Saltar ao contido

As 11 de Basauri

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Manifestación de mulleres diante da embaixada española na Haia en contra do proceso, en 1979.

As 11 de Basauri ou as 11 de Bilbao foron once mulleres de Basauri, de clase obreira, que viviron un proceso penal desde 1976 até 1985, acusadas de abortar. De entre elas, a unha acusárona de practicar os abortos coa axuda da súa filla tamén imputada. Xulgouse a un home acusado de inducir a unha delas a abortar.[1] Este proceso é considerado precursor e impulsor da primeira lei do aborto da democracia que, en 1985, despenalizou, aínda que de maneira parcial, o aborto en España.[2][3][4]

As 11 de Basauri eran veciñas do barrio El Kalero.[5] Durante as festas da localidade, o 8 de outubro de 1976, foi arrestada unha muller acusada de realizar abortos. Pedíuselle que dese os nomes das mulleres ás que interviñera e, ao día seguinte, policías de paisano foron a casa destas mulleres para que fixesen unha declaración breve na comisaría. Unha vez alí foron arrestadas por abortar. Pasaron varios días no calabozo do que saíron en liberdade condicional en espera dun xuízo do que podían saír condenadas até a doce anos de cárcere, aínda que finalmente se pediu seis meses e un día de prisión e mais once anos de inhabilitación especial.[6][7][5] Para a muller que practicara os abortos, o fiscal chegou a pedir sesenta anos e cincuenta e catro para a súa filla que a axudou, e mais un por ter practicado un aborto.[1] As procesadas puxéronse en contacto cun despacho laboralista de Bilbao que coñecían porque os seus maridos eran sindicalistas de UGT e CCOO.[6] A avogada Mertxe Agúndez e os avogados Antonio Pericas e Ernesto Martínez de la Hidalga, foron algúns dos que se encargaron da súa defensa.[1] O xuízo tardou tres anos en saír, dispúxose o 31 de maio de 1979 como data, pero non chegou a celebrarse por falta de cualificacións.[6]

Cando a avogada, Isabel Otxoa Crespo, se decatou de que se ía procesar a once mulleres de Basauri por aborto, levou o caso á Asemblea de Mulleres de Biscaia que o viu como unha maneira de pór cara ás súas reivindicacións dun aborto libre e gratuíto e o dereito das mulleres a decidir sobre o seu propio corpo. O movemento feminista vasco envorcouse na defensa destas mulleres e conseguiu que o caso transcendese o ámbito privado e tivese unha forte repercusión nos medios, a nivel nacional e internacional. Doutra banda, ao saír ao debate público, produciu mobilizacións masivas, tanto no Estado español, como fóra das fronteiras.[8]

A data do novo xuízo foi o 26 de outubro de 1979.[1] A Coordinadora Feminista Estatal[9] creou comisións de dereito ao aborto en todo o país e traballando en rede, realizáronse todo tipo de accións para visibilizar a demanda de legalizar o aborto, a protesta polos xuízos e a solicitude de amnistía das mulleres procesadas. Fixeron trípticos con toda a información, adhesivos e carteis. Enviaron notas de prensa aos xornais, crearon lemas que chegaron a ser moi populares como «Se os bispos parisen, o aborto sería lei» ou «Nós parimos, nós decidimos», encadeáronse en lugares públicos, encerráronse nos concellos ou fixeron manifestacións en cidades de toda España e tamén en París, Lisboa ou Lausana. Accións todas estas que foron seguidas polos medios de comunicación con detalle.[6] Replicando a iniciativa das mulleres que en Francia asinaran o manifesto das 343, decidiuse elaborar un documento que recollía a declaración de mulleres coñecidas de tódolos ámbitos que tamén abortaran de forma voluntaria e, en menos de setenta e dúas horas, conseguiuse a solidariedade de mil trescentas cincuenta e sete mulleres, algunhas moi coñecidas como Ana Belén, Massiel, Amparo Muñoz, Cristina Alberdi, Pilar Brabo, Mercedes Milá, Matilde Fernández, Pilar Miró, Eva Forest, Lidia Falcón, Rosa Regàs, Nativel Preciado, Susana Olmo, Soledad Gallego-Díaz, Maruja Torres, Karmentxu Marín e outras actrices, cantantes, médicas, avogadas, políticas, profesoras, escritoras ou xornalistas.[10][11][12] Estaba previsto que o xuízo se celebrase a porta pecha por expreso desexo das acusadas que non querían facer pública a súa imaxe, pero isto non impediu que, nas portas do Palacio de Xustiza de Bilbao, se reunisen miles de persoas berrando, cantando e portando pancartas a prol da amnistía das acusadas e do dereito ao aborto.[6][7]

