Melodrama

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Un melodrama é unha obra dramática que esaxera as accións e as personaxes para dar pulo ás emocións.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo mélodrame naceu na lingua francesa a principios do século XIX, derivado do grego melos, música, é do francés drame, drama, orixinado a partir do latín drāma, proveniente á súa vez do grego drān, facer, actuar.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

A comezos do século XVIII o melodrama era unha técnica combinada de fragmentos recitados e pezas con acompañamento musical. Os primeiros exemplos coñecidos son escenas da obra Sigismundus, de J. E. Eberlin (1753). O primeiro melodrama íntegro foi Pygmalion, de Jean-Jacques Rousseau, escrito en 1762 e estreado oito anos despois.

No século XIX, a influencia da ópera deu lugar a que moitas obras levasen tamén oberturas e música incidental. Por exemplo en 1826 Felix Mendelssohn escribiu unha obertura para A Midsummer Night's Dream, de William Shakespeare. Na época vitoriana tiveron grande éxito nos teatros os melodramas cunha dama en perigo pretendida por un malvado e polo bo mais non moi listo heroe.[2]

Algúns dos primeiros filmes mudos, como The Perils of Pauline tiñan argumentos semellantes, que logo tamén pasaron aos filmes falados.

Na actualidade o melodrama é un xénero especialmente popular en Asia.

Cinema[editar | editar a fonte]

Os melodramas considéranse un subxénero dos filmes dramáticos. Presentan tramas relacionadas coas emocións humanas: amor fracasado, situacións familiares desesperadas, traxedias, enfermidades… En ocasións, o termo é empregado de maneira pexorativa, para indicar situacións pouco realistas e con personaxes estereotipadas.[3]

Porén, o xénero tamén deu lugar a grandes filmes coma os melodramas de Douglas Sirk.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Costello (1991). Random House Webster's College Dictionary. Nova York: Random House. ISBN 978-0-679-40110-0.
  2. Williams, Carolyn (2012). The New Cambridge History of English Literature: The Victorian Period (Melodrama). Cambridge University Press. pp. 193–219. ISBN 9780521846257.
  3. Dirks T. "Melodrama Films". filmsite.org. http://www.filmsite.org/melodramafilms.html.