Saltar ao contido

Acedre, Pantón

Acedre
Igrexa parroquial de Acedre
ConcelloPantón[1]
ProvinciaLugo
Coordenadas42°27′21″N 7°38′05″O / 42.455886111111, -7.6346666666667
Área5,4 km²
Poboación73 hab. (2017)
Densidade13,52 hab./km²
Entidades de poboación8[1]
[ editar datos en Wikidata ]

San Romao de Acedre é unha parroquia do concello lugués de Pantón na comarca de Terra de Lemos, na provincia de Lugo. Pertence á diocese de Lugo e ó arciprestado de Ferreira de Pantón.[2] No ano 2007 tiña 93 habitantes, deles 42 eran homes e 51 eran mulleres, o que supón unha diminución de 10 habitantes en relación ao ano anterior, 2006.

Xeografía

[editar | editar a fonte]

Limita polo norte coa parroquia de Santiago de Cangas, e polo oeste con San Xoán de Frontón; e limita coas parroquias de Sober de Santo Estevo de Anllo polo sur e coa parroquia de San Miguel de Rosende polo leste.[3]

Nesta parroquia celebrábase o Entroido de Budián, que garda grandes similitudes co Entroido que celebraban na Arribada en San Fiz de Cangas.

O comezo do Entroido anunciábase colocando un pano manchado e pintado con lama na entrada do lugar. O paseo do Entroido percorría os lugares de Budián, Abelaira, Cima de Vila, Acedre, San Romao, O Cotillón e regresaba de novo a Budián. Nesta celebración tamén participaban veciños da freguesía de Santiago de Cangas.

Ao remate do paseo, o domingo de Entroido, levábanse a cabo representacións teatrais. Estas funcións realizábanse habitualmente no patio do Olegario ou no do Arias, ambos situados en Budián. As pezas teatrais eran de tres tipos: as partixas escenificaban o repartimento das leirs; os casamentos era representacións satíricas nas que o personaxe que facía de cura levaba un touciño por diante e outro por detrás; nos partos, os homes disfrázabanse de mulleres, utilizando cebolas para simular os peitos e cun gato na barriga para representar o embarazo, culminando coa dramatización do “parto”.

Os Brancos son a figura máis vistosa do Entroido de Budián. Adoitan aparecer en parellas, formadas por un Branco (home) e unha Branca (muller). Os homes levan un pucho cónico branco, provisto dun encaixe á altura da cara que lles serve para cubrila. Na punta do sombreiro colgan numerosas fitas de cores que chegan ata o chan. Durante o baile, estas fitas móvense constantemente, polo que os Brancos realizan movementos coa cabeza para facelas lucir aínda máis. A indumentaria complétase cunha camisa branca e unha gravata. Sobre o peito cruzan unha colcha de cama bordada, na que algúns engaden elementos florais na parte exterior do lombo. O pantalón elabórase con almofadóns de cama, aos que se lles incorporan encaixes adicionais. Nos pés levan zapatos de vestir e, nalgúns casos, tamén un caiado. As Brancas levan na cabeza un sombreiro decorado con ganchos, empregando este mesmo elemento téxtil para cubrir o rostro. A vestimenta consiste nunha camisa branca adornada con encaixes. Sobre o lombo colocan unha colcha de cama, que poden decorar, ao igual ca os homes, con elementos florais como hedras ou fitas de cores. Finalmente, completan o traxe cunha saia confeccionada cunha sábana e zapatos de vestir.

O Farranquí é considerado o rei do Entroido e unha das figuras máis representativas desta celebración. Tradicionalmente, participaba nos actos centrais do Entroido, como a morte do Entroido, así como nos xoves de compadres e comadres. Trátase dunha personaxe máis bruta e transgresora, cunha estética intencionadamente tosca. Nunha das súas formas máis recentes, o Farranquí vestía roupa vella e escura, composta por chaquetas e pantalóns gastados. Adoitaba levar caretas compradas, xeralmente de animais como porcos ou vacas, e cubría a cabeza con chapeus de palla ou chapeus negros de pano. Como elementos característicos, portaba chocas suxeitas á cintura, unha vara na man e, nalgúns casos, cadeas ou caldeiros con cinsa, cos que facía ruído e intimidaba aos asistentes.

Xunto a esta indumentaria máis común, existía un traxe tradicional máis antigo. Este consistía nunha vestimenta cuberta de peles de ovella, que chegaban ata un pouco máis abaixo da cintura. No interior do traxe levaban unha chepa feita de palla ou herba, situada no lombo, que acentuaba o seu aspecto grotesco. Na cabeza apenas se distinguían dous buratos para os ollos e, na parte superior, colocábanse cornos, tanto de ovella como de cabra. Ao igual que na outra versión do Farranquí, completábase o traxe cun cinto cargado de chocas.

Lugares e parroquias

[editar | editar a fonte]

Lugares de Acedre

[editar | editar a fonte]
Lugares da parroquia de Acedre no concello de Pantón (Lugo)

A Abelaira | Acedre | As Adegas | Budián | Cima de Vila | O Cotillón | A Oseira | San Romao

Parroquias de Pantón

[editar | editar a fonte]
Galicia | Provincia de Lugo | Parroquias de Pantón

Acedre (San Romao) | Atán (Santo Estevo) | Cangas (Santiago) | Castillón (Santiago) | Deade (San Vicente) | Eiré (San Xulián) | Espasantes (Santo Estevo) | Ferreira de Pantón (Santa María) | Frontón (San Xoán) | Mañente (San Mamede) | Moreda (San Romao) | Pantón (San Martiño) | Pombeiro (San Vicente) | Ribeiras de Miño (Santo André) | San Fiz de Cangas (San Fiz) | San Vicente de Castillón (San Vicente) | Santalla de Toiriz (Santalla) | Santo Estevo do Mato (Santo Estevo) | Següín (Santo André) | Serode (San Xulián) | Siós (San Martiño) | Toiriz (Santa María) | Toldaos (San Xoán) | Tribás (San Martiño) | Vilamelle (San Cibrao) | Vilar de Ortelle (Santiago)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]