Vilán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Un vilán é unha persoa malvada, especialmente na ficción. Os viláns son personaxes de ficción, ou quizais personaxes novelados, en dramas e melodramas que exercen a maldade deliberadamente e se enfrontan ó heroe. Como tales, os viláns son un recurso argumental case inevitable, e máis que os heroes, elementos cruciais sobre os que xira a trama.

Un vilán estereotípico, común no cine mudo de principios do século XX, con elegante traxe negro, bigote acicalado e xesto maníaco.

Orixes do termo[editar | editar a fonte]

A etimoloxía da palabra podería ser a do francés antigo villein, e esta á súa vez provir do latín moderno villanus, que significa servo ou campesiño, alguén que está atado á terra dunha vila, ou sexa, que traballaba no equivalente a unha plantación na antigüidade, en Italia ou a Galia. A pobreza equiparábase á corrupción moral: os viláns tiñan que traballarse o seu ascenso na escala social. Por isto a palabra vilán adoita suxerir que os ardides do vilán proceden da súa propia indiferenza moral ou a perversidade do personaxe.

Outra posible orixe da palabra é a lenda croata dos tres irmáns Čeh, Meh e Leh, que querían desfacerse do goberno romano e establecer a unidade na antiga Croacia, pero a súa irmá Villana estaba namorada do prefecto romano e traizoou os plans dos seus irmáns. Villana foi asasinada por estes.

Os superviláns encóntranse nos ambientes melodramáticos dos cómics de superheroes, onde se necesita unha persoa malvada con superpoderes como contraste digno dos poderosos heroes. Estes superviláns adoitan ter papeis repetitivos, e algúns viláns da literatura máis terreal fixéronse tan populares que tamén foron reutilizados en obras posteriores.

Estereotipos[editar | editar a fonte]

Hai moitos estereotipos sobre os viláns. Unha caricatura dun clixé común sobre os viláns pode verse arriba á dereita. Na era do cine mudo os viláns tiñan que parecer moi sinistros «visualmente», e así naceron moitos estereotipos sobre eles. Os personaxes Boris Badenov, Natasha Fatale e Snidely Whiplash de Rocky e Bullwinkle, así como o personaxe de Hanna-Barbera Dirty Dick Dastardly son parodias amplamente coñecidas desta clase de arquetipo.

Estes estereotipos inclúen roupa negra (con frecuencia bastante formal: capas, sombreiros altos, etc), pelo facial, trazos afiados, e unha expresión facial perpetuamente «enfadada». Outros estereotipos vilanescos inclúen o costume do «riso malvado», unha voz estirada e aduladora, e un arrogante exceso de confianza en si mesmo que o leva a explicar innecesariamente os seus sinistros plans. Existe o estereotipo contrario do vilán fermoso que parece un heroe, pero cunha personalidade e actitude que revelan unha natureza diabólica. Dito estereotipo pasou a ser moi coñecido trala Segunda Guerra Mundial, cando o Holocausto foi revelado, xurdindo o popular vilán que reflicte o ideal nazi: louro e de ollos azuis, cunha beleza que esconde un arrogante sentido de superioridade e viles ambicións de facer sufrir ós seus «inferiores». O vilán louro de ollos azuis derivou recentemente nun estraño estereotipo, o albino malvado, un vilán que amosa varios trazos físicos normalmente asociados co albinismo (como pel branca, pelo louro platino e ollos azuis ou vermellos) aínda que non necesariamente teña tal condición.

Na ópera e o teatro musical, o vilán ou vilá adoitan ser interpretados por un barítono ou mezzosoprano.

O vilán necesario[editar | editar a fonte]

¿Son os viláns inherentemente máis interesantes que os heroes que se lles enfrontan? Polo menos, son tan indispensables como estes para as historias nas que aparecen, quizais incluso máis. Aqueles que permanecen no lado da xustiza e a bondade rara vez teñen outra elección a responder, e pouca elección en como facelo; para os viláns, hai multitude de camiños. Moitos cren que Satán, para os cristiáns quizais o vilán definitivo, é o personaxe máis interesante en Paradise Lost de John Milton, malia ser a encarnación do mal. Quizais nos viles actos de moitos viláns haxa máis que un indicio da fantasía de realizar os desexos, o que fai que algunhas persoas se identifiquen máis intensamente con eles como personaxes que cos heroes. Aínda así, a tarefa do escritor ó crear un vilán non é fácil nin trivial: un vilán convincente debe recibir unha caracterización que lle proporcione o seu motivo para actuar con maldade máis convincentemente que a malicia alegre pero sen sentido aparente de Mefisto.