Líquido cefalorraquídeo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Imaxe do líquido cefalorraquídeo pulsando ao ritmo das pulsacións do corazón.

O líquido cefalorraquídeo ou cerebroespiñal, coñecido como LCR, é un líquido que se dispón ao redor do cerebro e da medula espiñal. Circula polo espazo subaracnoide, os ventrículos cerebrais e a canle medular central. É de cor transparente e non coagulable.

O líquido cefalorraquídeo pode enturbarse pola presenza de leucocitos ou a presenza de pigmentos biliares. Numerosas enfermidades alteran a súa composición e o seu estudo é importante. Con frecuencia é determinante nas infeccións menínxeas, carcinomatoses e hemorraxias. Tamén é útil no estudo das enfermidades desmielinizantes do sistema nervioso central ou periférico. É unha proba diagnóstica no Creutzfeld-Jacob.

Función do LCR[editar | editar a fonte]

O líquido cefalorraquídeo ten 3 funcións vitais importantes:

  1. Manter flotante o encéfalo, actuando como colchón ou amortecedor, dentro da sólida bóveda cranial. Por tanto, un golpe na cabeza mobiliza en forma simultánea todo o encéfalo, o que fai que ningunha porción deste sexa contorsionada momentaneamente polo golpe.
  2. Servir de vehículo para transportar os nutrientes ó cerebro e eliminar os refugallos.
  3. Fluír entre o cranio e a medula espiñal para compensar os cambios no volume de sangue intracranial (a cantidade de sangue dentro do cerebro), mantendo unha presión constante.

Formación do LCR[editar | editar a fonte]

O LCR é producido nun 70% nos plexos coroides dos catro ventrículos cerebrais, sobre todo os laterais e 30% no epéndimo a razón de 0.35 ml/minuto ó 500 ml/día. Un adulto ten 150 ml deste e renóvase cada 3 ou 4 horas. A eliminación do líquido cefalorraquídeo, levada a cabo a través das vilosidades aracnoides, proxección das células da aracnoide sobre os seos vasculares que alberga a duramáter. Estes seos desembocarán directamente no torrente sanguíneo. Na rexión máis anterior do cerebro está o espazo subaracnoide dos lóbulos olfactorios, que se continúa cun espazo ó redor dos nervios olfactorios (por tanto, queda moi preto da mucosa olfatoria e do espazo aéreo do nariz). Desde esta rexión pasa ós ganglios linfáticos.

O fluído cerebroespiñal está composto por: sodio, potasio, calcio, cloro, sales inorgánicas (fosfatos) e compoñentes orgánicos (glicosa).

Circulación do LCR[editar | editar a fonte]

A circulación do líquido cefalorraquídeo comeza nos ventrículos laterais, continúa cara ó terceiro ventrículo e logo transcorre polo acueduto cerebral (acueduto de Silvio) ata o cuarto ventrículo. Desde alí flúe, a través dun conxunto de buratos (un central (de Magendie) e dous laterais (de Luschka), ó espazo subaracnoide, que cobre o sistema nervioso central. Por último, o líquido incorpórase ó torrente sanguíneo.

Todas as superficies ependimarias dos ventrículos e as membranas aracnoides secretan cantidades adicionais de líquido e unha pequena cantidade provén do propio encéfalo, a través dos espazos perivasculares que rodean os vasos sanguíneos que ingresan no encéfalo. O líquido secretado nos ventrículos laterais e no terceiro ventrículo diríxese ó longo do acueduto de Silvio ata o cuarto ventrículo, onde se agrega outra pequena cantidade de líquido. Logo abandona o cuarto ventrículo a través de tres pequenas aberturas laterais, dous buratos de Luschka laterais e o burato de Magendie na liña media, que ingresan na cisterna magna, un gran depósito de líquido situado por detrás do bulbo raquídeo e por baixo do cerebelo.

A cisterna magna continúase co espazo subaracnoide que rodea todo o encéfalo e a medula espiñal. Logo, case todo o líquido cefalorraquídeo flúe a través deste espazo cara ó cerebro. Desde os espazos subaracnoides cerebrais, o líquido flúe nas múltiples vilosidades ou granulacións aracnoides que se proxectan no gran seo venoso saxital e outros seos venosos. Por último, baléirase no sangue venosa a través das superficies das vilosidades.

Obtención de LCR[editar | editar a fonte]

Pódese obter, por punción lumbar, por punción cisternal, ou por punción ventricular. A obtención deste líquido é importante debido a que é un importante elemento de diagnóstico de enfermidades neurolóxicas, como poden ser as síndromes menínxeas, as hemorraxias subaracnoides, os tumores cerebroespiñales etc. Para a punción lumbar utilízase unha agulla de aproximadamente 10 cm. O paciente pode estar sentado ou deitado. A punción realízase entre a cuarta e a quinta vértebras lumbares, e tan só se espera a que comece a gotear este líquido. Ademais, mentres o paciente se atopa punzado, é posible medir a presión deste líquido coa utilización dun manómetro. Para a punción cisternal, o único que debe cambiarse é a posición do paciente, o cal si debe estar sentado, e ademais con hiperflexión cervical, xa que a agulla é introducida no espazo occipitoatloide. Varía de acordo onde se coloque o sistema de medición (anatomía); á posición do paciente ó momento do rexistro e á idade.

A presión normal depende da posición do paciente durante a súa toma así como a idade. Tomando como base descritiva á punción lumbar damos como exemplo:

Posición sentada:

  • Recentemente nacido = 1,5–8 cm de auga.
  • Menor de 6 anos = 4–8 cm de auga.
  • Adulto = 18–25 cm de auga.
  • Cisterna Magna = 0–12 cm de auga.
  • Ventrículos = de 5 a 8 cm de auga.

Decúbito lateral (tendido a un costado):

  • Adulto = 6–18 cm de auga.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]