Annette von Droste-Hülshoff

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Annette von Droste-Hülshoff
Annette von Droste-Huelshoff - 1845.jpg
Nome completoAnna Elisabeth Franziska Adolphine Wilhelmine Louise Maria von Droste zu Hülshoff
Nacemento10 de xaneiro de 1797, 12 de xaneiro de 1797 e 1797
Lugar de nacementoBurg Hülshoff
Falecemento24 de maio de 1848 e 1848
Lugar de falecementoBurg Meersburg
Causapneumonía
SoterradaFriedhof Meersburg
NacionalidadeReino de Prusia
RelixiónIgrexa católica
Ocupaciónescritora, poeta, compositora, novelista e dramaturga
PaiClemens-August II. von Droste zu Hülshoff
NaiTherese Luise von Droste-Hülshoff
IrmánsJenny von Droste Hulshoff e Werner-Constantin von Droste zu Hülshoff
Coñecida porDie Judenbuche
Na rede
http://www.droste-gesellschaft.de
Musicbrainz: 7dcbc492-6723-49a0-a3f0-8142c427e476 Discogs: 581294 IMSLP: Category:Von_Droste-Hülshoff,_Annette WikiTree: Von_Droste_zu_Hülshoff-2 Find a Grave: 19773 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Annette von Droste-Hülshoff, nada no castelo de Hülshoff (preto de Münster) o 12 de xaneiro de 1797[1][2][3] (segundo outras fontes o 10 de xaneiro de 1797[4][5]) como Anna Elisabeth Franzisca Adolphina Wilhelmina Ludovica Freiin (baronesa) von Droste zu Hülshoff e finada no castelo de Meersburg en Meersburg o 24 de maio de 1848, foi unha escritora e compositora alemá.

Annette von Droste-Hülshoff, pintura de Johann Joseph Sprick (1838)

Sinatura de Droste-Hülshoff:
Signatur Annette von Droste-Hülshoff (cropped).jpg

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Orixe e formación[editar | editar a fonte]

Annette von Droste-Hülshoff, daguerrotipo; unha das dúas fotografías da poetisa tomadas en 1845.
Castelo de Hülshoff, representación de Alexander Duncker.

Annette von Droste-Hülshoff, nada o 12 de xaneiro de 1797[6][7][8][9] no castelo de Hülshoff, entre Havixbeck e Roxel, preto de Münster, procedía dunha das familias nobres máis antigas de Westfalia e pertencía á 20ª xeración da súa familia.[10] Foi a segunda dos catro fillos[11] de Clemens-August II von Droste zu Hülshoff (1760-1826) e Therese von Haxthausen (1772-1853), os que homenaxeou no seu fragmento Bei uns zu lande auf dem Lande. A súa irmá maior, Jenny, a súa confidente máis achegada, pintou varios retratos da poeta. O seu irmán menor, Werner-Constantin, sucedeu o seu pai na herdade e o irmán máis novo, Ferdinand, que Annette coidara con devoción, morreu mozo nada máis facerse enxeñeiro de montes.

A poeta e a súa obra tamén están marcadas pola súa orixe. Como familia que pertencía á nobreza libre, os Droste zu Hülshoff[12] estaban emparentados coa alta nobreza da Idade Media. O primeiro antepasado directo mencionado nun documento de 1209 era un cabaleiro e vasalo do príncipe-bispo de Münster. Como tal está representado o antepasado Heinrich I von Droste zu Hülshoff nun relevo ecuestre nunha torre da casa dos pais da poeta. Máis tarde, os seus familiares rara vez tiveron que prestar servizo militar; o seu tío avó, o xeneral Heinrich-Johann von Droste zu Hülshoff, é coñecido sobre todo polas reformas da casa familiar da poeta. En cambio, na familia paterna predominaba o carácter civil, eclesiástico e urbano (a pesar da ampla propiedade de predios): ao ser familia do patriciado urbano,  moitos antepasados xa ocuparan na Idade Media o cargo hereditario de administrador (al. Droste), do cabido catedralicio de Münster, así como cargos de alcaldes e concelleiros da cidade de Münster, e algúns xa a representaran na Dieta hanseática. Como señores de Hülshoff e doutros predios, os seus antepasados exercían tamén a xurisdición inferior e o padroado da igrexa parroquial de San Pantaleón (Roxel); na mocidade da poeta, o seu pai exercía ademais (baixo o mando de Napoleón) o cargo de maire (alcalde) desta vila próxima a Hülshoff, sendo responsable, entre outras cosas, das tarefas policiais. Numerosos parentes de ambas familias eran cóengos de cabido ou de colexio e canonisas; o seu tío avó, Ernst Konstantin von Droste zu Hülshoff, participou no goberno do príncipe-bispo de Münster como deán da catedral, o seu tío Heinrich Johannes foi o último prepósito nobre da catedral no goberno de Münster e a súa tía avoa e madriña, Anna-Elisabeth von Droste zu Hülshoff (1733-1805), foi unha das últimas do mosterio segrar para mulleres nobres, o Damenstift Metelen.

