Xosé Arcos Moldes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Xosé Arcos Moldes, nado en Boiro en 1863 e finado en Rianxo o 30 de outubro de 1945, foi un perito mercantil coñecido principalmente pola súa actividade como xornalista republicano e director do semanario El Barbero Municipal de Rianxo, no que se produciron os primeiros textos e caricaturas de Castelao.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Con 8 anos foi vivir a Rianxo e, tralos primeiros estudos, entrou no seminario de Santiago, do que pronto o expulsaron. Aínda que logo volveu entrar no seminario, rematou abandonándoo definitivamente.

En 1896 comezou a estudar na Escola de Comercio da Coruña, onde se titulou como perito mercantil e comezou os seus contactos co republicanismo galego. Tras unha breve estancia en Rianxo marchou a Barcelona a seguir os estudos de Comercio, para regresar, xa definitivamente, a residir en Rianxo.

En 1901 creou a Asociación de Marineros y Productores en General de Rianxo, da que foi presidente, primeiro, e secretario xeral, despois. Con esta asociación buscaba fomentar a exportación do peixe fresco ós mercados do interior do país, aí como sentar as bases para a industrialización do sector mariñeiro coa construción dunha fábrica de salgadura en réxime asociativo.

A Asociación de Marineros terminou fracasando pero Arcos continuou promovendo diferentes accións colectivas e sociedades agraristas, como a Sociedad Unión Pinera (en 1916) ou a Sociedad Unión Obrera de Oficios Varios, coa que creou a Casa do Pobo de Rianxo.

En 1910 Ramón Rey Baltar fundou El Barbero Municipal, órgano do Partido Conservador local, con Castelao como articulista e caricaturista, e Eduardo Dieste como director literario. A revista desapareceu en 1914, tralo que Arcos fundou o semanario La Justicia, como voceiro de Acción Gallega, de liña agrarista.

En 1914, traballando daquela como mestre, creou a sociedade cultural Pro-Cultura, con Castelao como secretario, organizou comparsas, corais e obras de teatro, actividades todas nas que buscaba a participación da xuventude de Rianxo. O primeiro obxectivo desta asociación cultural era a educación dos asociados, como se reflicte no compromiso que figuraba nos Estatutos:

Los socios más instruídos se obligan a enseñar gratuítamente la lectura y escritura de nuestro idioma, las operaciones elementales de la Aritmética, el sistema métrico-decimal de medidas, pesas y monedas, nociones de Geografía, Historia, Economía, Agricultura, Higiene, etc. a aquellas que carezcan de los mencionados conocimientos, hasta conseguir que ningún asociado deje de poseerlos, siquiera en el grado elemental al transcurrir un año desde su ingreso en la sociedad.

Arcos morreu en Rianxo o 30 de outubro de 1945.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Santos, Xesús; Comoxo, Xosé (1994). Biografía de Arcos Moldes. Rianxo: apuntes dunha vila mariñeira. 1865-1944. Concello de Rianxo.
  • José Antonio Durán en Gran Enciclopedia Galega, 2003, s. v. Arcos Moldes, José.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]