Bardaos, San Sadurniño
| Bardaos | |
|---|---|
Bardaos. | |
| Concello | San Sadurniño[1] |
| Provincia | A Coruña |
| Coordenadas | 43°34′28″N 8°02′24″O / 43.5745, -8.0399 |
| Poboación | 240 hab. (2025) |
| Entidades de poboación | 13[1] |
| [ editar datos en Wikidata ] | |
Santa María de Bardaos[1] é unha parroquia que se localiza no norte do concello de San Sadurniño, lindando ó leste co concello de Moeche e ó oeste co concello de Valdoviño. Segundo IGE en 2013 tiña 282 habitantes (150 homes e 132 mulleres) distribuídos en 10 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999, cando tiña 274 habitantes.
Na xurisdición eclesiástica forma parte do arciprestado de Xuvia, pertencente á diocese de Mondoñedo-Ferrol.
A parroquia
[editar | editar a fonte]A poboación en épocas de vacacións pode alcanzar facilmente os 350 habitantes. Esta poboación atópase distribuída en 14 núcleos de poboación: Randulfe, Casanova, Gudín (en realidade este lugar pertence á parroquia de Lamas, pero debido á súa situación xeográfica desenvolven os seus labores nesta parroquia), Veiga, Castro, A Fraga, Sanguiñeira, Bañoca, Loibas, Pardiñeira, Leboriz e Carbeiral, Meixeiroa e por último A Corveira.
Accidentes xeográficos
[editar | editar a fonte]Os accidentes xeográficos máis salientábeis son os cotos da Croa, da Tillería e o Coto Agudo. O primeiro érguese na zona centro da parroquia cunha altura que apenas excede os douscentos metros, pero evidentemente o que fai rechamante este coto non é a súa altura, senón os restos dun antigo castro celta. Hai xa anos fixéranse unhas escavacións no castro e nel atopáranse distintas pezas de bronce e incluso ouro, ademais dunha infinidade de pezas de cerámica. Como se dun xemelgo se tratase, a carón da Croa érguese o coto da Tillería, aínda que este non presume de ningún tipo de restos. O Coto Agudo é o teito de Bardaos, erguese uns 374 m por encima do nivel do mar, e na súa cima conflúen tres concellos: San Sadurniño, Valdoviño e Moeche. A Consellaría de Medio Ambiente escolleu este coto para instalar nel unha torre de vixilancia de incendios forestais. Outro dos atractivos é a formación natural que forman unha serie de rochas a modo de gruta, coñecida como A Cova do Coto.
Orografía
[editar | editar a fonte]Ríos
[editar | editar a fonte]A parroquia de Santa María de Bardaos está regada polo río Forcadas, que desemboca no encoro do mesmo nome, ó seu paso pola nosa parroquia. O Forcadas aliméntase de pequenos regatos como o do Porcallo duns tres kms e que nace na Fonte do Coto. Outro afluente é o da Tilleira, de lonxitude semellante ó anterior e que ve a luz no concello de Moeche. Preto da desembocadura deste último faino tamén o Rego do Cedo, este nado na Meixeiroa, cunha lonxitude de pouco máis de 1 km, a escasos cincocentos metros, sumase ó Forcadas o cano da Tillería, este con apenas catrocentos metros ten o seu berce na Fonte dos Cunqueiros. Logo vén o canigote do Balogueiro, con orixe na Pallota e de lonxitude moi parecida ós dous primeiros, antes de incorporarse ó Forcadas, este canigote vese reforzado polo caudal do Cano dos Xacobes de apenas 1 km de lonxitude. O penúltimo en sumarse ó Forcadas é o río da Veiga, sen dúbida o máis longo e caudaloso de todos eles; a súa orixe hai que buscala nas terras do Camiño Arriba. Por último está o Cano Grande das Fontes cunha lonxitude que rolda os 3 km.
Fontes
[editar | editar a fonte]Comezando polo norte, atopámonos coa Fonte do Coto que dá lugar ó afluente do Porcallo. Esta fonte conserva un antigo lavadoiro público no que as mulleres ían lavar a roupa, e que presenta un estado excelente. A escasos cincocentos metros desta está a Fonte da Rica, da que se acostumaba usar a súa auga para facer os Corgos, que eran os lugares onde se colocaba o liño para abrandalo. A Fonte das Carballas posúe unha auga moi apreciada para o consumo humano. A Fonte da Abeleira, ó igual que a anterior, goza de moi boa sona. Xa na Bañoca, hai dúas fontes, a dos de Casanova e a das Lagas. No Castro está a Fonte do Pereiro, a auga desta fonte xamais contou coa aprobación popular, pois sempre tivo sona de ser catarreira. A Fonte da Escrita, sita na ladeira do coto da Escrita, aínda que no termo de Bardaos. Ademais do lavadoiro da Fonte do Coto está o da Casanova, este de carácter privado, e varias pedras de fregar como son a do Cubo do Muíño de Riba, a do Cano do Caneiro, a da Ponte e a do Balogueiro.
Muíños
[editar | editar a fonte]Debido á proliferación de regatos, a parroquia ten varias aceas ou muíños de auga. O muíño da Tilleira, no seu día alimentado polo canigote do mesmo nome, pertencía a varios parceiros. O Muíño de Riba, tras pasar por varios donos, pertenceu a Nieves Sanjurjo. Este era un muíño bastante grande, tiña dous muíños e unha habitación contigua na que houbo un salón de peiteado. Na área recreativa están as ruínas do Muíño do Medio, o peor conservado. En dirección ó Castro están o Muíño do Balogueiro, o cal tamén pertenceu a varios parceiros, e o muíño do Castro, propiedade de Vicente Canosa; este muíño forma parte da estrutura da casa e posiblemente fose o último en cesar a súa actividade. Coa chegada do progreso estes muíños foron vendo como se comezaban a instalar muíños eléctricos e ían quedando en desuso.
Elementos arquitectónicos
[editar | editar a fonte]Bardaos ten varios cruceiros. O primeiro, e de creación recente, é o do Tio Milio, encargado polo tio Milio de Casimiro para cubrir o oco deixado por outro que había anos lucira nesta encrucillada. Xa máis antigo é o situado na eira de Eliseo de Xan, construído en cantería e de idade descoñecida. Tamén de cantería é o cruceiro da Meixeiroa, colocado en sinal de dó por un crime cometido neste punto. Por último, o Cruceiro da Reina foi restaurado por Miguel Vilela. Este cruceiro conta coa particularidade de que no seu día foi posto a modo de campo santo para aqueles nenos que morrían no parto ou ben antes de se bautizaren, xa que por aquel entón o que non tivera feito o bautismo non podía ser enterrado no cemiterio.
Economía
[editar | editar a fonte]A principal fonte de ingresos desta parroquia hai que buscala nas pequenas explotacións gandeiras así como no sector forestal. Un dos reclamos turísticos de Bardaos é a pesca e a caza; a troita do Forcadas e especies como o xabarín e o corzo fan que a esta pequena parroquia se achegue xente dos máis diversos lugares.
A Confraría de San Pipote
[editar | editar a fonte]A asociación deportiva cultural e recreativa da parroquia é a Confraría de San Pipote.
Lugares e parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Bardaos
[editar | editar a fonte]| Lugares da parroquia de Bardaos no concello de San Sadurniño na A Coruña | |
|---|---|
|
Bañoca | O Carbeiral | Casanova | O Castro | Corveira | A Fraga | Leboriz | As Loibas | A Pardiñeira | Randulfe | A Sanguiñeira | A Torre | A Veiga |