Abadía de Whitby

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ruínas da abadía de Whitby (Yorkshire norte).

Coordenadas: 54°29′20″N 0°36′29″O / 54.48889, -0.60806A abadía de Whitby, coñecida no período anglosaxón como Streoneshalh, é unha abadía bieita en ruínas situada xunto á beira do mar do Norte no cantil oriental por encima de Whitby en Yorkshire do Norte, Inglaterra. Foi abandonada durante a disolución dos mosteiros ordenada polo rei Henrique VIII. É un monumento clasificado de grao I do English Heritage e o seu museo está aloxado en Cholmley House.

Historia[editar | editar a fonte]

Período anglosaxón[editar | editar a fonte]

Localización de Whitby.

O primeiro mosteiro foi fundado no ano 657 polo rei de Northumbria, o anglosaxón Oswiu (Oswy ou Oswio) co nome de Streoneshalch (antigo nome de Whitby[1][2]). O rei nomeou a dama Hilda, abadesa de Hartlepool e sobriña de Edwin, primeiro rei cristián de Northumbria, como primeira abadesa. O nome Streoneshalh crese que significaba baía fortificada ou baía da torre en referencia a un suposto asentamento romano que existía previamente no lugar, aínda que nunca se demostrou esta afirmación e propuxéronse teorías alternativas, como que o nome signifique asentamento de Streona, en referencia a Eadric Streona[3], pero é improbable xa que Streona morreu en 1017 e a denominación de Streoneshalh foi moi anterior[4].

A abadía foi creada como cohospitae ou mosteiro dobre, con monxes e monxas de rito celta separados pero baixo o mando dunha única abadesa, como era costume entre os asentamentos celtas. Foi o fogar do gran poeta do reino de Northumbria, Cædmon. Alí, era o vaqueiro da comunidade mais por iniciativa da abadesa Hilda foi educado para se converter en monxe e crear composicións poéticas e cantos sagrados[5].

En 664 tivo lugar na abadía o sínodo de Whitby, no que rei Oswiu ditaminou que a Igrexa de Northumbria adoptaría o cálculo romano da Pascua e a tonsura monástica romana, no curucho, en lugar da celta, na fronte de orella a orella. Este sínodo marcou o principio do final da influencia da Igrexa celta e da abadía de Iona no reino e, por extensión, en Inglaterra, en favor dos costumes romanos.

Streoneshalch foi atacado por piratas daneses en sucesivas incursións de Ivar Ragnarsson e Ubba entre 867 e 870 e o lugar permaneceu abatido durante máis de 200 anos. A existencia de Prestebi, ou morada dos sacerdotes en nórdico antigo, no reconto eclesiástico de Domesday pode sinalar que houbo certa reactivación da vida relixiosa despois da destrución danesa[6]. O antigo mosteiro que posteriormente se daría a Reinfrid estaba composto por unhas 40 ruínas monasteria vel oratoria, similares ás ruínas monásticas irlandesas, con numerosas capelas e celas[7].

Refundación[editar | editar a fonte]

Reinfrid, un soldado de Guillermo o conquistador, converteuse en monxe trala conquista normanda de Inglaterra e viaxou a Streoneshalh[8], que entón era coñecido como Prestebi ou Hwitebi (o "asentamento branco" en nórdico antigo) e pediu a sir William de Percy permiso para habitar as ruínas do mosteiro celta. O barón non só lle outorgou a abadía, senón tamén dous carucatos de terra e medios para a súa reconstrución e manutención. Sir Serlo de Percy, irmán do fundador, uniuse a Reinfrid no novo priorado baixo a advocación de san Pedro e santa Hilda de Whitby, dependente da abadía de Fountains e onde se seguía a regra de san Bieito[7].

A doazón orixinal de William de Percy non só incluía o mosteiro de San Pedro en Streoneshalch, senón tamén a cidade e o porto de Whitby coa súa igrexa parroquial de Santa María e seis capelas dependentes en Fyling, Hawsker, Sneaton, Ugglebarnby, Dunsley e Aislaby, cinco muíños (entre eles, o de Ruswarp, o lugar de Hackness con dous muíños e a igrexa parroquial de Santa María, ademais da Igrexa de San Pedro en Hackness "onde os nosos monxes serviron a Deus, morreron e foron enterrados" e varios outros agasallos enumerados no memorial do libro do abade[7].