Mentres que os membros masculinos da familia adoitaban ter unha formación universitaria, as mulleres acostumaban recibir a súa educación nestes mosteiros de canonisas. A nai de Annette, por exemplo, vivira no mosteiro de San Bonifacio (Freckenhorst) dende os trece anos, onde recibira unha excelente educación da abadesa Francisca Lucia von Korff zu Harkotten und Störmede. Mentres que a súa irmá Jenny aínda puido facerse canonisa no mosteiro de Hohenholte, este tipo de educación e seguridade material xa non foi posible para Annette debido á abolición destas institucións como resultado da secularización.

Os pais de Annette destacaban entre a nobreza de colexiata pola súa formación literaria e musical: antes do seu nacemento viviran na cidade de Münster, onde pertenceran ó Círculo relixioso de Münster no contexto da Ilustración Católica. Bernhard Overberg tamén pertencía a este círculo; a súa pedagoxía (moderna para a época), que tamén promovía a educación das mulleres, foi modelo para a educación dos irmáns Droste-Hülshoff. A conexión da súa familia coa literatura xa se establecera nos séculos XVI e XVII a través do humanista Everwin Droste e do membro da Sociedade Frutífera (academia da lingua alemá), Everwin von Droste zu Möllenbeck. Na súa familia tamén existía unha tradición musical dende había xeracións. A propia Annette, xunto cos seus irmáns, foron instruídos primeiro pola súa culta nai, despois por un capelán da casa que máis tarde se converteu en profesor do instituto Paulinum (Münster), e por unha institutriz francesa.[13] Deste xeito, a nena, moi curiosa, adquirira unha formación excepcional para a educación das nenas naquela época, que incluía, por exemplo, literatura en latín, grego, francés e inglés, así como Historia, Xeografía e Historia Natural.

Droste-Hülshoff como escritora[editar | editar a fonte]

O Fürstenhäusle en Meersburg, antigamente propiedade da poeta. Na actualidade, Casa Museo Droste.

Desde moi nova, Annette von Droste-Hülshoff leu moito e estaba ben instruída en literatura alemá, inglesa e francesa, así como nos discursos literarios da época. Non só fixo un uso extensivo das bibliotecas das residencias da súa familia, senón que tamén foi unha ávida clienta dos prestamistas de libros e membro dun salón literario en Münster, a chamada Heckenschriftsteller-Gesellschaft, que a súa íntima amiga Elise Rüdiger fundara e á que pertenceu o seu protexido Levin Schücking. A correspondencia que mantivo con numerosos intelectuais da época dentro e fóra da súa familia contén moitas xoias literarias e mostra a súa apreciación dos escritores máis novos, como B. Ferdinand Freiligrath e Wilhelm Junkmann, a quen coñecía persoalmente. Porén, negouse a se deixar influenciar polas tendencias de moda e os intentos por gañar notoriedade, pois estaba o suficientemente segura de si mesma como para anticipar a súa fama póstuma.[14]

A publicación do seu primeiro volume de poesía en Aschendorff en 1838, aínda medio anónimo por temor á reacción, foi un fracaso. Porén, mantívose fiel á súa vocación, tomou moi en serio o seu traballo literario e era consciente da importancia das súas creacións artísticas. As súas baladas fixéronse famosas (por exemplo Die Vergeltung, O desquite e Der Knabe im Moor, O neno no pantano), así como a súa novela curta Die Judenbuche (A faia dos xudeus), que foi traducida a moitas linguas e levada á gran pantalla. Aínda hoxe en día a súa poesía tamén segue sendo importante. A natureza da rexión de Münster, o lago de Constanza cos Alpes e os lugares históricos onde se desenvolve a súa obra serviron de inspiración para a poeta que a miúdo remite a estes lugares. Debido ás súas vívidas descricións da natureza, aínda hoxe é coñecida como a poeta por excelencia de Westfalia e do lago Constanza.

