The Sopranos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

The Sopranos
FormatoCrime e drama
Creado porDavid Chase
Desenvolvido por
Intérpretes
Tema de apertura"Woke Up This Morning (Chosen One Mix)" de Alabama 3
Tema de pecheVarios
Lingua(s)Inglés
Temporadas6
Episodios86
Produción
Produtor(es)
executivo(s)
Localización(s)
CámaraUnha cámara[1]
Duración43–75 minutos
DistribuidorWarner Bros. Television Distribution
Emisión orixinal
Canle de orixeHBO
Formato de imaxeNTSC
Primeiro episodio10 de xaneiro de 1999
Derradeiro episodio10 de xuño de 2007
Na rede
http://www.hbo.com/the-sopranos
IMDB: tt0141842 Filmaffinity: 402150 Allocine: 75 Rottentomatoes: tv/the_sopranos Allmovie: v186627 Metacritic: tv/the-sopranos TV.com: shows/the-sopranos Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

The Sopranos é unha serie de televisión estadounidense creada e producida por David Chase. A súa estrea nos Estados Unidos foi o 10 de xaneiro de 1999 pola canle de televisión por cable HBO, que a emitiu ininterrompidamente ata o seu desenlace, o 10 de xuño de 2007.

Sinopse[editar | editar a fonte]

A trama da serie xira en torno ao xa emblemático mafioso de Nova Jersey Tony Soprano (James Gandolfini) e as dificultades coas que se atopa tanto no seu fogar coma na organización criminal que dirixe. Á súa vez, a serie tamén se centra na historia das personaxes achegadas a Tony, especialmente a súa dona Carmela (Edie Falco) e o seu curmán e protexido Christopher Moltisanti (Michael Imperioli).

Historia e características[editar | editar a fonte]

A serie abrangueu un total de seis tempadas e 86 episodios. Foi producida por HBO, Chase Films e Brad Grey Television. A rodaxe da serie realizouse entre os Silvercup Studios de Nova York e diversos escenarios do estado de Nova Jersey. Os produtores executivos ao longo da súa emisión foron Chase, Brad Grey, Robin Green, Mitchell Burgess, Ilene S. Landress, Terence Winter e Matthew Weiner.

Un éxito crítico e comercial, The Sopranos foi a serie por cable economicamente máis exitosa da historia da televisión, e frecuentemente ten sido descrita pola crítica como unha das mellores series de televisión de todos os tempos. A serie destaca polo seu alto nivel de calidade en todos os aspectos de produción e foi especialmente recoñecida polo seu guión e polas excelentes actuacións dos seus actores principais. The Sopranos foi acreditada por brindar un gran nivel artístico á televisión media e fender un camiño para o éxito de moitas series de ficción que lle sucederon. Tamén gañou numerosos premios e recoñecementos, entre eles, vinte e un Premios Emmy e cinco Globos de Ouro. No 2009 foi elixida a mellor serie da década 2000 pola publicación The Hollywood Reporter.

Elemento básico da cultura popular estadounidense do século XXI, The Sopranos foi obxecto de parodias, controversias e análises, e deu lugar a libros, un videoxogo, bandas sonoras de éxito e unha gran cantidade de merchandising. Varios dos actores e membros do equipo de rodaxe eran descoñecidos para o público xeral, pero as súas carreiras experimentaron un grande éxito tras The Sopranos.

Produción[editar | editar a fonte]

Concepción[editar | editar a fonte]

Antes de crear The Sopranos, David Chase traballara como guionista durante vinte anos Traballou como guionista e produtor en varias series de televisión (incluídas Kolchak: The Night Stalker, The Rockford Files, I'll Fly Away e Doctor en Alaska e foi un dos creadores da efémera serie Almost Grown no 1988. Antes do seu éxito con The Sopranos, Chase gañou dous Premios Emmy: un no 1980 polo guión do telefilme Off the Minnesota Strip, e outro no 1978 polo seu traballo en The Rockford Files, compartido con outros produtores.

A historia de The Sopranos foi inicialmente concibida como unha longametraxe sobre "un mafioso en terapia que ten problemas coa súa nai". Tras algunhas achegas do seu representante, Lloyd Braun, Chase decidiu adaptalo a unha serie de televisión. No 1995, Chase firmou un contrato coa compañía de produción Brillstein-Grey e escribiu o guión orixinal do episodio piloto.

Baseándose en gran medida na súa vida persoal e nas súas experiencias tras medrar en Nova Jersey, Chase asegurou que tratou de "aplicar [a súa propia] dinámica familiar aos mafiosos". Por exemplo, a tormentosa relación entre o protagonista Tony Soprano e a súa nai, Livia, baséase, en gran parte, na relación de Chase coa súa propia nai. Durante esa época, Chase tamén foi a terapia e modelou a personaxe da Dra. Jennifer Melfi a partir do seu propio psiquiatra. Dende ben mozo, Chase xa tiña mostrado interese na mafia despois de medrar con clásicas películas de gánsteres como O inimigo público e a serie Os Intocables. En gran medida, a historia da serie está inspirada na auténtica Familia criminal DeCavalcante, que se converteu na principal familia do crime organizado de Nova Jersey durante a mocidade de Chase. O nome da serie, por outra parte, provén dun dos seus mellores amigos de instituto. Chase pensaba que o escenario da mafia lle permitiría explorar temas como a identidade italoestadounidense e a natureza da violencia, entre outros. O propio Chase é italoamericano e o seu apelido real é DeCesare.

