Saltar ao contido

Análise de contido

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A análise de contido procura a comprensión e interpretación de textos, entendidos en sentido amplo, tanto se son escritos, visuais ou sonoros. Tradicionalmente a análise de contido aplicábase fundamentalmente a textos escritos mais, na actualidade, pódense analizar contidos de moi diversa natureza: vídeos, gravacións sonoras, fotografías, debuxos, obxectos etc. Desde esta perspectiva ecléctica, todo obxecto é susceptíbel de análise e as metodoloxías aplicábeis tamén son moi diversas de acordo coa disciplina desde a que se aborde a análise. Por exemplo, a análise de contido dunha serie de poemas pode dar lugar a resultados moi diferentes se se aborda desde a lingüística, a historia, a psicoloxía, a literatura etc.

Definición

[editar | editar a fonte]
Dinámica da análise de contido

O contido é o compoñente dos signos que se refire ao seu significado. Os signos poden utilizarse individual ou agrupadamente e poden analizarse illados ou contextualizados. Cada análise proporciona unhas posibilidades de interpretación. Normalmente, unha análise de contido aborda un conxunto de signos, é dicir, unha composición ou conxunto de composicións comunicativas para as que se deseña unha estratexia para comprendelos e interpretalos. A súa comprensión e interpretación poden levar á construción de modelos, teorías, estruturas, secuencias, conclusións, respostas etc. Krippendorff (1990, p. 28) define a análise de contido como unha técnica de investigación destinada a formular, a partir de certos datos, inferencias reproducíbeis e válidas que poidan aplicarse ao seu contexto.

As raíces

[editar | editar a fonte]

A análise de contido é un conxunto de técnicas propias do século XX que teñen as súas raíces na Hermenéutica que consiste na interpretación do textos sagrados, a Retórica que trata das formas persuasivas de expresión e a Lóxica que determina as regras formais dos razoamentos (Bardin, 1986). A principios do século XX, Thomas e Znaniecki realizaron un estudo dos emigrantes polacos en Europa e América analizando documentos persoais (cartas, diarios), artigos de prensa e informes oficiais (op. cit., 1986). Lasswell realiza un estudo da propaganda durante a primeira guerra mundial. Tamén encontramos diversos movementos analizando a prensa como a Escola de Periodismo de Columbia desde unha perspectiva esencialmente cuantitativa, recontando a presenza de determinadas palabras por exemplo (op. cit., 1986). Unha das análises máis famosas foi a das Cartas de Jenny que analizaron nos corenta autores como Baldwin, Allport e Paige desde diversas perspectivas. Osgood desenvolve nos cincuenta unha das primeiras técnicas que denominou a Análise de continxencia que estuda a concorrencia de contidos nos textos. Este período está marcado por tendencias condutistas de corte cuantitativo preocupadas pola obxectividade, a sistematización e a cuantificación como no caso de autores como Berelson e Lazarsfeld (op. cit., 1986). Até esta época, os autores máis relevantes son periodistas, psicólogos, sociólogos ou politicólogos. A partir dos cincuenta, empezan a aparecer etnólogos, psicanalistas, psiquiatras, historiadores e lingüistas que se abren a novas perspectivas e posibilidades máis flexíbeis. Aparecen entón contraposicións que perduran até a actualidade como os enfoques cuantitativo e cualitativo ou a análise pegada ao texto (representacional) ou contextualizado (instrumental) (op. cit., 1986).

O papel das disciplinas

[editar | editar a fonte]

As disciplinas son campos de coñecemento que permiten abordar a realidade desde múltiples perspectivas. Cada disciplina ten método propios para coñecer a realidade e para organizar ese coñecemento. A análise de contido pode abordarse desde múltiples disciplinas dando lugar a resultados diversos. Por exemplo, o poema Adios rios, adios fontes pode dar lugar a análises moi variadas segundo se colla desde unha perspectiva psicolóxica ou lingüística. A perspectiva lingüística proporcionaría elementos sobre o vocabulario utilizado, a estrutura das oracións, as rimas, a ortografía etc. A perspectiva psicolóxica facilitaría elementos emocionais, actitudinais, relacionais, perceptivos etc. Cada vez se fala máis de interdisciplinariedade (Torres Santomé, 1994), facilitando a integración de diversas disciplinas nas análises de forma que se complementen, enriquezan ou contrapoñan para obter resultados máis completos, sólidos e operativos.

