Ánxela Loureiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ánxela Loureiro Fernández
Anxela Loureiro.jpg
Datos persoais
Nacemento 1956
Lugar Ferrol Galicia Galicia
Actividade
Lingua Galego
Xéneros Teatro, Novela, Poesía, Guión cinematográfico

Ánxela Loureiro Fernández, nada en Ferrol en 1956 é unha escritora de literatura infantil e xuvenil. Cultiva diferentes xéneros literarios: teatro, novela, poesía e guión cinematográfico. Mestra coas especialidades de Ciencias Sociais, Música, Lingua castelá e Lingua inglesa. Na actualidade exerce como asesora de Educación en Valores no Centro de Formación e Recursos de Ferrol.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Iníciase como escritora de teatro infantil coa obra titulada Ollo! Hai lurpios na horta que acadou o 1º Premio de Teatro Infantil do Ateneo Ferrolán e que se representou por toda Galicia en 1980. Aínda que continuou escribindo obras teatrais, algunhas becadas pola Consellería de Cultura, a súa creatividade espallouna a outros xéneros como a poesía ou a novela.

A poesía, sempre vencellada á música, pois é autora de numerosas cancións polas que acadou varios premios no concurso Cantareliña e colaborou en diferentes publicacións e discos.

O seu primeiro libro de narrativa foi Viaxe de ida e volta no ano 1996. Posteriormente publicou Laia a nena da illa, Camiño perigoso (ambos os dous finalistas do Premio Merlín de Edicións Xerais en diferentes convocatorias) e Ota quere voar polo que recibiu os premios Lecturas e Frei Martín Sarmiento no mesmo ano.

Estes últimos anos mergullouse no mundo do cine para o que escribiu varios guións cinematográficos dirixidos á infancia: Pica-pica circus, guión de longametraxe en plastilina para a produtora Luafilms; E por que II, 26 guións de curtametraxes de animación coa temática de exercicio físico e alimentación saudable; e Meigallos guión de longametraxe de animación para a produtora Continental Producciones.

A súa afección pola música lévaa a participar en varios grupos musicais e a dirixir coros infantís como “Ledicia” do que é a súa fundadora. Formou parte do grupo folk Saraibas actuando en numerosos escenarios de Galicia e Europa e gravando varios discos incorporando a súa voz solista, instrumentos de percusión e realizando arranxos musicais.

A súa profesión de mestra fai que colabore con relatorios e obradoiros en diversos foros educativos, que escriba artigos en revistas de carácter didáctico, que participe na elaboración de libros de texto ou que publique libros para o profesorado como Canción para o ano onde convida a que se utilice a música popular nas aulas. No eido educativo, ademais, impulsa a recuperación dos xogos tradicionais musicais e defende a súa incorporación nas aulas como elementos de socialización.

En toda a súa obra amosa un especial interese por resaltar os valores da solidariedade, amizade, igualdade e liberdade. A súa linguaxe, sempre, é coeducativa.

Obra[editar | editar a fonte]

Revistas[editar | editar a fonte]

  • Entrevista con Emilio Calatayud. Unha oportunidade para a convivencia en Revista IDEA nº 13.
  • Cristina Almeida. A importancia de educar en igualdade en Revista IDEA nº14
  • Nélida Zaitegi. A voz do diálogo en Revista IDEA nº 15.

Libros[editar | editar a fonte]

Novelas infantís e xuvenís[editar | editar a fonte]

  • Viaxe de ida e volta. Edicións Xerais.
  • Laia, a nena da illa. Edicións Xerais. (Finalista do Premio Merlín)
  • Camiño perigoso. Edicións Xerais (Finalista do Premio Merlín 2002)
  • Ota, quere voar, 2003. Edicións Xerais. (Premio Lecturas Galix 2005 e Premio Literario Frei Martín Sarmiento 2005)

Libros didácticos[editar | editar a fonte]

  • Cancións para o ano de Edicións Xerais. (Textos, partituras e actividades didácticas dirixidas ao profesorado)
  • José Fontenla Leal un dinamizador do galeguismo. Edición do Concello de Ferrol (Unidade didáctica)

Libros de texto[editar | editar a fonte]

  • Coautora do libro de texto globalizado Nobelos de papel de Edicións Xerais.
  • Colaboradora dos libros Música 3 , Música 4, Música 5 e Música 6 de Edicións S.M.

Libros compartidos[editar | editar a fonte]

  • A fábrica de soños no libro colectivo E dixo o corvo Edicións Xunta de Galicia.
  • Andrea Chapapote no libro colectivo Contos de circo, cronopios e avións. Edicións Xunta de Galicia 2005

Cancións[editar | editar a fonte]

  • A buxaina brincadeira, Ris pun chis e Quen son? nos cadernos de Cantareliña II, III e VII respectivamente.
  • A caracola, Pasan coches polas rúas, A castaña, Sol do outono, Os meus ollos, Estrela na noite, Nace unha planta, Noite de San Xoan, Facendo o disfrace, Despertar no galiñeiro, Arco da Vella, Son ecoloxista, O maio letras das cancións recollidas no libro As nosas cancións I e II de Edicións Música para todos.

Discos[editar | editar a fonte]

  • Camiño Longo. Grupo folk Saraibas. (Voz, percusión e arranxos).
  • Cancións para o ano. Grupo folk Saraibas. (Coordinación, voz, percusión e arranxos).
  • Canción Poesía no disco colectivo Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro. (Voz)
  • Música 3 , Música 4 , Música 5 e Música 6 de Edicións S.M. (Coordinación, arranxos musicais, voz e percusión)