Tumor cerebral

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Metástase no hemisferio cerebral dereito procedente dun cancro de pulmón.

Un tumor cerebral é un crecemento descontrolado e desproporcionado de células derivadas de compoñentes cerebrais (tumores primarios do cerebro), ou ben de células tumorais localizadas noutras áreas do organismo pero que invaden o cerebro (metástases). Os tumores poden ser de carácter benigno ou maligno, dependendo das súas características, isto é, da velocidade de crecemento, de se son quen de invadir estruturas a distancia (metastatizar), e de se poden ser resecados ou curar mediante o tratamento neurocirúrxico. A diferenza dos tumores de outros tecidos, a distinción entre manifestacións malignas e beningnas non é tan clara, xa que algunhas lesións benignas poden ter certos comportamentos malignos. Os tumores malignos producen metástases. Outros tumores malignos noutras localizacións do corpo poden producir metástases no cerebro. Os tumores que máis adoitan producir metástases no cerebro son, por orde de frecuencia, os cancros de pulmón, mama, pel (melanoma), ril e sistema dixestivo, e adoitan medrar entre a unión do córtex e a substancia branca.

Clasificación histolóxica[editar | editar a fonte]

O grao de benignidade ou malignidade dun tumor, feito que determinará en grande medida a sobrevivencia do paciente, determínase baseándose nas características histolóxicas do tumor[1]. Os tumores beningnos adoitan ter un crecemento lento, e as marxes deste están, polo xeral, ben delitimitadas, feito que facilita a súa extirpación cirúrxica. Os tumores malignos, pola contra, adoitan medrar rapidamente e afectar a estruturas veciñas compromentendo a sobrevivencia e minguando o prognóstico do doente. Os tumores benignos son máis frecuentes que os tumores [2][3].

  • Tumores de grao I benignos, de crecemento lento e circunscritos.
  • Tumores de grao II De crecemento lento, mais con límites imprecisos, ou de extensión.
  • Tumores de grao III Tumores anaplásicos, a súa evolución é máis rápida.
  • Tumores de grao IV Tumores malignos, amosan signos histolóxicos de crecemento moi rápido en todas as rexións examinadas.

Tumores primarios[editar | editar a fonte]

Micrografía dun oligodendrioma.

Os tumores primarios son os que se orixinan no cerebro, e non por metástase cerebral de cancros en outros órganos.

Gliomas[editar | editar a fonte]

Véxase artigo principal: Glioma

Os gliomas son tumores orixinados a partir das células gliais. Ademais de no cerebro, poden localizarse na medula espiñal. Segundo o tipo de célula glial da que proveñan, podemos diferenciar entre oligodendriomas (tumor dos oligodendrocitos), ependiomas (tumor das células ependimarias) ou astrocitomas (tumor dos astrocitos).

Astrocitoma[editar | editar a fonte]

Véxase artigo principal: Astrocitoma

Os astrocitomas son os tumores intracraneais máis frecuentes, sendo o 30% destes cancros. Derivan dos astrocitos, un tipo de células da glía. Nos adultos adótanse presentar no propio cerebro, e nos nenos, pola contra, son máis frecuentes no cerebelo[4]. A OMS (Organización Mundial da Saúde, clasifica este cancro en catro graos. O grao I ten un prognóstico excelente, sendo a curación case que completa. Os graos III e IV teñen, pola contra, unha supervivenvia menor.

Grao Histoloxía Prognóstico
Grao I Baixo grao Prognóstico excelente
Grao II Astrocitoma propiamente dito Variábel
Grao III Astrocitoma anaplásico Potencialmente agresivos
Grao IV Glioblastoma multiforme Mal prognóstico

Oligodendrioglioma[editar | editar a fonte]

Véxase artigo principal: Oligodendrioglioma

Son tumores derivados dos oligodendrocitos. Polo xeral adoitan ser máis benignos ca os astrocitomas. Este tipo de tumor representa o 6% dos gliomas, e adoita presentarse entre a cuarta e a quinta década da vida. A súa localización máis frecuente é nos lóbulos frontal e temporal[5].

Meninxiomas[editar | editar a fonte]

Constitúen entre o 15 e o 20% dos tumores primarios intracraneais. Son máis frecuentes entre os 20 e os 60 anos de idade. Orixínanse nas células aracnoideas das meninxes. Son moi frecuentes e polo xeral son de carácter benigno, xa que fican encapsulados e ben delimitados, non compromentendo estruturas veciñas. Poden aparecer en calquera parte do cerebro, tanto infratectorial coma supratectorial.

Tumores secundarios ou metástases[editar | editar a fonte]

Os tumores secundarios ou metástases son aqueles que non se orixinan nas células do cerebro, se non que proveñen de células tumorais de outros órganos do corpo que posteriormente migran ao cerebro. As células tumorais poden chegar ao cerebro ben polo sangue, ben polo líquido cefalorraquídeo, ou ben polos ganglios linfáticos. A vía circulatoria é a máis habitual. O cerebro é o lugar predilecto do corpo para as metástases do melanoma e do cancro de pulmón microcítico (de células pequenas ou oat cell). No home, as metástases proveñen principalmente de cancros de pulmón, colon e ril. Nas mulleres, pola contra, veñen do cancro de mama, pulmón, colon e melanoma[6]. As metástases espinais ocorren no 5% dos doentes de cancro, sobre todo de cancro de mama, de próstata e o mieloma múltiple.

Signos e síntomas[editar | editar a fonte]

Os tumores cerebrais causan síntomas moi variados. Polo xeral, distínguense as manifestacións derivadas da hipertensión intracraneal, e os síntomas derivados da expansión do tumor, estes últimos denominados signos ou trastornos focais, que dependen da estrutura anatómica afectada polo tumor.

Síntomas de hipertensión intracraneal[editar | editar a fonte]

Tamén denominados trastornos neurolóxicos non focais, xa que non dependen do crecemento do tumor senon que deriva da hipertensión craneal. Os máis frecuentes son:

Síndromes focais[editar | editar a fonte]

Estas manifestacións son aquelas que dependen da localización anatómica do tumor, así como do seu tamaño e se afecta ou non a estruturas veciñas. Son manifestacións que orientan a localización da lesión.

Diagnóstico[editar | editar a fonte]

O diagnóstico realízase mediante técnicas de imaxe como a TAC ou a resonancia magnética (RMN). Ámbalas dúas permiten coñecer a localización e o tamaño do tumor, ademais de suxestionar a natureza do mesmo. Así e todo, é a biopsia quen clasifica e identifica o tipo exacto de tumor.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Tumor Cerebral
  2. Harrison's: Principles of Internal Medicine, 18ª Edición. DL Longo, AS Fauci, DL Kasper, SL Hauser, JL Jameson, E Braunwald. McGraw Hill, 2011
  3. N Engl J Med., 2001 Jan 11; 344(2):114-123.
  4. Farreras-Rozman: Medicina Interna, 16ª Edición. Elselvier, 2009.
  5. Galdames, D. (1997). Manual de neurología clínica.
  6. Metastatic Tumors to the Brain and Spine