Marco de referencia conceptual

[editar | editar a fonte]

Krippendorff (op. cit.) define un marco de referencia conceptual que pretende guiar o investigador, facilita o exame crítico dos resultados e orienta o desenvolvemento metodolóxico. Os seis compoñentes deste marco de referencia son:

  1. Os datos
  2. O contexto dos datos
  3. O coñecemento do analista que o condiciona
  4. O obxectivo da análise
  5. A inferencia como tarefa intelectual básica
  6. A validez como criterio supremo

Como realizar unha análise de contido

[editar | editar a fonte]

Unha análise de contido arrinca dunhas preguntas de investigación que orienta a nosa busca de información (Huber, 1997). Trátase de recoller datos que respondan a esas preguntas. En lugar de preguntas, tamén poden establecerse obxectivos de investigación, problemas de investigación ou hipóteses de investigación. Unha análise de contido pode seguir os seguintes pasos:

  1. Lectura dos textos ou visualización dos materiais. Cómpre coñecer o contido dos textos, o contexto no que foron producidos, cando se produciron e quen os produciu.
  2. Elección da unidade de análise. É preciso decidir que tipo de unidades se van seleccionar.
  3. Codificación ou identificación das unidades de análise ás que se lle asignan designacións ou categorías.
  4. Revisión do sistema de categorización. Organízanse as categorías tentando buscar a coherencia interna e a cohesión do conxunto. Esta organización pode levar consigo a xerarquización de modo que unhas categorías se subdividan noutras.
  5. Informe da análise. Elaborase un informe identificando as preguntas de investigación, definindo as unidades de análise, explicando o proceso de traballo seguido, describindo a estrutura do sistema de categorización como resposta ás preguntas de investigación, definindo as categorías e exemplificándoas.

Unidades de análise

[editar | editar a fonte]

É preciso decidir que tipo de unidades se van seleccionar, que fragmentos se van identificar, que segmentos se van rexistrar (Heinemann, 2003). Estas unidades dependerán da natureza do texto analizado:

  • Nun texto escrito, poden ser palabras, liñas, sintagmas, oracións, parágrafos, páxinas etc. Nunha canción ou nun poema, poderían ser versos.
  • Nun vídeo, serán secuencias, episodios, escenas etc. Nunha gravación dunha obra de teatro, poderían ser cada unha das intervencións dos actores.
  • Nunha fotografía, poderían ser fotos completas, obxectos, persoas etc. Nunha fotografía aérea, poderíanse facer cadros e identificalos para codificalos.
  • Nunha gravación sonora musical, poderían ser segmentos, compases, melodías etc. Se é a gravación dun grupo de discusión, poderían codificarse cada unha das intervencións dos participantes ou partes delas.
  • Nos casos de obxectos, poden adaptarse á súa natureza. Por exemplo, nun obxecto como un mosaico, poden ser cadros, pezas, debuxos etc. Nun obxecto como unha estatua, poderían ser partes do corpo, zonas etc. Nun obxecto como unha pintura, pódense identificar partes do cadro, obxectos, divisións do cadro etc.

Categorización

[editar | editar a fonte]

Unha categoría é un conxunto de elementos que comparten algún risco en común. Esta característica compartida permite identificalos baixo unha denominación. Chámase categoría tanto ao conxunto como á súa denominación. Categorizar é por tanto clasificar. Se se clasifica unha caixa de follas de árbores, pódense realizar diversas categorías de acordo co criterio que se elixa. Por exemplo, pódense clasificar pola súa forma, polo seu tamaño, pola súa cor etc. Isto mesmo sucede nunha análise de contido: o criterio vén determinado pola pregunta de investigación e un segmento de texto pode ter varias etiquetas ou categorías como no caso das follas. Unha mesma folla pode estar na categoría de follas pequenas, con puntas e verde escuro. Sería o caso das follas de Acivro. As categorías poden extraerse da análise de contido ou doutras investigación ou teorías previas (Muñoz Justicia, 2003). No primeiro caso, son só as preguntas de investigación as que guían o analista; no segundo caso, intenta aplicar as categorías e detectar que segmentos de texto ou partes do contido se poden asociar coas categorías dadas. Inicialmente, os sistemas de categorización tiñan que ofrecer categorías exhaustivas e excluíntes entre si, é dicir, as categorías debían cubrir a totalidade do contido e non podían solaparse entre elas. Desde unha perspectivas máis cuantitativa aínda se poderían soster estes requisitos. Desde unha aproximación máis cualitativa, admítese que nin é necesario cubrir a totalidade do contido nin deben ser necesariamente excluíntes entre si. Este proceso de categorización tamén se ten chamado redución porque, ao segmentar e conceptualizar o contido, redúcese a súa extensión. En efecto, por unha parte, selecciónanse certos segmentos ou partes e descártanse outras; por outra banda, codifícanse, é dicir, etiquétanse identificando aquelas que teñen algún risco en común. Este paso a categoría tamén supón unha redución do contido. As categorías poden organizarse de forma xerarquizada en diversos niveis (Muñoz Justicia, op. cit.). Os niveis indican graos de xeneralización. Podemos utilizar un exemplo de Quenau (1947) a modo de exemplo:

  • Texto bruto: “Que ten tetas, come carne, camiña sobre a extremidade dos seus dedos e pertence á casa”.
  • Nivel 1 de codificación: “mamífero carnívoro dixitígrado doméstico”
  • Nivel 2 de codificación: “gato”

