Xoán VI Cantacuzeno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xoán VI Cantacuzeno

Xoán VI Cantacuzeno (h. 1292 - 15 de xuño de 1383), emperador bizantino de 1347 a 1354, naceu en Constantinopla. Pertence á Dinastía Cantacuzeno.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Relacionado coa casa dos Paleólogo pola familia da súa nai, cando Andrónico III ascendeu ao trono en 1328 confióuselle o máximo poder na administración. Á morte do emperador en 1341, Cantacuzeno quedou como rexente de Xoán V Paleólogo que só contaba con nove anos de idade.

Ao ter a oposición da emperatriz e dun poderoso partido cortesán, rebelouse e fíxose coroar emperador en Didymoteicos, en Tracia, mentres que Xoán V e os seus partidarios conservaban Constantinopla.

A guerra civil que seguiu durou seis anos, en cuxo curso ambas partes pediron axudas externas, dos serbios e dos turcos otománs, e contrataron mercenarios de todo tipo. Pero o apoio dos turcos, con quen chegou a un desgraciado acordo, sería definitivo para que Cantacuzeno acabase coa guerra no seu favor.

En 1347 fixo a súa entrada triunfal en Constantinopla, e obrigou aos seus opoñentes a asinar un acordo polo cal se convertía en co-emperador con Xoán V, e único administrador durante a minoría. Tamén logrou que o seu propio fillo Mateo Cantacuzeno fose co-emperador.

Nesta época, o Imperio, xa entón dividido e reducido á súa mínima expresión, era atacado por todas partes. Houbo guerras cos xenoveses, que mantiñan unha colonia en Galatia e controlaban as transaccións monetarias coa corte. Guerra tamén cos serbios, que expandían o seu propio imperio nas fronteiras noroccidentais de Bizancio. E ademais produciuse a perigosa alianza cos turcos, que tomaron as primeira cidade en Europa (Galípolis en Tracia) cara ao final do seu reinado.

Cantacuzeno recorreu con demasiada facilidade á axuda estranxeira para liquidar os seus problemas internos, e como a miúdo non tiña diñeiro para pagarlles, estes tomaban cidades do Imperio como pago. As cargas fiscais que impuxo resultaron excesivas para os seus súbditos, de modo que se reforzou o partido favorábel a Xoán Paleólogo. Finalmente, cando este último entrou en Constantinopla a finais de 1354, a súa vitoria foi doada.

Cantacuzeno retirouse a un mosteiro (onde tomou o nome de Joasaf Cristódulo) e dedicouse a escribir. Morreu no Peloponeso e foi enterrado polos seus fillos en Mistra, en Laconia. A súa Historia en catro libros relata os anos 1320 - 1356: unha apoloxía das súas accións que debe ser lida tendo en conta esta circunstancia. Afortunadamente, pode complementarse e corrixirse coa obra doutro contemporáneo, Nicéforo Gregoras. Ten o mérito de ser ordenada e homoxénea, pero a información sobre asuntos que non o atinxían directamente non resulta moi fiábel.


Predecesor:
Xoán V Paleólogo
Emperador de Bizancio
1347 - 1354
Sucesor:
Xoán V Paleólogo