Winsor McCay

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Winsor MCCay

Winsor MCCay, nado posiblemente en Spring Lake, Michigan, Estados Unidos o 26 de setembro de 1869 ou 1871, finado en Nova York o 26 de xullo de 1934, foi un debuxante estadounidense, un dos máis importantes da historia do cómic, autor do clásico Little Nemo in Slumberland. Foi tamén un destacado pioneiro do cine de animación, moi influente en autores como Walt Disney ou Osamu Tezuka, con películas como a innovadora Gertie the Dinosaur.

Biografía[editar | editar a fonte]

O seu lugar de nacemento é incerto. Segundo algúns dos seus biógrafos, naceu en Canadá, mentres que outros opinan que o seu nacemento foi en Spring Lake, no estado de Michigan, lugar no que pasou a súa adolescencia e primeira xuventude. Sobre a súa data de nacemento tamén hai opinións dispares, barallándose os anos de 1867, 1869 e 1871. Mostrou interese polo debuxo desde unha idade moi temperá, aínda que seu pai intentou dirixilo cara aos negocios, mais a Winsor fillo non lle interesaban nada, e empezou a traballar facendo caricaturas nun dime museum (unha mestura entre circo, feira e parque de atraccións) de Detroit.

En 1889 trasladouse a Chicago, onde entrou como aprendiz na National Printing and Engraving Company, para a que realizou carteis e programas utilizando as novas técnicas litográficas. Volveu a mudarse en 1891, esta vez a Cincinnati, onde traballou tamén para o dime museum local. Casou e tivo dous fillos. Desde 1897 encontrou un traballo suplementario realizando ilustracións para xornais como Cincinnati Commercial Tribune, Cincinnati Time Star, Commercial Gazette e Cincinnati Enquirer. Entre 1899 e 1903 debuxou tamén para o semanario humorístico Life, .

Páxina de Little Sammy Sneeze

A súa primeira tira de prensa, Tales of the Jungle Imps of Felix Fiddle, apareceu de xaneiro a novembro de 1903 no Cincinnati Enquirer. A calidade do seu traballo chamou a atención de James Gordon Bennett, da New York Herald Co., a instancias do cal Mc Cay se trasladou a Nova York e comezou a colaborar nas publicacións de Bennett, o New York Herald e o Evening Telegram. Para estas cabeceiras realizou unha gran cantidade de cómics, entre os que poden citarse Dull Care, Poor Jake, The Man From Montclair, The Faithful Employee, Mr. Bosch, A Pilgrim's Progress, Midsummer Day Dreams, It's Nice to be Married e Sister's Little Sister's Beau, entre outros. Para os seus cómics do Evening Telegram utilizaba o pseudónimo Silas.

Unha das súas máis famosas tiras cómicas foi Little Sammy Sneeze (1904 - 1906), historia na que os espirros do pequeno Sammy producen inimaxinables catástrofes. A temática onírica aparece, no ano seguinte, nun dos seus traballos máis recordados, Dreams of a Rarebit Fiend (1904 - 1911), tira que narra os incontrolables pesadelos dun impenitente aficionado ás fondues de queixo.

Páxina de Little Nemo In Slumberland

A obra mestra de McCay, Little Nemo in Slumberland, iniciou a súa publicación na edición dominical do New York Herald o 15 de outubro de 1905, e continuou aparecendo semanalmente no mesmo periódico até o 23 de abril de 1911. O 30 de abril de 1911, Little Nemo pasou a publicarse no New York American e outros xornais propiedade de William Randolph Hearst, co novo título de In the Land of Wonderful Dreams. Esta nova etapa da serie prolongouse até o 26 de xullo de 1914. Anos despois, McCay faría reaparecer Little Nemo nas páxinas do New York Herald entre 1924 e 1926, aínda que sen alcanzar o éxito da primeira época do personaxe.

Little Nemo in Slumberland está considerada unha das obras clásicas do cómic de todos os tempos. Cada páxina da serie corresponde a un soño do neno Nemo —"ninguén", en latín—, e ten unha estrutura recorrente: en todas as páxinas, nunha pequena viñeta do ángulo inferior dereito, Nemo esperta; a páxina seguinte, non obstante, retoma o soño onde quedara a noite anterior, o que lle confire á serie unha estrutura folletinesca que permite introducir numerosos personaxes secundarios e mostrar un mundo dos soños (Slumberland) dunha gran riqueza narrativa. Pola importancia que lle concede ao onírico, relacionouse a obra de McCay con movementos culturais posteriores, como o surrealismo ou a literatura do absurdo.

Little Nemo foi un dos primeiros cómics en aproveitar o enorme potencial da cor. McCay realiza unha exploración exhaustiva das posibilidades do medio, empregando multiplicidade de encadres, e xogando co formato da páxina. A súa obra pon en escena arquitecturas fantásticas, elementos decorativos inspirados no art nouveau, así como faunas e floras imaxinarias.