O xuízo volveu ser adiado pola incomparecencia de dúas procesadas ás que non se citou. A Asemblea de Mulleres de Biscaia continuou realizando accións para que os xuízos polo aborto non deixasen de estar presentes no día a día da sociedade española. Tamén foron seguidos con atención por organizacións feministas internacionais. Ademais, conseguiuse o apoio de sindicatos e partidos políticos de esquerdas.[8]  

Estableceuse o 16 de xuño de 1981 como nova data do xuízo. As acusadas chegaran a comprender que o seu caso ía máis aló do seu ámbito persoal e transcendía á liberdade das mulleres, polo que accederon a que se celebrase a porta aberta seguindo as recomendacións do movemento feminista.[13] Deron entrevistas en radio, enviaron cartas abertas aos xornais nas que agradecían os apoios, explicaban os seus motivos para abortar e reclamaban o dereito a decidir sobre os seus corpos. Novamente o xuízo, non se celebrou.[6]

A cuarta citación foi para o 16 de marzo de 1982. O xuízo celebrouse a porta aberta. Os berros a favor do aborto e en apoio das procesadas que proferían miles de mulleres que se atopaban concentradas na rúa chegaba ao interior da sala. A defensa baseouse en dous argumentos. Un deles foi que non se probou que aquelas mulleres estivesen embarazadas e sen esa certeza, non se podía falar de verdadeiro aborto e se non estaban embarazadas, era imposible que abortasen, é dicir, un delito imposible. Doutra banda, tratouse de probar o estado de necesidade destas mulleres. Segundo a defensa, a súa situación persoal, familiar, médica e social leváraas a abortar sendo este o mal menor; é dicir, sabían que abortar estaba penado, pero non debían ser xulgadas porque as mulleres que tiñan medios económicos suficientes non necesitaban porse en mans dunha aborteira con risco para a súa vida, a súa saúde e a súa liberdade, xa que podían saír de España para practicar abortos. Con todo, para elas esta saída era imposible; por tanto, había desigualdade de feito ante a lei.[6][1][14] Tamén argumentou que se lles vetou o acceso aos anticonceptivos cando os pediron. Tras doce horas, ás 23:00h o xuízo quedou visto para sentenza.[6]

Pero a Fiscalía recorreu a sentenza ante o Tribunal Supremo e un ano despois deu a razón ao fiscal dicindo que o simple feito de querer abortar, mesmo sen estar embarazada, era un delito e a apuradísima situación económica daquelas mulleres non lles pareceu razón suficiente para non condenalas; polo que, aínda que absolveu a catro, condenou a multas e a pena de cárcere ás demais, que non chegaron a entrar en prisión porque se lles aplicaron os indultos do ano 1975 e 1977.[6][13][5]

Foron absoltas nove das once persoas acusadas e condenouse á muller que realizara os abortos, aínda que a sentenza recollía tamén que a condena xa se cumpriu entre a prisión preventiva e as demoras do xuízo e ao home inductor.[13] Esta sentenza sentou un precedente xurídico nos delitos de aborto ao aplicar por primeira vez a eximente do estado de necesidade, ao amparo da Constitución, para absolver a dúas das acusadas e a aplicación de delito imposible a seis das procesadas.[8][7]

En maio de 1985, a sentenza do Tribunal Supremo foi ratificada polo Tribunal Constitucional.[15] Xa se estaba tramitando no Parlamento unha lei nova, que se aprobou en xullo dese mesmo ano, que despenalizaba o aborto, aínda que só nos supostos de violación, malformación do feto ou risco para a saúde da muller.[5]

Tras a sentenza condenatoria, os medios non volveron interesarse polo tema que quedou relegado a ámbitos feministas. Elas tampouco quixeron volver falar.[6][13]