Chase e o produtor Brad Grey, de Brillstein-Grey, ofreceron The Sopranos a varias canles. FOX amosou interese, pero decidiron rexeitar a proposición despois de que Chase lles presentara o episodio piloto. Chase e Grey finalmente ofreceron a serie ao naquel intre director de contidos da HBO, Chris Albrecht, que recoñeceu a orixinalidade e o potencial de The Sopranos, e decidiu financiar a rodaxe dun episodio piloto. Albrecht dixo:

Díxenme, esta serie trata sobre un tipo en torno aos 40 anos. Herdou o negocio do seu pai e está tratando de modernizalo aos nosos días, con todas as responsabilidades que iso implica. Ten unha nai autoritaria da cal aínda trata de escaparse. A pesar de que ama á súa muller, tivo unha aventura. Ten dous fillos adolescentes e está facendo fronte á realidade que iso leva. Está preocupado e deprimido, e comeza a ver unha terapeuta porque está buscando o significado da súa propia vida. Pensei: a única diferenza entre el e toda a xente que coñezo é que el é o Don de Nova Jersey.

O episodio piloto —chamado "The Sopranos" no DVD pero referido comunmente como "Piloto"— foi filmado no 1997. Chase, tras dirixir anteriormente episodios de The Rockford Files e Almost Grown, púxose á fronte do mesmo. Unha vez finalizado o episodio piloto e despois de ensinalo aos directivos da HBO, a serie quedou a expensas, durante un ano, de que HBO finalmente decidira producila e ordenara unha tempada completa de trece episodios. A serie estreouse na HBO o 10 de xaneiro de 1999, co episodio piloto. The Sopranos foi a segunda serie de drama dunha hora de duración producida por HBO, que tomou o relevo de Oz.

Casting[editar | editar a fonte]

Ao igual que as personaxes que interpretan na serie, moitos dos actores de The Sopranos son italoestadounidenses. Incluso, moitos dos actores do elenco da serie xa apareceran xuntos en películas e series de televisión antes de incorporarse a The Sopranos. Na serie coincidiron un total de 27 actores da película de Martin Scorsese Un dos nosos, de 1990, incluídos as personaxes principais de Lorraine Bracco, Michael Imperioli e Tony Sirico. Tamén, oito dos actores de The Sopranos apareceron na comedia de 1999 Mickey ollos azuis.

A elección do elenco principal para a serie realizouse mediante un proceso de audicións e lecturas, no que os actores, normalmente, non sabían se as súas actuacións convencían, ou non, a Chase. Michael Imperioli, que superou a varios actores polo papel de Christopher Moltisanti, asegurou que Chase tiña "unha cara de póker, así que pensei que [o papel] non sería para min, pero continuou corrixíndome e facendo que o intentara de novo, o que normalmente é unha sinal de que non o estás facendo ben. Así que pensei que non o ía lograr. Entón dixo, 'Grazas', e marchei. Non esperaba que me volveran chamar, pero chamaron". James Gandolfini foi invitado á audición para o papel de Tony Soprano despois de que a directora de casting, Susan Fitzgerald, vira un pequeno fragmento da súa actuación na película True Romance, de 1993. Nun principio, a intención era que Lorraine Bracco, que anteriormente desempeñara o papel de Karen Hill —a dona do mafioso Henry Hill (Ray Liotta)— en Goodfellas, interpretara o papel de Carmela Soprano. Non obstante, Bracco preferiu o papel da Dra. Jennifer Melfi porque quería probar algo diferente e considerou que interpretar a culta Dra. Melfi sería máis que un desafío para ela.

"Primeiro falamos de Carmela, pero tería sido máis do mesmo para min se o chego a aceptar... Xa fixera ese papel en Goodfellas e o tivera feito moi ben, e volvelo facer non era adecuado. Díxenlles que me encantaba o guión e que me encantaría interpretar á Dr. Melfi. E mo deron."

Tony Sirico, do cal o seu pasado está relacionado coa mafia, firmou o papel de Paulie Gualtieri coa condición de que a súa personaxe non fora unha "rata" (confidente do FBI).

Chase convidou ao músico "Little Steven" Van Zandt (coñecido por ser o guitarrista da E Street Band de Bruce Springsteen) a unha audición para participar na súa serie despois de velo en directo na cerimonia do Rock & Roll Hall of Fame de 1997 e quedar impresionado co seu aspecto e aparencia. Van Zandt, que nunca antes actuara, aceptou a personaxe do consigliere Silvio Dante e a súa esposa real, Maureen Van Zandt, foi escollida para interpretar o papel de Gabriella, a muller de Dante.

A excepción de Bracco, proposta ao Óscar por Goodfellas, Dominic Chianese (El Padrino II) e a gañadora do Emmy Nancy Marchand (Lou Grant), o elenco da primeira tempada da serie compúñano, en gran parte, actores descoñecidos. Con éxito de The Sopranos, moitos dos actores destacaron pola súa habilidade interpretativa e comezaron a lograr notoriedade polas súas actuacións. Nas seguintes tempadas incorporáronse algúns actores coñecidos como Joe Pantoliano,Robert Loggia, Steve Buscemi e Frank Vincent, uníndose ao elenco xunto a distinguidos actores en pequenos papeis, como Peter Bogdanovich, John Heard, Robert Patrick, Peter Riegert,Annabella Sciorra, e David Strathairn.Outros actores famosos apareceron nun só episodio, como Charles S. Dutton, Ken Leung, Ben Kingsley, Lauren Bacall, Daniel Baldwin, Tim Kang, Elias Koteas, Annette Bening, Sydney Pollack e Burt Young.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O'Donnell, Victoria (2016). Television Criticism (en inglés). SAGE Publications. p. 92. ISBN 9781483377698. Arquivado dende o orixinal o 13 de novembro de 2020. Consultado o 2 de xaneiro de 2019.