Ana Vila Portomeñe
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 8 de marzo de 1969 (55 anos) Meixonfrío, España |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Actividade | |
Ocupación | poetisa , labrega |
Xénero artístico | Poesía |
Lingua | Lingua galega e lingua castelá |
Familia | |
Cónxuxe | Heriberto |
Fillos | Brais |
Ana Vila Portomeñe, nada en Meixonfrío (Taboada) o 8 de marzo de 1969, é unha poeta e labrega galega.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Gandeira no lugar de Vila, parroquia de Meixonfrío (Taboada), entre labor e labor encontra a inspiración para escribir poesía. Leva con ela unha libretiña na que vai anotando o que lle vén ao maxín mentres vai coas vacas.[1][2]
Comezou publicando en castelán Algo de mi con mucho de ti (2014): recolle «algúns dos sentimentos e das palabras» que lle surxen cando se atopa diante dunha paisaxe determinada ou cando recorda algunha vivencia relacionada coa familia, os amigos, os animais[3]. Son poemas con sentires que din algo da autora, que transmiten diferentes visóns dela mesma.
En 2017 publica en galego Latexos dunha labrega[4], 90 poemas en 115 páxinas. Son unha homenaxe á terra da que se sente orgullosa e tamén á Muller, sobre todo á muller rural ou mariñeira:
Muller de aldea,
muller labrega,
son as túas mans
agarimo da terra.Tes a luz de cada estrela,
a beleza da lúa chea,
o traballo feito lenda,
un regazo calmando pena,
abrigo que a todos chega
e gran corazón sen fronteira[5].
No poema, A vaca galega, expón:
Esa vaca desperta
de paisaxes ledas
vai facendo casa
de comida chea
xunguida ás estrelas.Rubia, pinta ou cachena,
moreniña ou pasiega,
cada unha á súa maneira,
ningunha como a galega[6].
E en 2018 publica tamén en galego Pintasías. Pesías e debuxos. Os poemas van acompañados dos debuxos que fixo o seu fillo Brais para que os nenos e as nenas gocen da poesía. Son tamén unha homenaxe aos avós e ás avoas que tanto tempo pasan cos netos por amor. A palabra pintasías remite a pinturas + poesías.
En 2019 sae Sentidos nunha aldea en homenaxe ás aldeas e á escrita á man, porque está escrito á man. En 2019 tamén gañou o primeiro premio na categoría sénior no Certame Cartas de Amor Vila de Quiroga.
O seu relato Tesouro azul forma parte da antoloxía no V Certame Internacional Contos de Ultramar 2019,[7] Concello de Ferrol.
Ten colaborado co Roteiro das Artes, Roteiro das Artes Internacional, Portugalicidades, Poetas do Reencontro-Colleita de poesia galaico-lusa 2019, Colectánea de literatura e artes Raia Luso-Espanhola, Colectánea de poesia e lendas Luso-Galaicas, Camiños de Poesía, Homenaxe a Manuel María (Deputación de Lugo), Mondoñedo É Poesía, Revista lucense de creación poetica Xistral, Nova Poesía Guitirica no Certame de Vilariñas, Poemas pendurados das farolas, Revista NPG gazeta. Participou no programa de creacións artisticas arredor da muller rural lucense da Rede Museística tema Memoria e Terra "Recolectoras, Festival Internacional de Grito de Mujer 2023 Zona Galicia-El Bierzo e na Exposición Atlánticas de Adrián Baúlde.[8]
Foi membro do xurado nalgúns certames poéticos e no concurso Miss Vaca do Programa Luar da Televisión de Galicia.[9] Colaborou en Con Vós de Radio Amplitud[10] da Arxentina cos Latexos de Ana cada domingo, repetido en Radio Nove Galicia do Condado da Paradanta.
Colaborou con textos no documental Verde, a cor da soidade, emitido pola TVG2 en febreiro de 2022.[11]
Participou cun poema da súa autoría na misa honrando a Rosalía de Castro o 25 de xullo do 2023.[12]
Obras
[editar | editar a fonte]- Algo de mi con mucho de ti (2014). Ed. da autora. ISBN 978-84-617-2923-4
- Latexos dunha labrega (2017). Ed. da autora. ISBN 978-84-617675-4-0
- Pintasías. Poesías e debuxos (2018). Ed. da autora. ISBN 978-84-697-9610-8
- Sentidos nunha aldea (2019). Ed. da autora. La Voz de la Verdad. Encadernado por Inés de Castro. ISBN 978-84-09-09079-2.[13]
Obra colectiva
[editar | editar a fonte]- A.M.A. En esencia (2021). Con Ana Rey Gay e Mª Luísa Pereira Fernández. Melide: Imprenta Meligraf. ISBN 978-84-09-31922-0. Hai poemas en galego, castelán e algún relato.
- Amor en carne viva (2022). Medulia Ed. ISBN 9788412494846.[14]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Méndez, Mila (2019-11-02). "Ana Vila Portomeñe: «Chegáronme a dicir que como era posible que eu, coidando vacas, tivese a capacidade de escribir»". La Voz de Galicia. Consultado o 2019-11-02.
- ↑ Corbello, Sabela (2023-11-09). ""Muxindo sáenme poemas!"". El Progreso de Lugo. Consultado o 2023-11-09.
- ↑ "Ana Vila, unha gandeira poeta. La Voz de Galicia. 07/03/2015". Consultado o 19/03/2018.
- ↑ "Catalogo BNE". Consultado o 19/03/2018.
- ↑ "La Torre de los sueños Esmeralda". Consultado o 19/03/2018.
- ↑ "Os latexos poéticos de Ana Vila Portomeñe. García, Xosé Lois. Galicia Dixital". Consultado o 19/03/2018.
- ↑ Escritores.org. "V CERTAMEN INTERNACIONAL DE RELATOS". www.escritores.org. Consultado o 2020-05-20.
- ↑ "Exposición ‘Atlánticas’ en el Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela, A Coruña)". REPSOL (en castelán). Consultado o 2023-07-28.
- ↑ "'Luar' premia esta noite a rubia galega máis fermosa nunha nova edición do certame de Miss Vaca CRTVG". www.crtvg.es. Consultado o 2021-07-06.
- ↑ "Radio Amplitud AM 660". www.am660.com.ar. Consultado o 2022-02-16.
- ↑ "Verde, a cor da soidade". www.crtvg.es.
- ↑ Redacción (2023-07-26). "La misa en homenaje a Rosalía de Castro reunió a más de 35 instituciones gallegas". El Correo Gallego (en castelán). Consultado o 2023-07-28.
- ↑ López, Laura (2019-03-06). "Ana Vila, poetisa: «As aldeas subsisten grazas ao traballo das mulleres»". La Voz de Galicia. Consultado o 2019-03-06.
- ↑ "Amor en carne viva". consorcioeditorial.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- A taboadesa Ana Vila fala no Día Internacional da Muller da muller labrega e da súa poesía, Consultado o 19/03/2018
- Ana Vila presenta en Taboada o poemario “Latexos dunha labrega”, Consultado o 19/03/2018
- Ana Vila presenta a súa obra 'Pintasías' polo Día da Muller en Taboada, Consultado o 19/03/2018
- Verso a verso: a poesía de Ana Vila Portomeñe, Consultado o 19/03/2018
- Canle de YouYube de Ana Vila Portomeñe, Consultado o 26/05/2018