Resultados dunha análise de contido

[editar | editar a fonte]

Dunha análise de contido, pódense obter (Krippendorff, op. cit.; Muñoz Justicia, op. cit.; Huber, op. cit.):

  1. A identificación dunha serie de segmentos ou partes dos contidos.
  2. Categorías singulares ou categorías inesperadas.
  3. Un sistema de categorías xerarquizadas.
  4. Os segmentos ou fragmentos que ilustran as categorías.
  5. Unha ponderación das frecuencias coa que aparecen certas ideas ou contidos.
  6. A localización das ideas ou segmentos.
  7. As secuencias, solapamentos ou coincidencias das categorías entre si.
  8. Valoracións do contido ponderadas cunha escala, numérica ou verbal.
  9. Anotacións ou comentarios realizados sobre o texto.

Relacións entre as categorías

[editar | editar a fonte]
Relacións entre categorías

Dentro dun texto, as categorías poden relacionarse de cinco formas (véxase a ilustración) (Huber, op. cit.):

  1. Categorías simples e illadas.
  2. Categorías que inclúen a outras
  3. Categorías que se superpoñen.
  4. Categorías que se solapan
  5. Texto sen categorías.

Análises que se poden realizar

[editar | editar a fonte]

A análise de contido posibilita o estudo das relacións entre as categorías (Huber, op. cit.):

  1. Relacións entre as categorías. Por exemplo, Se unhas categorías están sempre incluídas noutras, poden ser subcategorías das maiores.
  2. Secuencias de categorías. Unhas categorías poden ir sempre a seguir doutras ou nunha orde determinada.
  3. Distancia entre as categorías. Unhas categorías poden estar frecuentemente a certa distancia doutras.
  4. Estruturas de categorías. As categorías poden formar estruturas singulares ou regulares.

O papel dos produtores

[editar | editar a fonte]

Nunha análise de contidos comunicativos, por exemplo, mensaxes, cartas, foros, chats, entrevistas, grupos de discusión, diarios etc., as persoas produtoras das contribucións poden ser foco de análise. Pódese preguntar se o feito de ser home ou muller pode ter algunha influencia sobre o que dixeron. Quizais sexa o feito de ter unha determinada profesión (médicos, profesores, policías), de formar parte dun grupo (pais, alumnos, profesores), de ter unha determinada idade ou de vivir no medio rural ou urbano. Este tipo de riscos persoais son tamén chamados datos de perfil e describen as características das persoas que analizamos. Os datos de perfil permiten contrastar se existen diferenzas entre os diversos agrupamentos que se poden realizar entre os entrevistados, escritores, participantes, remitentes,... Para poder realizar estas comparacións, disporíanse nunha táboa cos cabezallos dos riscos as contribucións de cada grupo. Por exemplo, a continuación aparece unha táboa para clasificar as opinións de homes e mulleres sobre as cores da roupa. Deste xeito, pódese observar se hai ou non diferenzas entre as súas opinións.

Pódense incluír entre os autores que contribuíron a desenvolver diversas perspectivas de análise de contido a:

Programas informáticos

[editar | editar a fonte]

Para facilitar a análise de contido, existen diversos programas informáticos que reciben o nome xenérico de Computer Assisted/Aided Qualitative Data AnalysiS (CAQDAS) en inglés. Podemos clasificalos segundo sexan libres, propietarios e dispoñíbeis en liña:

Programas libres

[editar | editar a fonte]

Programas propietarios

[editar | editar a fonte]

Programas baseados na Web

[editar | editar a fonte]
  1. "Description of the QDA-feature of knowdoo" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 25 de abril de 2012. Consultado o 26 de febreiro de 2012.  |archiveurl= e |urlarquivo= redundantes (Axuda); |archivedate= e |dataarquivo= redundantes (Axuda); |deadurl= e |urlmorta= redundantes (Axuda)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Bardin, L. (1986). El análisis de contenido. Madrid: Akal. (en castelán)
  • Heinemann, K. (2003). Introducción a la metodología de la investigación empírica en las ciencias del deporte. Barcelona: Paidotribo Editorial. (en castelán)
  • Huber, G. L. (1997). Analysis of qualitative Data with AQUAD Five for Windows. Schwangau: Verlag Ingeborg Huber. (en inglés)
  • Krippendorff, K. (1990). Metodología de análisis de contenido: teoría y práctica. Barcelona: Paidós. (en castelán)
  • Muñoz Justicia, J. (2003). Análisis cualitativo de datos textuales con Atlas.ti. Barcelona: Universitat Autònoma de Barcelona. (en castelán)
  • Quenau, R. (1947). Ejercicios de Estilo. Madrid: Cátedra. (en castelán)
  • Torres Santomé, J. (1994). Globalización e interdisciplinariedad. Madrid: Morata. (en castelán)

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]