Aínda que se considera unha poeta católica desde o Kulturkampf (combate cultural),ela rexeitaba calquera estreiteza confesional: moitos dos seus amigos íntimos e parentes eran protestantes. Tamén lía os escritos críticos coa relixión de Ludwig Feuerbach, por exemplo. Un importante documento de profunda relixiosidade é o seu ciclo de poemas, Das geistliche Jahr, no que, como era típico da época, se plasma tamén o conflito natural do ser humano entre a conciencia ilustrada e a fe relixiosa. Annette von Droste-Hülshoff deixou un poema para cada día do ano litúrxico, o que mostra a súa condición de católica practicante. Dedicoulle a primeira parte deste traballo á súa nai cunha dedicatoria, na que anticipaba que esta non chegaría a comprender os seus conflitos internos na súa extensión. Algunhas das alusións que fixo nesta obra considéranse agora autobiográficas, xa que traballou en todo o ciclo durante máis de 20 anos.

O lado leste do castelo de Meersburg.

Desde 1837 era amiga do arriba mencionado escritor e crítico literario Levin Schücking, quen era moito máis novo ca ela. Era fillo da poeta e amiga dos seus pais Katharina Sibylla Schücking, quen morreu cando Levin tiña uns 17 anos. Axudoulle ó avogado novo a introducirse na escena literaria deixándolle de forma anónima os seus textos para a obra Das malerische und romantische Westphalen, que escribiu con Freiligrath. Grazas á mediación de Annette von Droste-Hülshoff, en 1841 converteuse en bibliotecario do seu cuñado no castelo de Meersburg. A maioría dos poemas «seculares» foron escritos en Meersburg inspirados polo amor maternal e os  coñecementos literarios del, o que levou á chamada «aposta do poeta». A saída de Schücking en 1842 para buscar un maior desenvolvemento profesional e casar coa poeta Louise von Gall, afectouna tanto como as súas indiscrecións sobre a nobreza na súa obra Die Ritterbürtigen, xa que participaba no movemento da Alemaña Moza (Junges Deutschland). Por iso chegou, tamén baixo a presión da súa familia, a romper a súa relación co seu amigo.

Dentro da historia literaria, a obra de Annette von Droste-Hülshoff pertence nun principio ó Romanticismo, pero a Judenbuche xa é parte do Realismo. A gran poeta non quería ser famosa en vida, senón «que continuasen lendo as súas obras cen anos despois». Coa súa visión case moderna da alma, a súa vontade de sacrificio, a súa confianza en si mesma e a súa creatividade, superou a moitas persoas da época e converteuse así nun modelo a seguir para moitas mulleres ata o día de hoxe. Na actualidade a súa obra non só forma parte do canon escolar, senón que a súa vida e obra inspiran as autorías contemporáneas. A complexidade da súa personalidade e da súa obra ofrecen puntos de partida para interpretacións psicolóxicas e parapsicolóxicas, pero tamén para interpretacións erróneas á luz das ideoloxías contemporáneas. En definitiva, Droste-Hülshoff segue sendo unha xenia poética que nunca poderá ser explorada por completo.

Droste-Hülshoff como música e compositora[editar | editar a fonte]

Busto no xardín do castelo de Hülshoff, 2006
Meersburg, entrada ó castelo Vello: Busto de Annette von Droste-Hülshoff

A evolución de Annette como unha das escritoras máis coñecidas de Alemaña foi nos primeiros anos parello da súa actividade como música e compositora. Ao longo de moito tempo, o seu traballo como compositora non se tivo en conta e caeu no esquecemento, malia que a súa música e poesía interactuaban nos seus inicios.

