Acebo, Cáceres

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Acebo, Cáceres
Escudo de Acebo (Cáceres).svg
El puente Carrecia.jpg
Ponte Carreciá
Localización
Acebo.png
Xeografía
Superficie57,4 km²
Demografía
Poboación560
Densidade10,47
Outros datos
AlcaldeFrancisco Javier Alviz Rodríguez

Acebo é un concello da provincia de Cáceres en Estremadura. Localízase ao noroeste da provincia, na Serra de Gata.

Topónimo[editar | editar a fonte]

O topónimo procede do estremeño, lingua orixinal da localidade, acebu. Veciño do Val do Xálima e da súa lingua, en mañego denomínase O Abedu, en lagarteiro U Abedu e en valverdeiro U Acebu[1].

Xeografía física[editar | editar a fonte]

Localización[editar | editar a fonte]

Acebo pertence á mancomunidade da Serra de Gata. O monte Xálima, de 1492 metros de altitude, resgarda a localidade, e tamén forma parte do concello o o Teso Porras cos seus 1038 metros de altitude. O municipio de Acebo sitúase no fondal do val formado pola Rivera de Acebo a 504 metros de altitude, rodeado polos cumes do Xálima (1487 m.), o Teso Porras (1038 m.) e o Teso Carranco (1059 m.).

O termo municipal limita con El Payo ao norte, San Martiño de Trebello e Villamiel ao oeste, Hoyos e Perales del Puerto ao sur e Gata ao leste.

Clima[editar | editar a fonte]

Acebo conta cun microclima que facilita o cultivo de diversos froiteiros, entre os que salientan as laranxeiras e máis os limoeiros. O clima caracterízase por veráns cálidos e invernos suaves. As noites no verán adoitan ser agradables, por mor da airexa que persiste ata aclarar.

Natureza[editar | editar a fonte]

Flora[editar | editar a fonte]

A flora está formada principalmente por piñeiros, sobreiras, o castiñeiros e carballos, así como xaras, breixos, erbedos, lavanda, oliveiras, vides e laranxeiras .

Nos altos cumes predomina a matogueira, mentres que nas ladeiras imperan os bosques de piñeiros e de carballos mesturados con algúns castiñeiros. Nas zonas máis chairas tamén hai extensos piñeirais. O principal cultivo, como no resto da serra de Gata, é o da oliveira, en pequenas hortas minifundistas. As fontes de época modernas (Catastro de Ensenada no século XVIII ou o dicionario de Madoz no XIX) citan viñas, pereiras, cerdeiras, guindeiras ou limoeiros e as laranxas que se exportaban ao resto das localidades da comarca e Castela. Aínda hoxe, os hortos de laranxas forman unha estampa característica en torno ao núcleo urbano. As devanditas fontes citan a crianza de cabras, vacas, porcos ou cabalos nos pastos baixos. Na vila, a produción de mel e cera tiveron igualmente un papel importante. A situación xeográfica e hidrográfica da zona favoreceu tamén a presenza de muíños e lagares nas Riveras del Caíz ou de Carreziudad. Así como a instalación dunha central hidroeléctrica en 1911 e que estivo en funcionamento ata a década de 1980

Historia[editar | editar a fonte]

A localidade naceu no século XIII como unha aldea de Coria. Cítase pola primeira volta en 1235, na carta pobra outorgada a Villamiel. Administrada pola orde de Alcántara, tal e como establece a tenencia que o rei Fernando IV realizou en Sevilla ao mestre Gonzalo Pérez. Non se sabe a data certa pero nalgún momento deixou a administración da orde para ser posesión plena da diocese de Coria.

Idade Moderna[editar | editar a fonte]

Igrexa da Nosa Señora dos Anxos.

Ao longo da Idade Moderna, Acebo pertenceu ao marquesado de Coria, dentro da casa ducal de Alba. Posesión que rematou logo da aplicación da Lei de 3 de maio de 1823 que abolía os señoríos xurisdicionais no marco do Trienio Liberal. Este feito tivo a súa máxima expresión na vila na eliminación do escudo de armas dos Alba que estaba no lateral occidental da torre da igrexa.

Ao comezo do século XVI fundouse un mosteiro de monxas Terceiras, denominado Santiago de las Dueñas ou Santiago de Moncalvo, no lugar de Revolcobo. As freiras abandonaron o convento e fixéronse cargo del frades franciscanos terceiros mais pola súa localización afastada, pediuse reiteradamente o seu traslado ao núcleo urbano, o que se logrou tras ceder o concello terreos xunto á ermida do Espírito Santo, que houbo de se derrubar para construír a nova edificación, e tamén facilitou cartos, madeira e man de obra. O traslado definitivo dos frades realizouse o 4 de novembro de 1595 no medio de grandes festas. O convento chegou a proporcionar estudos de gramática e retórica e albergaba dúas confrarías, a do Espírito Santo e a da Inmaculada Concepción. Finalmente, suprimiuse no ano 1821[2].

