrasia). Entrou a cursar estudos na Universidade de Uppsala o 24 de febreiro de 1783 (onde foi alumno de Linneo).[1] Era máis vello (e máis experimentado) que os seus compañeiros de estudos despois dos seus anos pasados como mariñeiro.

Por recomendación de Clas Alstromer foi nomeado bibliotecario da Real Academia das Ciencias de Suecia. Esta institución financiou unha expedición de naturalistas á illa de Saint-Barthélemy (nas Antillas francesas), na que participou.[1] A expedición partiu en novembro de 1787 e chegou á illa en febreiro de 1788. Alí Euphrasen estudou a flora e os peixes das illas, residindo en Saint-Barthélemy desde o 8 de febreiro até o 17 de abril de 1788, visitando por dous días a vila de Saint-Eustache (Québec, Canadá) e, do 17 de abril ao 19 de xuño de 1788 na illa de Saint-Christophe (hoxe Saint Kitts).[3]

Ao seu regreso a Suecia, en agosto, foi nomeado botánico-demostrador.

A súa colección botánica foi estudada e descrita por Johan Emanuel Wikström.

Principais publicacións[editar | editar a fonte]

  • 1790 - Raja narinari; en Neue Abhandlungen der Kgl. Schwedischen Akademie; T. 11, pp. 205–207.
  • 1790 - Aetobatus narinari.
  • 1792 - Carl von Linné Termini Botanici, eller botaniska Ord.
  • 1795 - Beskrifning öfver svenska vestindidiska ön St. Barthelemi, samt öarne St. Eustache och St. Christopher; Estocolmo: Anders Zetterberg.

Abreviaturas[editar | editar a fonte]

  • A abreviatura Euphrasén emprégase para recoñecer a Bengt Anders Euphrasén como autoridade na descrición e sistemática de botánica.[4]
  • A abreviatura Euphrasen emprégase para recoñecer a Bengt Anders Euphrasén como autoridade na descrición e sistemática de zooloxía.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Gudrun Nyberg (2010): Ögontröst. En biografi över naturforskaren Bengt Andersson Euphrasén 1755-1796, en Svenska Linnésällskapets årsskrift, pp. 69–89.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]