Os pais de Annette eran abertos á música, o seu pai era un violinista apaixonado. No domicilio principal dos Droste-Hülshoff, o castelo de Hülshoff, atópase aínda agora unha colección considerable de material musical e partituras que eran imprescindibles para facer música en familia. Levaban as nenas e os nenos a concertos e actos musicais, para introducilos á música contemporánea. O tío de Annette, Maximilian-Friedrich von Droste zu Hülshoff, foi compositor e amigo de Joseph Haydn. En 1809 Annette empezou a tomar clases de piano e órgano, entre outros instrumentos, co organista do mosteiro de Hohenholte. A miúdo pedíaselle que tocase ela soa ou que acompañase a outros co piano, así perfeccionaba as súas habilidades. En 1812 Therese, a súa nai, escribiu entusiasmada que a súa filla «se lanzara a compoñer con todo o ímpeto que definía o seu carácter».[15]

En 1820 Annette deu o seu primeiro concerto público de canto en Höxter. Non foi ata 1824 e 1831 que Annette empezou a recibir tamén clases de canto; sobre a súa voz dicíase que era «sonora, pero a miúdo forte de máis e estridente, aínda que podía ser moi grave e agradable».[16] En Colonia tamén se dicía que tiña mellor voz que Angelica Catalani (1780-1849), quen foi considerada das mellores soprano do seu tempo. Annette deu tamén clases de canto e piano a outros membros da súa familia.

En 1821, o seu tío Maximilian agasalloulle unha copia da súa peza teórica sobre o baixo xeral e a arte de compoñer (Einige Erklärung über den Generalbass und die Tonsetzkunst überhaupt) sobre a que ela escribiu con ledicia: «Que se pode deducir disto? Que estudarei o texto de principio a fin e o aprenderei de memoria».[17] Despois de prepararse adecuadamente, mediante o estudo da música contemporánea, Annette comezou a compoñer. É a autora dos libretos case completos e da música para catro proxectos de ópera. En 1836, durante a súa estancia en Eppishausen (Suíza), chamoulle a atención o cancioneiro de Locham e propuxéronlle arranxar as cancións para canto e piano que había nel. Consérvanse unhas 74 cancións compostas polo seu puño e letra baseadas nos conceptos das escolas de canto da época que destacan por seren pegadizas e pola súa facilidade para seren cantadas.

Annette mantivo correspondencia con Clara Schumann e Robert Schumann. A famosa pianista e compositora pediulle en 1845 que compuxese un libreto para que o seu marido lle puxese música. Robert xa fixera o mesmo cun poema seu, Das Hirtenfeuer, op. 59,5, que en 1844 aparecera nunha recolección de poemas á que el lle tiña moito aprecio.

Annette xamais interpretou as súas obras en público. Non foi ata 1877 que o seu traballo saíra á luz grazas a Christoph Bernhard Schlüter (1801-1884) quen fixo publicar algunhas obras da poeta nunha recompilación de cancións para acompañamento de fortepiano titulada Lieder mit Pianoforte-Begleitung. Tamén a conmemorou no obituario de 1848 destacando o seu «grande talento para o canto e a música» e o seu «extraordinario don» de «traducir a poesía en música e viceversa».[18] As súas obras póstumas e, polo tanto, a súa música comezaron a revisarse no século XX.

A autora combinaba o seu talento musical coas súas altas aspiracións, pero levouna a un conflito coas súas ambicións literarias, pois «escribir ópera é demasiado miserable e esforzado».[19] Ó final, decidiuse pola poesía e a música pasou a un segundo plano. A súa obra musical atópase agora na Biblioteca Universitaria e Estatal de Münster en préstamo permanente.

Retratos e fotografías[editar | editar a fonte]

Anverso do billete de 20 marcos

A irmá da poeta, Jenny pintou varios retratos de Annette. Unha miniatura creada por Jenny en 1820 serviu máis tarde de modelo para o deseño da cuarta serie do billete de 20 marcos alemáns coa imaxe da súa famosa irmá. De adolescente, Annette von Droste-Hülshoff tamén fora pintada por C. H. N. Oppermann (arredor de 1818).

