Manifesto das 343

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O Manifesto das 343, en francés Le manifeste des 343, foi unha declaración asinada por 343 mulleres que admitían que abortaran, expoñéndose deste xeito a ser procesadas criminalmente. O manifesto apareceu na revista francesa Le Nouvel Observateur o 5 de abril de 1971. Tamén sería coñecido como o "Manifesto das 343 putas" (en francés, Le manifeste des 343 salopes[1]) ou o "Manifesto das 343 prostitutas".[2]

O texto[editar | editar a fonte]

O texto do manifesto foi escrito por Simone de Beauvoir. Na súa tradución ao galego é:

Un millón de mulleres abortan cada ano en Francia.
Fano en condicións perigosas debido á clandestinidade a que son condenadas, cando esta operación, practicada baixo control médico é do máis simple.
Sobre este millón de mulleres calamos.
Declaro que eu son unha delas.
Declaro que abortei.
Da mesma maneira que reclamo o libre acceso ós medios anticonceptivos reclamo o aborto libre.
Mouvement de Libération des Femmes[3]

Unha nota ao pé de páxina indicaba ademais que tamén estaban representadas os membros do "Mouvement de Libération des Femmes", que reclamaba o aborto libre e gratuíto ("parmi des signataires, des militantes du Mouvement de Libération des Femmes réclament l'avortement libre et GRATUIT").

Entre as 343 sinaturas podíanse atopar mulleres recoñecidas publicamente como Catherine Arditi, Françoise Arnoul, Florence Asie, Brigitte Auber, Stéphane Audran, Colette Audry, Tina Aumont, Hélène de Beauvoir, Simone de Beauvoir, Cathy Bernheim, Valérie Boisgel, Olga Bost, Claudine Chonez, Iris Clert, Marie Dedieu, Lise Deharme, Christine Delphy, Catherine Deneuve, Dominique Desanti, Marguerite Duras, Françoise d'Eaubonne, Françoise Fabian, Brigitte Fontaine, Antoinette Fouque, Luce Garcia-Ville, Claude Génia,Françoise de Gruson, Gisèle Halimi, Katia Kaupp, Bernadette Lafont, Danièle Lebrun, Annie Leclerc, Violette Leduc, Marceline Loridan, Judith Magre, Michèle Manceaux, Geneviève Mnich, Ariane Mnouchkine, Claudine Monteil,[4] Jeanne Moreau, Michèle Moretti, Liane Mozère, Nicole Muchnik, Bulle Ogier, Marie Pillet (mai de Julie Delpy),Marie-France Pisier, Micheline Presle, Marthe Robert, Christiane Rochefort, Yvette Roudy, Françoise Sagan, Delphine Seyrig, Alexandra Stewart, Gaby Sylvia, Nadine Trintignant, Irène Tunc, Agnès Varda, Catherine Varlin, Ursula Vian-Kübler, Marina Vlady, Anne Wiazemsky e Monique Wittig.

O manifesto incluíu máis sinaturas que as publicadas en Le Nouvel Observateur.[5]

Impacto[editar | editar a fonte]

Á semana seguinte da aparición do manifesto, o titular do xornal semanario satírico Charlie Hebdo mostraba unha ilustración que atacaba os políticos homes coa pregunta, "Quen empreñou as 343 putas do manifesto sobre o aborto?"[6] Esta ilustración de Cabu deu orixe ao nome polo que é coñecido este manifesto.

O manifesto tamén tivo o seu eco en Alemaña, como amosa a publicación, o 6 de xuño de 1971 doutro manifesto titulado "Wir haben abgetrieben" (en galego "Nós abortamos") na revista Stern.[7]

Tamén foi a inspiración para que o 3 de febreiro de 1973, 331 médicos asinasen un manifesto no que se declaraban a favor do dereito ao aborto:

Queremos liberdade para abortar. É unha decisión unicamente da muller. Rexeitamos calquera entidade que as force a xustificarse, perpetuando a atmosfera de culpabilidade e que permite que persistan os abortos clandestinos.
Manifesto dos 331[8]

Todo iso contribuíu á aprobación en decembro de 1974 e xaneiro de 1975 da chamada "lei Veil", promovida pola ministra de saúde, Simone Veil, que revogou as penas para quen finalizase voluntariamente o embarazo dentro das primeiras dez semanas. En 2001 a reforma desta lei presentada por Martine Aubry ampliou o prazo ata as doce semanas.[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Marie Renard (11 de febreiro de 2008). "The Unfinished Business Of Simone de Beauvoir" (en inglés). 
  2. "Are the rights acquired by women definitively acquired?". sosfemmes.com (en inglés). marzo de 2004. 
  3. "Le "Manifeste des 343 salopes" paru dans le Nouvel Obs en 1971". Le nouvel Obeservateur (en francés). 23 de xuñode 2008. Consultado o 28 de decembro de 2008. 
  4. Simone de Beauvoir and the women's movement in France: An eye-witness account Arquivado 08 de xullo de 2011 en Wayback Machine., por Claudine Monteil
  5. Duverger, Sylvia (2015). "Simone Iff : Du protestantisme au féminisme (1924-2014)". Nouvelles Questions Féministes (en francés) 34 (1): 158. ISSN 0248-4951. doi:10.3917/nqf.341.0158. 
  6. Cadu (12 de abril de 1971). "Portada". Charlie Hebdo (en francés) (21). 
  7. ""We Had Abortions" – Protest against Paragraph 218 (1971)". German History in Documents and Images (GHDI) (en inglés e alemán). Consultado o 27 de xullo de 2018. 
  8. Cita orixinal: "Nous voulons que l’avortement soit libre. La décision appartenant entièrement à la femme, nous refusons toute commission qui la contraint à se justifier, maintient la condition de culpabilité et laisse subsister l’avortement clandestin. Zancarini-Fournel, Michelle (4 de decembro de 2006). "Histoire(s) du MLAC (1973-1975)". Clío (en francés) (18). Consultado o 19 de decembro de 2008. 
  9. "Le Parlement adopte la réforme de l'IVG". L'Obs (en francés). 31 de maio de 2001. Consultado o 27 de xullo de 2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]