Entroido de Xinzo de Limia
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde febreiro de 2014.) |
| Entroido de Xinzo de Limia | |||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Entroido de Galicia | |||||||||||||
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| Wikidata C:Commons |

O Entroido de Xinzo de Limia é unha celebración de orixe popular que se celebra en Xinzo de Limia durante o ciclo do entroido. En 2019 foi declarado Festa de interese turístico internacional de España.
Celebracións
[editar | editar a fonte]O Entroido de Xinzo de Limia iníciase tres fins de semana antes do domingo de entroido co domingo fareleiro, cando ten lugar a primeira batalla co farelo na praza Maior.
A procesión do Meco ten lugar o seguinte sábado desde o Barrio de Abaixo. Ao escurecer sae pola rúa dos Viños acompañado con fachucos de palla e unha gran comitiva formada polo carro cos bois, touro, choqueiros, máscaras, cura, gaiteiros, apeiros de labranza e gandeiros con vestimenta tradicional ata a praza Maior onde se fai o "Colgamento do Meco". O día seguinte, domingo oleiro, realízase na praza Maior o xogo da ola, en que se pasan as olas de barro de Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo). Despois o xogo repítese no Barrio de Abaixo.
O sábado de corredoiro, as mulleres van disfrazadas e reúnense para cearen en restaurantes ou en locais particulares. O domingo corredoiro saen as pantallas por primeira vez no ano.
Desde o venres seguinte até o martes de Entroido son os cinco días grandes, coa participación de charangas e bandas de gaitas locais. O venres de Entroido é a quenda do desfile infantil, no cal os colexios de todos os arredores veñen desfilar polas rúas de Xinzo cos seus disfraces, que nalgún caso levan un tempo elaborándoos. O sábado de Entroido, xa dende case o mediodía, están as rúas amenizadas polas charangas, que van polas rúas tocando ata altas horas da noite seguidas de grandes grupos de xente. O martes ten lugar o desfile de entroido. O mércores de cinza ten lugar o enterro da sardiña, onde despois do sermón, no que se recollen sucesos destacados durante o ano na vila e se leva á sardiña (símbolo do entroido) en procesión polas rúas, quéimase ao animal na Praza Maior.
O ciclo péchase co sábado de piñata, onde se xoga ao xogo da cucaña na Praza Maior, e mailo domingo de piñata, onde hai animación infantil e se descolga o meco, que retorna en procesión ao Museo do Entroido, pechando o ciclo.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Entroido de Xinzo de Limia |