O éxito da tira fixo que se realizasen adaptacións teatrais en Broadway, e unha curtametraxe de animación, titulada simplemente Little Nemo (1909). Debe terse en conta que, a diferenza doutros clásicos do cómic, Little Nemo non era distribuída por syndicates a outras publicacións, polo que a súa popularidade debeuse á súa difusión por un só periódico, centrado na área de Nova York.

Nos xornais de Hearst, McCay realizou tamén viñetas políticas e grandes ilustracións para os editoriais conservadores de Arthur Brisbane, man dereita do magnate da prensa.

Ademais da adaptación cinematográfica de Little Nemo, McCay desenvolveu, a partir da segunda década do século, unha importante carreira como animador, na que destacan curtas como How a Mosquito Operates (1912), Gertie the Dinosaur (1914), The sinking of Lusitania (1918) e a inconclusa The Flying House(1921). A súa importancia na historia do cinema de animación é comparable á de Walt Disney, segundo opinións tan autorizadas como a de Chuck Jones.

Obra[editar | editar a fonte]

Cómic[editar | editar a fonte]

Outra páxina de Little Nemo in Slumberland.
  • The Bicycle Fiend and His Logical Finish
  • Tales of the Jungle Imps of Felix Fiddle (Cincinnati Enquirer, 1903)
  • Mr. Goodenough (New York Herald, 1904)
  • Sister's Little Sister's Beau (New York Herald, 1904)
  • Phurious Phinish of Phoolish Philipe's Phunny Prholics (New York Herald, 1904)
  • Little Sammy Sneeze (New York Herald, 26 de xullo de 1904 - 9 de decembro de 1906)
  • Dreams of a Rarebit Fiend (Evening Telegram, 10 de setembro de 1904 - 25 de xuño de 1911). Asinado co pseudónimo Silas.
  • The Story of Hungry Henrietta (New York Herald, 8 de xaneiro de 1905 - 16 de xullo de 1905)
  • A Pilgrim's Progress(26 de xuño de 1905 - 18 de decembro de 1910)
  • Little Nemo in Slumberland (New York Herald, 15 de outubro de 1905 - 23 de abril de 1911). Como In the Land of the Wonderful Dreams desde 30 de abril de 1911 até 26 de xullo de 1914.
  • Poor Jake(Evening Telegram, 1909 -) Asinado co pseudónimo Silas.
  • Midsummer Day Dreams (New York Evening Journal)
  • It's Nice to be Married
  • Dull Care (Evening Telegram) Asinado co pseudónimo Silas.
  • The Man From Montclair
  • The Faithful Employee
  • Mr. Bosch

Cine de animación[editar | editar a fonte]

  • 1911 - Little Nemo (curta de 3 minutos)
  • 1912 - How a Mosquito Operates (curta de 6 minutos)
  • 1914 - Gertie the Dinosaur (curta de 18 minutos)
  • 1918 - The sinking of Lusitania (curta de 12 minutos)
  • 1921 - Gertie On Tour
  • 1921 - Flip's Circus
  • 1921 - The Centaurs
  • 1921 - Dreams of the Rarebit Fiend: The Pet (curta de 11 minutos)
  • 1921 - Dreams of the Rarebit Fiend: The Flying House (curta de 11 minutos)
  • 1921 - Dreams of the Rarebit Fiend: Bug Vaudeville (curta de 12 minutos)
  • 1922 - The Midsummer's Nightmare

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Winsor McCay: Early Works, Vol. 1 - 6 (Checker Book Publishing Group, 2004 - 2005). Inclúe varias das súas series: Little Sammy Sneeze, Hungry Henrietta, Dreams of a Rarebit Fiend, etc.
  • The Complete Little Nemo in Slumberland, Vol. 1 - 6 (Fantagraphics Books, 1989 - 1993): recompilación da serie Little Nemo In Slumberland (1905-1911) e a súa segunda etapa In the Land of the Wonderful Dreams (1911-1914).
  • Little Nemo, Evergreen/Taschen, 2000. Igual que a anterior edición, recopila todo o material de Little Nemo desde 1905 até 1914, nun só volume.
  • Dreams of a Rarebit Fiend, Dover Publications, 1973.
  • John Canemaker: Winsor McCay, His Life and Art (Abbeville Press, 1997).
  • Existe unha adaptación da súa biografía ao cómic, obra de Smolderen e Bramanti, publicada en francés por Ediciones Delcourt, da que se fixeron tres volumes (1. La balançoire hantée, 2. Les coeurs retournées, 3. Le gardien de l'aube).

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Winsor McCay