Ademais dun debuxo de Adele Schopenhauer de 1840, hai moitos cadros realizados por Johann Joseph Sprick (1808-1842), a quen ela adoitaba apoiar economicamente.

Foi tamén retratada polo fotógrafo Friedrich Hundt, e grazas a el foron conservados para a posteridade daguerrotipos de Annette von Droste-Hülshoff.[20]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Droste-Stein (Pedra Droste) en Königslau, un bosque preto de Bökendorf, 2012

Alén do xa mencionado billete de 20 marcos, Annette von Droste-Hülshoff tamén apareceu como motivo en dúas series básicas de selos alemáns: desde 1961 como parte da serie Personalidades Alemás Notables e, a partir de 2002, como parte de Mulleres Históricas Alemás.[20]

O premio Annette von Droste-Hülshoff, o asteroide (12240) Droste-Hülshoff e o Premio Droste da cidade de Meersburg están dedicados a ela, como tamén levan o seu nome varios centros educativos e numerosas rúas de cidades.

No xardín do castelo de Hülshoff atópase un monumento feito por Anton Rüller e Heinrich Fleige que data do ano 1896 e que serviu de modelo para un busto que agora está preto do castelo de Meersburg, realizado pouco despois por Emil Stadelhofer.[21] Este monumento tamén se utilizou como modelo para o busto das moedas de emerxencia da provincia de Westfalia e a medalla híbrida asociada.[22]

En Königslau, un bosque preto de Bökendorf no noroeste de Alemaña, erixiuse en memoria da autora, en 1964, a Droste-Stein. A referencia da localización na novela A faia dos xudeus está baseada nun erro. O asasinato do xudeu Soistmann Berend o 10 de febreiro de 1783, de Ovenhausen, que Droste-Hülshoff tomou de inspiración para a súa novela, tivo lugar na ladeira sur da montaña, nun camiño forestal.

Na coñecida serie policíaca alemá Tatort Münster os autores renden homenaxe en repetidas ocasións a Droste-Hülshoff. Exemplo disto son o capítulo no que se introduce ó comezo a balada Der Knabe im Moor; no capítulo 659 recítase Die tote Lerche nunha escena nocturna no cemiterio. Dedícaselle tamén o episodio 935 que xira ó redor dun «viño de casamento» (inventado) de Annette von Droste-Hülshoff. De feito, a bodega estatal de Meersburg cultiva as viñas da poeta e, desde 1998, produce o viño Cuvée Annette na súa homenaxe.

En moitas cidades atopamos rúas dedicadas a ela, como tamén no seu lugar de nacemento, Roxel. Este barrio de Münster anúnciase como lugar de nacemento da poeta no seu cartel de entrada. En xuño de 2012 fíxose coñecido que, tras a reorganización municipal de 1975 que implicaba a incorporación do castelo de Hülshoff ó municipio de Havixbeck, este tiña a intención de engadir «lugar de nacemento de Annette von Droste-Hülshoff» nos seus carteis de entrada. Isto foi criticado en Roxel por «falsificación da historia».[23]

Recepción literaria[editar | editar a fonte]

«A Droste» foi e é obxecto de numerosos estudos literarios que son patrocinados pola Sociedade Annette von Droste (A.v.D.-Gesellschaft) e o centro de investigación Droste-Forschungsstelle da Mancomunidade Rexional Westfalia-Lippe. A súa obra literaria e musical, así como a súa correspondencia, poden consultarse a través dunha edición histórico-crítica das súas obras e anuarios. Ademais, o seu recordo como a poeta máis importante do século XIX e unha das máis antigas e importantes poetas de fala alemá tamén se mantén vivo grazas ás casa museo da autora, lugares nos que desenvolveu a súa obra, os premios de literatura, a súa fundación co seu centro de literatura no castelo de Hülshoff e numerosas escolas que levan o seu nome, ademais de a través de novelas e películas relacionadas coa súa vida e obra.

Escritoras como B. Gertrud von le Fort, Reinhold Schneider e Werner Bergengruen tiveron en alta estima a Annette von Droste-Hülshoff.

No poema Der Droste würde ich gern Wasser reichen (1999),[24] Sarah Kirsch[25] expresa a súa admiración pola súa colega e interpreta a relación entre Droste-Hülshoff e Levin Schücking.