O primeiro prior dende a refundación, Reinfrid, gobernou durante moitos anos e morreu accidentalmente, sendo soterrado en San Pedro en Hackness. Sucedeuno, como prior, Serlo de Percy[7].

Disolución e historia posterior[editar | editar a fonte]

O segundo mosteiro durou ata que foi destruído por mandato de Henrique VIII de Inglaterra en 1540, durante a disolución dos mosteiros. En 1914, a abadía de Whitby foi bombardeada polos cruceiros alemáns Von der Tann e Derfflinger[9], co obxectivo de destruír o posto de sinais de gardacostas sito no extremo do cabo. Scarborough e Hartlepool tamén foron atacados. A abadía sufriu danos considerables durante o ataque, que durou dez minutos[10].

Influencias literarias[editar | editar a fonte]

Os edificios da abadía quedaron en ruínas e serviron como fonte de pedra, pero seguiu sendo un fito importante para os navegantes e axudou a inspirar o escenario da abadía de Whitby no libro Drácula de Bram Stoker (1897)[11], que se desenvolve nos arredores de Whitby[12], entre outros lugares. As ruínas son agora propiedade do English Heritage, que é tamén o estamento encargado do seu mantemento.

Na novela Absolution By Murder, de Peter Berresford Ellis[13] e ambientada durante o sínodo de Whitby, a abadía, aínda baixo rito celta, é o escenario dun crime.

Enterramentos notables[editar | editar a fonte]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Higham, N.J. (2006). (Re-)Reading Bede: The Ecclesiastical History in context. Abingdon: Routledge. p. 46. ISBN 0-415-35368-8. 
  2. Jamieson, John. «A History of the Culdees Arquivado 03 de xullo de 2017 en Wayback Machine.» (en inglés) p. 252. The Christian Identity Forum, 1890. [Consulta: 21-08-2017].
  3. Young, George (1817). A history of Streonshalh and Whitby Abbey (pdf/epub). Clark and Medd. p. 146. 
  4. "Whitby Abbey". whitby-yorkshire.co.uk. Consultado o 21-08-2017. 
  5. Wade Labarge, Margaret (2003). La mujer en la Edad Media (en tapa dura 1ª ed.). San Sebastián: Nerea. p. 27. ISBN 84-89569-88-6. 
  6. 'Parishes: Whitby', in A History of the County of York North Riding: Volume 2, ed. William Page (London, 1923), pp. 506-528. British History Online http://www.british-history.ac.uk/vch/yorks/north/vol2/pp506-528 [accessed 19 August 2017].
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 'Houses of Benedictine monks: Abbey of Whitby', in A History of the County of York: Volume 3, ed. William Page (London, 1974), pp. 101-105. British History Onlinehttp://www.british-history.ac.uk/vch/yorks/vol3/pp101-105 [accessed 19 August 2017].
  8. 'Houses of Benedictine monks: Abbey of Whitby', in A History of the County of York: Volume 3, ed. William Page (London, 1974), pp. 101-105. British History Onlinehttp://www.british-history.ac.uk/vch/yorks/vol3/pp101-105 [accessed 21 August 2017].
  9. Scheer, Reinhard (1920). Germany's High Seas Fleet in the World War. Londres, Nova York [etc.]: Cassell and Company, ltd. p. 68. ASIN B002WU7M48. 
  10. Hore, Peter (2006). Battleships of World War I. Londres: Southwater Books. ISBN 978-1-84476-377-1. 
  11. Stoker, Bram (2015). Drácula (epub). Fénix. ISBN 978-1515398097. Arquivado dende o orixinal o 21 de agosto de 2017. Consultado o 21 de agosto de 2017. 
  12. Barnett, David. "Dracula's birthplace: how Whitby is celebrating the count's anniversary". theguardian.com. Consultado o 21-08-2017. 
  13. "Absolución por un asesinato: el primer caso de sor Fidelma". casadellibro.com. Consultado o 21-08-2017. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]