Arianna Huffington
Arianna Huffington (de solteira Stasinopoúlou, en grego: Αριάδνη-Άννα Στασινοπούλου), nada en Atenas o 15 de xullo de 1950, é unha escritora e columnista estadounidense de orixe grega. É coñecida sobre todo porque cofundou a web The Huffington Post. Era unha popular comentarista conservadora que na década de 1990 comezou a adoptar un ideario político máis liberal. Estivo casada co congresista republicano Michael Huffington.
En 2003, presentouse como candidata independente a gobernadora na elección de California.
En 2009, foi nomeada por primeira vez como o número 12 na lista de Forbes das mulleres máis influentes nos medios de comunicación. Alcanzou tamén o número 42 en The Guardian's Top 100 na lista dos medios de comunicación.
En maio de 2011, El País anunciou a súa incorporación ao Consello de administración do diario, para axudar a "potenciar a transformación dixital do xornal... e aumentar o seu peso internacional".[1]
Huffington fíxose famosa na década de 1990 como analista conservadora, antes de cambiar de partido e comezar co medio en Internet The Huffington Post, progresista e competidor da páxina de ligazóns e orientación conservadora The Drudge Report. Foi un éxito rotundo e en 2011, Huffington vendeu o Huffington a AOL por 315 millóns de dólares.
O modelo dependía dunha rede de blogueiros non remunerados, algúns famosos e polo tanto menos dependentes dun bo soldo que a maioría, e outros dispostos a non cobrar a cambio do prestixio de aparecer xunto a esas firmas soadas. En marzo, Huffington dixo a The Guardian que os que criticaban a súa decisión de non pagar a miles de blogueiros non entendían o funcionamento dos sitios de Internet.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Arianna Stasinopoulos naceu en Atenas, Grecia, filla de Konstantinos (xornalista e consultor de xestión) e Elli (de solteira Georgiadi) Stasinopoulos, e é a irmá de Agapi (escritora, locutora e actriz). Cando tiña 11 anos os seus pais separáronse, quedando ao coidado da súa nai. Mudouse a Inglaterra á idade de 16 anos, e estudou economía no Girton College de Cambridge, onde con 21 anos chegou a ser presidenta da Cambridge Union Society, unha prestixiosa comunidade de debate que nos seus case dous séculos de existencia só fora presidida por dúas mulleres.
A finais de 1980, Huffington escribiu varios artigos para National Review. En 1981, escribiu unha biografía de Maria Callas (Maria Callas: The Woman Behind the Legend), e en 1989, unha biografía de Pablo Picasso, Picasso: Creator and Destructor.
Comezou a ser coñecida nacionalmente nos Estados Unidos durante o intento fracasado do seu marido en 1994 de chegar ao Senado.
Participación electoral en California
[editar | editar a fonte]Nos primeiros anos do século XXI, Arianna xa era recoñecida nos medios como unha brillante xeradora de opinión incisiva e intelixente que defendía as súas ideas conservadoras en calquera debate. Nun breve prazo e para sorpresa de moitos, pasou a ser unha liberal recalcitrante, detractora das guerras de Afganistán e Iraq e activista do Partido Demócrata. Presentouse ás eleccións para gobernador de California en 2003, anunciando ao catro ventos que era "Hybrid versus Hummer", mais perdeu fronte a Arnold Schwarzenegger.[2][3]
Presenza nos medios
[editar | editar a fonte]En 2005 lanzou The Huffington Post e no ano 2006 xa foi incluída na lista dos máis influentes do mundo.[4] É convidada habitual de programas tan populares como os de Oprah Winfrey ou Larry King. Publicou trece libros entre biografías, ensaios políticos e textos de autoaxuda.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]AOL, que no seu día chegou a comprar Warner, decantouse definitivamente en febreiro de 2011 por The Huffington Post, do que Arianna era unha dos seus principais accionistas, para así dotar o seu medio de contidos.[5] Nestas datas no seu xornal publicaban uns 6000 blogs, cunha media de 25 millóns de usuarios ao mes, alcanzando a súa páxina web o terceiro posto entre os sitios de información máis seguidos do mundo.[6] Finalmente en abril de 2011 pechouse a compra do medio por parte de Time Warner por un prezo de 230 millóns de euros, cuxos beneficios foron a parar na súa maior parte ás mans da súa fundadora.[7]
A venda do medio por este prezo tan elevado xerou unha revolta entre os blogueiros de The Huffington Post, que presentaron unha demanda ante un tribunal federal de Manhattan cunha reclamación de 105 millóns de dólares, xusto unha terceira parte do que se embolsaron os propietarios coa venda, solicitando unha compensación polas súas colaboracións. En palabras do seu promotor, Jonathan Tassini, un coñecido activista sindical que unha década antes loitara contra The Times para protexer os dereitos dos xornalistas freelance, "The Huffington Post non sería nada sen os blogueros que crean o contido".[8]
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- The Female Woman (1973)
- After Reason (1978)
- The Gods of Greece (1993)
- Maria Callas: The Woman Behind the Legend (1993)
- The Fourth Instinct (1994)
- Picasso: Creator and Destroyer (1996)
- Greetings from the Lincoln Bedroom (1998)
- How to Overthrow the Government (2000)
- Pigs at the Trough (2003) ISBN
- Fanatics & Fools (2004) ISBN
- On Becoming Fearless...In Love, Work, and Life (2007)
- Right is Wrong: How the Lunatic Fringe Hijacked America, Shredded the Constitution, and Made Us All Less Safe (2008)
- Third World America: How Our Politicians Are Abandoning the Middle Class and Betraying the American Dream (2010)
- Thrive: The Third Metric to Redefining Success and Creating a Life of Well-Being, Wisdom, and Wonder (2014)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Arianna Huffington se incorpora al Consejo de EL PAÍS, en "El País" el 19/05/2011. Consultado o 19 de maio de 2011.
- ↑ Arianna Huffington, la reina del periodismo digital, en "larevistaactual.com". Consultado o 20 de maio de 2011.
- ↑ La campesina que conquistó el mundo, en "semana.com" el 12/02/2011. Arquivado 16/10/2019, en Wayback Machine. Consultado o 20 de maio de 2011.
- ↑ http://blogs.elpais.com/mujeres/2011/02/arianna-huffington-y-otras-bestias.html Arquivado 18 de maio de 2019 en Wayback Machine.. Consultado o 20 de maio de 2011.
- ↑ Los viejos de internet, los nuevos del periodismo, en "elpaís.com", el 07/02/2011. Consultado o 20 de maio de 2011.
- ↑ Huffington, la gran capitana, en "elpaís.com" el 08/02/2011. Consultado o 20 de maio de 2011.
- ↑ El progresismo tenía precio, en "El País" el 16/04/2011. Consultado o 20 de maio de 2011.
- ↑ Los 'blogueros' del 'Huffington Post' reclaman 72 millones, en elpaís.com el 13/04/2011. Consultado o 20 de maio de 2011.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Arianna Huffington |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Column archive at HuffPost
- Column archive Arquivado 26 de xuño de 2004 en Wayback Machine. at AlterNet
- Campaign contributions made by Arianna Huffington