Igrexafeita, San Sadurniño
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Igrexafeita | |
---|---|
Igrexa de Santa María de Igrexafeita. | |
Concello | San Sadurniño[1] |
Provincia | A Coruña |
Coordenadas | 43°30′00″N 8°00′48″O / 43.5001, -8.0133 |
Poboación | 182 hab. (2019) |
Entidades de poboación | 35[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
Santa María de Igrexafeita é unha parroquia que se localiza no leste do concello coruñés de San Sadurniño. Segundo o IGE en 2013 tiña 204 habitantes (99 homes e 105 mulleres) distribuídos en 34 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 293 habitantes.
Na xurisdición eclesiástica forma parte do arciprestado de Xuvia, pertencente á diocese de Mondoñedo-Ferrol.
Xeografía
[editar | editar a fonte]O río Castro suca a parroquia de leste a oeste case encaixoado practicamente en liña recta, deixando a un e outro lado desniveis importantes que son máis acusados na súa ribeira sur. Desde os contrafortes da parroquia que fai de límite cos concellos das Pontes de García Rodríguez e As Somozas, obsérvaee unha ladeira dunha altura media superior aos 300 metros completamente cuberta de fraga e eucaliptais que, ao seu tempo, aparece sucada por numerosos regatos. O máis importante deles é o rego da Pasada da Barra, que nace na serra do Forgoselo e se mantén con auga durante todo o ano.
A maior parte dos núcleos de poboación aséntanse ao longo da ribeira norte do río Castro e, máis concretamente, seguindo a estrada Ferrol-As Pontes e a nova autovía, que fendeu Igrexafeita en dúas metades. A configuración do terreo deixa entrever nalgúns puntos a abundancia de cuarcita que ten na Pena do Rei Mouro un dos meirandes conglomerados de seixo de toda Galiza.
Patrimonio histórico
[editar | editar a fonte]Hórreos e vivendas tradicionais compoñen a maior parte da súa riqueza patrimonial, que se complementa coa igrexa medieval reformada entre os séculos XVIII e XIX. Neste templo –situado no lugar da Torre- hónrase á virxe do Viscordel. A arquitectura relixiosa complétase con cruceiros e coa ermida de Amido –no nordeste da parroquia- erixida en honra a San Vicente e na que non adoita haber oficios.
En relación co patrimonio artístico cómpre destacar o recente descubrimento de importantísimas pinturas murais na igrexa que apuntan cara a un estilo gótico. Estes murais conserváronse grazas ao retablo barroco que se construíu diante delas salvagardando o muro. Abranguen toda a parede do fondo do presbiterio e esténdense pola parte da bóveda de cruzaría que quedou tapada polo retablo. En principio os muros laterais e toda a bóveda de cruzaría estaban decorados, pero crese que nun intento de ennobrecer o templo buscouse a pedra picando a pintura mural, polo que non se conserva.
En realidade, as pinturas que se poden observar na actualidade corresponden a catro pinturas de épocas diferentes:
- A máis recente, a que máis espazo ocupa, corresponde á Asunción da Virxe. Nesta escena aparece representada na parte superior a Virxe con catro anxos que a soben ao ceo mentres outros dous a coroan.Toda a escena remátase na bóveda coa presenza de Deus Pai coas mans estendidas, bendicindo coa dereita e flanqueado por dous anxos trompeteiros. Abaixo, a ambos lados aparecen os apóstolos divididos en dous grupos de seis coas caras cara a arriba mirando á Virxe e as mans xuntas en sinal de oración. No grupo da dereita poden distinguirse a San Pedro coa chave e a Santo Tomás, que está xirado, e é o único que non está mirando á Virxe. No segundo grupo da esquerda aparecen San Xoán coa palma e San Paulo. O resto están sen identificar.
- A segunda pintura ocupa o recadro que está enriba da mesa do altar, entre un grupo de apóstolos e o outro, e chega en altura aos pés da Virxe. Trataríase dunha Anunciación. Nela pode verse un chan en perspectiva sobre o que se sitúa un xerro con lirios. Aos lados, tapados pola primeira pintura, intúense dúas figuras: a da dereita, de cor branca, sería o arcanxo Gabriel e a da dereita en vermello, a Virxe María. Esta pintura debeuse conservar porque cando se pintou a Asunción, este espazo debeu estar tapado por un pequeno retablo, cadro ou semellante, o mesmo que ocorreu coa pintura principal e o retablo barroco, pero a menor escala.
- Da terceira pintura, os restauradores deixaron unha testemuña á vista, unha pomba situada nun pequeno recadro á dereita. Trátase do Espírito Santo, recoñecible polo nimbo que rodea a súa cabeza. Podería tratarse doutra Anunciación.
- Da cuarta pintura, a máis vella, xa quedan poucos restos. Os encargados da rehabilitación do conxunto deixaron pequenas mostras de cor na mesma cata da terceira pintura, na parte superior esquerda do recadro da pomba.
Esta cantidade de pinturas que se superpoñen teñen a súa explicación no cambio de modas ou gustos e no interese por renovar a estética da igrexa. Na restauración tentouse respectar en todo momento o orixinal, completando as formas só cando era necesario para unha mellor lectura da obra e sempre dunha maneira que se faga discernible do orixinal.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Cruceiro.
Lugares e parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Igrexafeita
[editar | editar a fonte]Lugares da parroquia de Igrexafeita no concello de San Sadurniño na Provincia da Coruña | |
---|---|
Amido | A Arbigueira | Bouza Maior | Camiño Grande | A Camposa | O Capelo | Carboados | A Castiñeira | O Castro | O Coto | O Couce | A Curuxa | A Ermida | A Fervenza | A Fraguela | Os Gaiteiros | O Hedreiro | O Lombo | Miguelares | O Navallo | O Outeiro | A Pallota | Pedramaior | A Pedreira | Pena da Meda | Penalonga | A Ramadela | Regueiro Cavado | Remicieiro | A Ribeira | Solposto | Soutullo | A Torre | O Vilar | Vilarvello |