Abelardo Macías Fernández

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaAbelardo Macías Fernández
Biografía
Nacemento1912 Editar o valor em Wikidata
Lago de Carucedo, España Editar o valor em Wikidata
Morte17 de marzo de 1949 Editar o valor em Wikidata (36/37 anos)
Vilasinde, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
Outros nomesLiebre Editar o valor em Wikidata
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónmembro da resistencia Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

Abelardo Macías Fernández, coñecido como Liebre, nado en Lago de Carucedo (Carucedo) en 1912 e finado en Vilasinde (A Veiga de Valcarce) o 17 de marzo de 1949, foi un guerrilleiro antifranquista.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Militante da Confederación Nacional do Traballo (CNT), cando se produciu o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 organizou un grupo de resistencia que operou na comarca do Bierzo, na zona de Carucedo e Borrés, do que formaron parte Enrique Oviedo Blanco "Chapa", José Blanco "Palitos", Manuel Álvarez Martínez "Gaitero" e Gilberto Cuadrado Soto. Foi acusado pola Garda Civil de ser o responsable da execución de oito persoas (Roque Carujo Bello, Laurentino Bello Gómez, Benigno Cobo Gómez, Serafín Álvarez González, Rosa Moldes, Luisa Cobo Moldes, Ginés Gómez Losada e Salustiana Franco) en Lago de Carucedo o 17 de marzo de 1939. En xullo de 1940 formou parte dun grupo con Manuel Girón Bazán, Marcelino de la Parra Casas, José Vega Seoane, Enrique Oviedo e Eduardo Pérez Vega, que intentou pasar a Portugal, pero foi interceptado por axentes portugueses e tivieron que regresar e continuar a loita armada.

En abril de 1942 participou no congreso de Ferradillo no que se fundou a Federación de Guerrillas de León-Galicia. Ao ano seguinte foi condenado por indisciplina a unha lixiera pena polo Tribunal da Guerrilla. Despois do IV Congreso da Federación, celebrado entre o 10 e o 12 de outubro de 1944, onde se decidiu unha nova estrutura organizativa, foi nomeado, con Victorino Nieto Rodríguez, responsable dunha das catro guerrillas da I Agrupación da Federación. O grupo, de oito membros, actuou no triángulo formado polas estradas Ponferrada-Lugo, Ponferrada-Ourense e o límite da provincia de Lugo. No verán de 1945 formou parte, con José Vega, Domingo Rodríguez Lopera, Saturnino "Gafas" e Miguel Cardeña Lozano, do grupo volante que o 9 de xullo preparou nunha emboscada á Garda Civil de Edreira na que morreron os gardas Hipólito Martín, Vicente Pascual Chicote, Diosdado Largo Prieto e Exiquio Aguilera, ademais do guerrilleiro José Vega cando lle estoupou unha granada no momento de lanzala. O 25 de xullo de 1946, a súa compañeira, Carmen Jérez Rodríguez, foi detida pola Brigada de Servizos Especiais da Garda Civil en Fervenza e, logo de dous meses de interrogatorios no cuartel da Rúa, foi trasladada a Ponferrada. O 3 de maio de 1947 apareceu o seu cadáver en Montearenas (Ponferrada).

En 1948, cando a maior parte dos guerrilleiros superviventes decidiron pasarse a Francia, Macías permaneceu para continuar a loita no Bierzo, refusando entrar no Exército Guerrilleiro de Galicia controlado polo PCE. A finais de 1948, con Hilario Álvarez Méndez, Victorino Nieto Rodríguez e Alpidia García Moral, chegou á zona fronteiriza entre as provincias de León e Lugo. Produto dunha delación o grupo foi cercado en Vilasinde (A Veiga de Valcarce) o 17 de marzo de 1949, Abelardo, Hilario Álvarez e Alpidia García foron abatidos, mentres que Oliveros Fernández Armada e Victorino Nieto conseguiron fuxir.

A súa irmá Julia Macías sufriu varios anos de cárcere e diversas humillacións.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Redondo Abal, Francisco Xavier (2006). Botarse ao monte. Censo de guerrilleiros antifranquistas na Galiza (1939-1965). Sada: Do Castro. ISBN 84-8485-231-8. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]