Recoñecementos

[editar | editar a fonte]
  • En 2010, a realizadora Susana Koska no documental Vindicación, que trata sobre o feminismo na España da transición, recolleu, entre outros, o caso das 11 de Basauri.[16][17]
  • En 2011, a área de Igualdade do Concello de Basauri, promoveu unha investigación sobre o caso, que realizou Oihane López Grande e puxo unha placa na vila en recordo destas mulleres.[18]
  • En 2019, ETB2 emitiu o documental de investigación dirixido por Maite Ibáñez e Begoña Atin que leva por título As 11 de Bilbao.[19][20]
  • O 25 de outubro de 2020, o podcast (De eso no se habla), creado por Isabel Cadenas Cañón xunto ao seu equipo de mulleres Laura Casielles, Vannessa Rousselot e Paula Morais, publicou o seu terceiro episodio baixo o título Una placa en mi pueblo dedicado a este acontecemento da historia de España e polo que recibiu o Premio Internacional de Periodismo Colombine en 2021.[21]
  • En maio de 2023, estreouse a película Las buenas compañias dirixida por Silvia Munt inspirada nesta historia de loita.[22]
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Prades, Joaquina (1979-10-02). "Juicio contra once mujeres acusadas de practicar o someterse a abortos". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2023-01-23. 
  2. "Las 11 de Basauri" (en castelán). 2020-10-28. Consultado o 2023-01-23. 
  3. "Las once de Basauri que lograron el derecho a abortar" (en local). Consultado o 2023-01-24. 
  4. "Abogada defensora de mujeres que abortaron valora avance social de nueva ley" (en castelán). 2022-05-17. Arquivado dende o orixinal o 24 de xaneiro de 2023. Consultado o 2023-01-24. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 "Las 11 de Basauri: el histórico caso que impulsó la ley del aborto". Consultado o 2023-01-23. 
  6. 6,00 6,01 6,02 6,03 6,04 6,05 6,06 6,07 6,08 6,09 "DE ESO NO SE HABLA - Transcripción Episodio 2" (en castelán). Consultado o 2023-01-23. 
  7. 7,0 7,1 7,2 "Amnistía para las 11 de Bilbao 1983. Fotografías". Consultado o 2023-01-24. 
  8. 8,0 8,1 8,2 López Grande, Oihane (2011). La defensa del derecho al propio cuerpo y la construcción del movimiento feminista. Juicios a las 11 mujeres de Basauri, 1976-1985 (PDF). Leioa. 
  9. "Presentación - Coordinadora Feminista" (en castelán). Consultado o 2023-01-24. 
  10. País, El (1979-10-19). ""Yo he abortado voluntariamente", declaran mil trescientas mujeres". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2023-01-23. 
  11. "1.300 mujeres publican una carta en EL PAÍS asegurando que han abortado para presionar que se despenalice" (en castelán). Consultado o 2023-01-26. 
  12. "200 famosas confiesan haber abortado voluntariamente - Archivo Linz de la Transición española | Fundación Juan March". Consultado o 2023-01-26. 
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 "La revolución de los once abortos: Las 11 de Basauri - GRUP DE DONES DE LA MARXA MUNDIAL VALÈNCIA". Consultado o 2023-01-24. 
  14. "Abortar en Londres". El País (en castelán). 2011-11-24. ISSN 1134-6582. Consultado o 2023-01-24. 
  15. "La absolución de las 'Once de Basauri', un hito en la lucha por la legalización del aborto - Viento Sur" (en castelán). 2024-03-26. Consultado o 2024-06-25. 
  16. "cine mujer y derechos humanos by codo a codo palencia - Issuu" (en inglés). Consultado o 2023-01-24. 
  17. "Vindicación | Cine en Violeta". Consultado o 2023-01-24. 
  18. "Rescatan del olvido a las mujeres que lucharon por la igualdad en Basauri" (en castelán). 2011-04-09. Consultado o 2023-01-24. 
  19. "LAS 11 DE BASAURI – New Media Euskadi" (en castelán). Consultado o 2023-01-23. 
  20. mgaraba. "Euskal Herria: Las 11 de Basauri" (en castelán). Consultado o 2023-01-23. 
  21. IDEAL (2021-05-26). "La periodista y escritora Isabel Cadenas Cañón gana el X Premio Internacional de Periodismo 'Colombine'". Ideal (en castelán). Consultado o 2024-06-25. 
  22. RTVE.es (2023-05-04). "Las 11 de Basauri, ¿quiénes eran? Un hito feminista silenciado" (en castelán). Consultado o 2023-07-01. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]