Varias biografías e novelas biográficas tratan a vida de Droste. Karen Duve, por exemplo, na súa novela Fräulein Nettes kurzer Sommer, publicada en 2018, relata con detalle o contexto familiar e o ambiente dos mozos do Romanticismo tardío. Esta obra relata unha breve fase da vida de Droste, de entón 20 anos, influenciou de forma determinante o resto da súa vida e obra.[26]

Annette von Droste-Hülshoff tamén impulsou o talento literario de sucesivos membros da súa familia: o seu sobriño Ferdinand von Droste zu Hülshoff, a súa afillada Elisabeth von Droste zu Hülshoff, a súa sobriña Therese Dahn e familiares distantes como Wilderich von Droste zu Hülshoff (autor do libro Annette v. Droste-Hülshoff im Spannungsfeld ihrer Familie, entre outros) publicaron, ou ben, publican obras de ficción.

Unha carta que Annette von Droste-Hülshoff lle enviou a Anton Matthias Sprickmann en 1819 foi engadida por Walter Benjamin á colección de cartas Deutsche Menschen (Persoas alemás).

Casas Museo Droste[editar | editar a fonte]

  • Castelo de Hülshoff preto de Havixbeck
  • Casa Rüschhaus, Münster
  • Fürstenhäusle, Meersburg
  • Castelo de Meersburg, Meersburg

Arquivos e fundacións[editar | editar a fonte]

O Arquivo Literario de Westfalia da Landschaftsverband Westfalen-Lippe (LWL) (Corporación Westfalia-Lippe) almacena e dixitaliza os manuscritos de traballo e as copias en limpo do «patrimonio de Meersburg» de Annette von Droste-Hülshoff.[27]

O 28 de setembro de 2012, a Fundación Annette von Droste zu Hülshoff foi recoñecida oficialmente. O seu obxectivo é conservar a casa natal da poeta no castelo de Hülshoff, preto de Havixbeck, para o seu uso público a longo prazo. Ademais, financia eventos literarios, exposicións e proxectos de investigación.[28]

Sendeiro poético[editar | editar a fonte]

Dende a primavera de 2021, existe un sendeiro poético para camiñantes e ciclistas entre os lugares de recordo da poeta en Westfalia, con numerosas paradas e referencias instrutivas á súa obra.[29]

Obras[editar | editar a fonte]

  • Gedichte (poemas).
    • Hospiz auf dem großen Sankt Bernhard (epopea, 1828–1833)
    • Des Arztes Vermächtnis (epopea, 1834)
    • Die Schlacht vom Loener Bruch A. 1623 (epopea, 1837-1838)
    • Der Säntis
    • Am Weiher
    • Der Graf von Thal
    • Fragment
  • Die Judenbuche (A faia dos xudeus. Novela publicada na revista Morgenblatt für gebildete Leser, 1842.
  • Gedichte (poemas). Cotta, Stuttgart/Tübingen 1844. (Copia dixital e texto completo no arquivo de textos alemáns; texto completo segundo a edición Liechtensteinverlag, Vaduz 1948 en Gutenberg-DE)
  • Zeitbilder (1841–1843)
  • Haidebilder (1842)
    • Der Knabe im Moor (balada, 1842)
  • Fels, Wald und See (1841–1843)
    • Am Thurme
    • Das öde Haus
    • Im Moose
  • Poemas de contido variado
    • Die Taxuswand (1841)
    • Das Spiegelbild (1842)
    • Alten Pfarrers Woche
    • Das Eselein
    • Die beste Politik
  • Scherz und Ernst
  • Baladas (1840–1842)
    • Die Vergeltung
    • Die Vendetta
    • Der Fundator
    • Die Schwestern
    • Der Tod des Erzbischofs Engelbert von Köln
    • Das Fegefeuer des westfälischen Adels
    • Die Stiftung Cappenbergs
    • Kurt von Spiegel
    • Das Fräulein von Rodenschild
    • Der Spiritus des Roßtäuschers
  • Mondesaufgang (Poema, 1844)
  • Im Grase (Poema, 1844)
  • Westfälische Schilderungen. (1845)
  • Das geistliche Jahr. (Ciclo de poemas), 1818–1820/1839–1840 (projekt-gutenberg.org).
    • Am letzten Tag des Jahres (Silvester).
  • Letzte Gaben. Nachgelassene Blätter. Editado por Levin Schücking. Rümpler; Grimpe, Hannover 1860. (Texto dixitalizado e completo no Deutsches Textarchiv; texto completo baseado no da editorial Liechtenstein, Vaduz 948 de Gutenberg-DE)
  • Joseph. Eine Kriminalgeschichte. Fragmento, escrito en 1845, publicado en 1886.
  • Bei uns zu Lande auf dem Lande. (Fragmento, obra póstuma), 1862.
  • Briefe von Annette von Droste-Hülshoff und Philipp W..
  • Winfried Woesler (Ed.): Historisch-kritische Ausgabe. Werke, Briefwechsel. 13 volumes en 25 subvolumes. Niemeyer, Tubinga 1978–2000