No ano 1588, a localidade tiña 400 veciños segundo o censo ordenado polo bispo cauriense Pedro García de Galarza. Segundo o inventario artístico realizado polo bispo Luis de Salcedo y Azcona, en visita á diocese de Coria entre 1713-1716, Acebo tiña 300 veciños. En 1753 había 297 veciños o que suporía aproximadamente 1188 habitantes.

Segundo o Interrogatorio da Real Audiencia de 1791 os 380 veciños estaban asistidos por 7 sacerdotes presbíteros que vivían na casa parroquial. Tamén existían na localidade cinco confrarías, a máis numerosa a da Veracruz con 180 irmáns.

Idade Contemporánea[editar | editar a fonte]

Á caída do Antigo Réxime a localidade constitúese en municipio constitucional e en 1842 contaba con 430 fogares e 2355 veciños[3].

Nesa época, a produción do concello consiste principalmente no famoso aceite da serra de Gata, que se exportaba a Castela, e algúns anos tamén a Portugal; o viño así como as castañas abondaban para o consumo local; e do viño branco unha parte levábase para Salamanca e outras poboacións. Era nula a colleita de grans e había gando cabrío, lanar, asnal, vacún, cabalar e mular, ademais de perdices, coellos, lebres, cervos, xabarís, lobos e raposos[4].

Demografía[editar | editar a fonte]

Poboación de Acebo por década dende 1900:[5][6]

Patrimonio[editar | editar a fonte]

Piscina natural Carreciá

Entre os sitios de interese do concello salienta a igrexa da Nosa Señora dos Anxos, do século XVI que se comezou a construír no século XV e que conta cun retablo maior barroco obra de Pedro de Sobremonte (1618-1621)[7], a Ermida do Cristo e a sinagoga xudía situada no denominado barrio xudeu, localizado atrás da igrexa e nunha das súas casas atopáronse cabezas celtas.

Posúe dúas piscinas naturais en perfecto estado de conservación, Jevero e Carreciá a uns 1 500 metros do núcleo urbano e a fervenza de La Cervigona, con auga que cae a máis de 60 metros de altura.

Cultura[editar | editar a fonte]

Festividades[editar | editar a fonte]

Festas[8]
Data Nome
20 de xaneiro San Sebastián
sábado de maio Romaría da Virgen de la Herradura
15 de agosto Nosa Señora dos Anxos

Tradicións[editar | editar a fonte]

En Acebo existe unha importante tradición de encaixe de bolillos artesanal, que xa a comezos do século XVI estaba influenciado polo encaixe de Camariñas[9] e que se transformou nunha importante industria local. Existe un xogo local, a raya, que coa creación dunha asociación cultural viuse potenciado nos últimos anos.[10]. Outro xogo con moita tradición é o zápiti, semellante ao mus, que se xoga con só tres cartas e sen descartes.

Gastronomía[editar | editar a fonte]

  • Elaboración de meles .
  • Viño de Pitarra mediante o sistema tradicional autóctono de Acebo
  • Tamén se elabora ensalada de laranxas (mojeteo).
  • En Semana Santa elabóranse patacas recheas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Miroslav Valeš (2021). Diccionariu [L]agarteiru [M]añegu [V]alverdeñu. Centro Interdisciplinar de Documentação Linguística e Social. p. 459. 
  2. Rodríguez Arroyo, Jesús Carlos (2012). "Convento de Santiago del Azevo (Cáceres)". Cauriensia VII: 433–449. 
  3. "Alteraciones de los municipios en los Censos de Población desde 1842". INE. 
  4. Madoz (1845). Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar. p. 66. 
  5. "Poblaciones de hecho desde 1900 hasta 1991. Cifras oficiales de los Censos respectivos.". INE. Arquivado dende o orixinal o 21 de setembro de 2011. Consultado o 21 de junio de 2011. 
  6. "Series de población desde 1996. Cifras oficiales de la Revisión anual del Padrón municipal a 1 de enero de cada año.". INE. Arquivado dende o orixinal o 09 de outubro de 2011. Consultado o 10 de febreiro de 2022. 
  7. Méndez Hernán, Vicente (2004). El retablo en la diócesis de Plasencia: siglos XVII y XVIII. Universidad de Extremadura. pp. 362–364. 
  8. Fiestas de la Sierra de Gata Web de la Sierra de Gata
  9. González Mena, Maria de los Ángeles (1981). "El encaje cacereño". Narria. Estudios de artes y costumbres populares (23-24): 38–41. 
  10. Web de la Asociación Cultural Acebana La Raya