Antonio de Padua

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Antón de Padua")
Antonio de Lisboa.

Santo Antonio de Lisboa ou Santo Antonio de Padua , nado en Lisboa o 15 de agosto de 1195 e finado en Padua o 13 de xuño de 1231, foi un relixioso portugués, considerado santo pola igrexa católica romana, festexado o día 13 de xuño. Foi un dos Doutores da Igrexa.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu en Lisboa, nunha familia nobre, aprendeu as disciplinas de Agostiño de Hipona antes de entrar na franciscanos. Foi de misioneiro a Marrocos pero tivo que ser repatriado en 1221 por problemas de saúde. Viviu un ano nunha cova. Aprendeu e ensinou teoloxía en Italia, principalmente en Bologna, despois estableceuse no sur de Francia. Fundou un mosteiro en Brive, onde fixo numerosas conversións. De volta en Italia, sobre o 1227, foi enviado a Padua. Foi canonizado polo papa Gregorio IX un ano despois da súa morte.

O culto a Santo Antonio de Padua espállase sobre todo nos século XV e XVI. Converteuse no santo patrón de Portugal, dende onde os exploradores o deron a coñecer ó mundo enteiro. É tamén o patrón dos mariñeiros, dos náufragos e dos prisioneiros.

A partir do século XVII, Santo Antonio de Padua é igualmente invocado para atopar os obxectos perdidos, despois para recuperar a saúde, e ó final, para que se cumpra un desexo. A idea de invocar a Santo Antonio para atopar obxectos perdidos vén do feito de que un ladrón que lle roubara os seus comentarios sobre os salmos viuse obrigado a devolverllos.

Numerosos episodios sobrenaturais sonlle atribuídos, como ter durante unha noite o Neno Xesús no colo.

Representacións artísticas[editar | editar a fonte]

Na Idade Media, as representacións de Santo Antonio de Lisboa son bastante raras, pero vólvense correntes a partir do século XIV. As máis das igrexas contan hoxe cunha estatua deste santo. É xeralmente representado como un home vestido co hábito franciscano atado por un cordel de tres nós.

Represéntase a miúdo predicando ás xentes ou ós peixes, en conversa con San Francisco, guerreando cos malvados, poñendo no seu sitio a perna dun home que a cortara en signo de penitencia, facendo axeonllarse unha burra diante da Sagrada Forma para convencer a un xudeu que dubidaba da presenza de Deus nesta oblea, ou aínda asistindo á aparición da Virxe e do Neno Xesús (sentado ou de pé sobre un libro).

Os seus principais atributos son o hábito franciscano, o Neno Xesús, una burra, un libro, peixes, un corazón en chamas...