Obras musicais (selección)[editar | editar a fonte]

  • 15 Lieder für Singstimme und Klavier. Cancións para canto e piano (ata outono de 1838 aproximadamente). Recollidas en limpo
  • Minnelieder, 5 cancións (anteriores a 1834)
  • 8 cancións individuais
  • 4 fragmentos de cancións
  • 4 cancións polifónicas
  • Lochamer Liederbuch. Cancioneiro para canto, 1836, arranxo)

Obras de teatro musicais[editar | editar a fonte]

  • Babilon (a partir de Babylon de Friedrich de la Motte Fouqué), 3 idilios do Frauentaschenbuch, libro de bolsillo para mulleres, de 1820, p. 1–38 (entre 1820 e 1837), preludio e música para 6 pasaxes de texto para orquestra e piano.
  • Der blaue Cherub (a partir de Der blaue Cherub, peza de canto de Adam Oehlenschläger, Kassel 1823 (entre 1823 e 1837), notas para a composición, índice de rexistro de voces para os personaxes; aria para canto e piano de Einst zogs mich nach Südlands Auen.
  • Der Galeerensklave (a partir de Der Galeeren-Sklav de M. Fernouillot de Falbaire, alemán Münster 1777) (1820), borrador de libreto para prosa, non se conserva a parte musical.
  • Die Wiedertäufer (entre 1837 e 1839 aproximadamente), só se conservan motivos musicais.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Zum 217. Geburtstag der Annette von Droste-Hülshoff". Arquivado dende o orixinal o 16 de xaneiro de 2014. Consultado o 3 de febreiro de 2022.  Sobre o problema da data de nacemento de Droste-Hülshoff.
  2. Para un resumo do debate sobre a data de nacemento, ver Walter Gödden: Annette von Droste-Hülshoff. Eine Dichterchronik. 1993, p. 23.
  3. "„Meine Lieder werden leben“ – Leben und Werk im Zeitraffer.". Arquivado dende o orixinal o 10 de xaneiro de 2014. Consultado o 3 de febreiro de 2022. 
  4. "Annette von Droste zu Hülshoff.". Arquivado dende o orixinal o 02 de febreiro de 2014. Consultado o 03 de febreiro de 2022. . Biografía en Burg-Huelshoff.de.
  5. Google widmet Annette von Droste-Hülshoff ein Doodle.
  6. "Annette von Droste-Hülshoff". Balladen.de. Consultado o 24 de xuño de 2009. 
  7. Segundo outras fontes, o 10 ou o 14 de xaneiro, por exemplo na biografía de Annette von Droste-Hülshoff na Lexikon Westfälischer Autorinnen und Autoren, recuperada o 24 de xuño de 2009.
  8. Wilderich von Droste zu Hülshoff: 900 Jahre Droste zu Hülshoff- Verlag LpV Hortense von Gelmini, Horben 2018, ISBN 978-3-936509-16-8.
  9. Referat. Thema: „Die Judenbuche“ von Annette von Droste Hülshoff.
  10. "Annette von Droste-Hülshoff". Balladen.de. 2009-06-24. 
  11. Für den 14. Januar spricht ein wissenschaftlicher Aufsatz von August Schröder in den Beiträgen zur Westfälischen Familienforschung, Band 33–35, 1975–1977.
  12. zur Herkunft ihrer Familie s. Wikipedia-Seite Burg Hülshoff, Diskussion
  13. Wilderich von Droste zu Hülshoff: 900 Jahre Droste zu Hülshoff. Verlag LpV Hortense von Gelmini, Horben 2018, ISBN 978-3-936509-16-8.
