Wikipedia:Cousas que non se deben facer
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A Wikipedia é un proxecto feito en colaboración. Isto significa, obviamente, que só funciona se vostede colabora construtivamente no seu desenvolvemento. Para que iso aconteza, hai algunhas normas de conduta a ter en conta, que deben ser lidas por todos e todas. O que segue non dispensa a consulta das normas de conduta, só é un resumo rápido dos erros máis frecuentes e do motivo polo cal son erros.
Véxase tamén: Wikipedia:O que a Wikipedia non é.
Nunca copie na Wikipedia material doutras fontes
Excepto se se trata de material no dominio público ou se ten a autorización expresa do autor, nunca copie na Wikipedia material doutras fontes. O motivo é simple: os dereitos de autor están protexidos pola lexislación adoptada por todos os países do mundo, e se un autor se sente lesionado nos seus dereitos pode demandar a Wikipedia, o que pode provocar danos moi serios ao proxecto.
Diferencie entre o que está protexido polos dereitos de autor e o que é a expresión persoal desa información. Isto significa que vostede pode empregar a información obtida de fontes externas sempre e cando a redacte coas súas palabras. É dicir: non pode copiar os textos pero si pode reutilizar a información contida neles.
Non entre en guerras lingüísticas
Esta Wikipedia é de lingua galega e grafía galega. Non intente mudar ou utilizar a grafía portuguesa, para iso está a Wikipedia portuguesa.
Non use imaxes colocadas en servidores externos
As imaxes colocadas noutros servidores non están, moi probablemente, no dominio público e por iso o seu uso é ilegal e incompatible coa licenza da Wikipedia. Á parte diso, quen usa imaxes que están noutros servidores gasta largo de banda de terceiros e prexudícaos. As imaxes usadas na wikipedia deben ser cargadas previamente no servidor da wikipedia. Isto tamén se refire á descarga da base de datos para o seu uso fóra deste servidor.
Non borre: corrixa e aumente
Agás en casos de violación dos dereitos de autor, nunca debe borrar información coa que non concorde. En vez diso, corríxaa e complétea e, en caso que lle pareza que a alteración que se propón facer pode levantar polémica, propóñaa primeiro na páxina de discusión do artigo en cuestión.
Isto non significa, naturalmente, que non poida (e deba) mover información que pense que encaixa mellor noutro sitio, ou nunha páxina de seu (salvo que as normas desta wikipedia digan o contrario).
Tampouco discuta na propia páxina dos artigos. Para as discusións existe unha páxina apropiada, a páxina de conversa.
Nunca faga proselitismo
Non utilice a Wikipedia como tribuna para as súas crenzas persoais. A Wikipedia é unha enciclopedia, e por tanto debe ser receptáculo de información o máis obxectiva posible (vexa Punto de vista neutral). Os artigos propagandísticos non son benvidos e é bo que sexa consciencia de que o seu texto propagandístico rematará axiña profundamente alterado por outros usuarios, transformado en algo que a vostede tal vez non lle gustaría ler.
Por iso, reflexione antes de colocar na Wikipedia textos abertamente parciais.
Non experimente coas páxinas normais
Existe unha páxina propria para facer probas e coller experiencia á que chamamos Zona de probas. Cun sitio tan bo para facer probas, para que estragar o traballo dos outros wikipedistas, ou para que crear páxinas sen contido?
Non faga publicidade
Non utilice a wikipedia para publicitar os seus produtos, os seus servizos, as súas páxinas web preferidas ou o seu canal de IRC. A Wikipedia é unha enciclopedia, non unha páxina de anuncios. Anunciantes que usan a wikipedia para publicitar os seus productos están a abusar da enciclopedia e están a prexudicar o proxecto porque aumentan a relación sinal/ruído. É moi importante para a credibilidade do proxecto que un visitante da wikipedia atope só artigos relevantes.
Non cree páxinas de opinión
Sendo unha enciclopedia, os artigos da wikipedia deben conter feitos. As persoas que consultan enciclopedias están interesadas esencialmente en feitos e datos.
Claro que en algúns artigos é necesario escribir sobre opinións. Nese caso, vostede non debe publicar as súas opinións, senón as opinións de autoridades na materia ou de correntes de opinión importantes. Estas opinións deben ser sempre atribuídas aos seus autores de acordo co Punto de vista neutral.
Non cree entradas de dicionario
A wikipedia non é un dicionario. A wikipedia debe compilar o coñecemento humano. Cada artigo debe resumir o coñecemento humano sobre un determinado tema. Por iso, non deben ser creadas páxinas que se limitan a explicar o significado dunha palabra. Nin todas as palabras corresponden a unha área do coñecemento humano. Por exemplo, a wikipedia non debe ter ningunha entrada sobre ollar, ollou, ver ou visualizar, pero debe ter un artigo sobre visión humana. E o contido dunha páxina non debe ter o formato dun dicionario. Os artigos da wikipedia deben seguir o seu libro de estilo.
Non asine os seus textos
Como calquer texto da wikipedia pode ser alterado por calquera outra persoa, e iso é inevitable que aconteza, cada artigo da wikipedia remata por ter varios autores. Estes autores quedan gardados na base de datos automaticamente, desde que o autor está rexistrado. Pode consultar a listaxe de autores de cada artigo no seu historial. Por iso, non asine as súas contribucións no artigo .

