Xoán V Paleólogo
Xoán V Paleólogo, nado en 1332 e finado o 16 de febreiro de 1391, foi o fillo de Andrónico III, a quen sucedeu como emperador bizantino en 1341, con nove anos de idade. Xoán VI Cantacuzeno, amigo do seu pai, actuou como o seu rexente e co-emperador (1347-1354). Xoán V viuse obrigado a loitar contra Xoán Cantacuzeno, pois este usurpou o trono durante a súa minoría, e non se fixo co poder ata 1354.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
O seu reinado estivo marcado pola paulatina disolución do poder imperial, mentres os turcos otománs tomaban Adrianópolis e Filipolis (véxase Suleimán Pachá), conquistaban Serbia e obrigaban ao emperador a pagarlles tributo. Trala conquista de Galípolis polos turcos, a propia Constantinopla viuse ameazada, e Xoán V pediu auxilio a Occidente, propoñendo o final do cisma entre as igrexas bizantina e latina, ao recoñecer a supremacía desta última. Empobrecido pola guerra, foi detido polas súas débedas en Venecia (1369). En 1371 recoñeceu a soberanía do sultán otomán Murad I, que máis tarde o axudaría a recuperar o trono (1379), tras ser deposto polo seu fillo Andrónico IV en 1376. En 1390 o seu neto Xoán VII tamén usurpou o trono durante algún tempo. A Xoán V sucedeuno o seu fillo Manuel II Paleólogo. O seu segundo fillo Teodoro I Paleólogo herdou o Despotado de Morea en 1383.
Cara ao final do seu reinado, en 1390, Xoán mandou reforzar a Porta de Ouro de Constantinopla, e para iso usouse mármore das igrexas abandonadas na cidade. Ao terminar estas obras, Baiaceto I, con ameazas de guerra, esixiu que Xoán desmontase os devanditos reforzos: Xoán V viuse obrigado a obedecer as ordes do seu soberano, pero se di que morreu por mor dos sufrimentos derivados desta humillación.
Imperio Bizantino | ||
---|---|---|
Segue a: Andrónico III Paleólogo |
Xoán V Paleólogo | Precede a: Manuel II Paleólogo |
Dinastía Paleólogo |