  14. Wilderich von Droste zu Hülshoff: Annette von Droste-Hülshoff im Spannungsfeld ihrer Familie (= Aus dem deutschen Adelsarchiv. Band 11). C. A. Starke Verlag, Limburg (Lahn) 1997, ISBN 3-7980-0683-0.
  15. Winfried Woesler (Hrsg.): Briefwechsel. Annette von Droste-Hülshoff. Historisch-kritische Ausgabe. Bd. 8,1, S. 79.
  16. Friedrich Beneke (1787–1865). Zitat in: Bodo Plachta (Hrsg.): Annette von Droste-Hülshoff (1797–1848). „aber nach hundert Jahren möchte ich gelesen werden“. Ausstellungskatalog, Wiesbaden 1997, S. 153.
  17. "Ich lerne den Generalbass auswendig". 27 de xuño de 2021. 
  18. Winfried Woesler (Hrsg.): Briefwechsel. Annette von Droste-Hülshoff. Historisch-kritische Ausgabe. 1980, Bd. 1,1, S. 104.
  19. Winfried Woesler (Hrsg.): Briefwechsel. Annette von Droste-Hülshoff. Historisch-kritische Ausgabe. 1980, Bd. 10,1, S. 297.
  20. 20,0 20,1 Redaktion (2022-01-05). "Sonderpostwertzeichen „225. Geburtstag Annette von Droste-Hülshoff“ - Bundesfinanzministerium - Presse" (en alemán). 
  21. "Auf den Spuren eines vergessenen Künstlers". SÜDKURIER Online (en alemán). 21 de xaneiro de 2009. Consultado o 3 de febreiro de 2022. 
  22. "Leipziger Münzhandlung und Auktion Heidrun Höhn". acsearch.info. Consultado o 3 de febreiro de 2022. 
  23. Thomas Schubert (2012-06-19). "Havixbeck – Geburtsort Annettes? Roxeler Heimatfreunde ärgern sich über Marketing-Bestrebungen der Nachbargemeinde". wn.de. Arquivado dende o orixinal o 30 de xuño de 2012. Consultado o 2018-12-16. 
  24. Sarah Kirsch: Zaubersprüche. München 1974, S. 42.
  25. 1997 Annette-von-Droste-Hülshoff-Preis des Landschaftsverbandes Westfalen-Lippe.
  26. Duve, Karen (2018). Fräulein Nettes kurzer Sommer. Galiani. ISBN 978-3-86971-138-6. 
  27. „Meersburger Nachlass“ bleibt in Münster. In: Südkurier. 23. August 2018.
  28. "Gründung der Annette von Droste zu Hülshoff-Stiftung". 19 de abril de 2020. Arquivado dende o orixinal o 30 de xuño de 2018. Consultado o 03 de febreiro de 2022. 
  29. "Lyrik-Wanderweg würdigt Annette von Droste-Hülshoff". 27 de xuño de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Clemens Heselhaus: Annette von Droste-Hülshoff. Bagel, Düsseldorf 1971, ISBN 978-3-513-02119-9.
  • Wilderich von Droste zu Hülshoff: 900 Jahre Droste zu Hülshoff. Editora Hortense von Gelmini, Horben 2018, ISBN 978-3-936509-16-8.
  • Herbert Kraft: Annette von Droste-Hülshoff. 5ª edición revisada, Reinbek bei Hamburg 1998, ISBN 3-499-50517-7. Tamén Annette von Droste-Hülshoff. Ein Gesellschaftsbild. 1996.
  • Cornelia Blasberg, Jochen Grywatsch (eds.): Annette von Droste-Hülshoff Handbuch. De Gruyter, Berlin 2018, ISBN 978-3-11-035194-1.
  • Karen Duve: Fräulein Nettes kurzer Sommer. Roman. Galiani, Berlin 2018, ISBN 978-3-86971-138-6.