Staten Island

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Staten Island sitúase ao suroeste do resto da Cidade de Nova York.
Condado de Richmond, dentro do Estado de Nova York.

Staten Island é unha illa no Océano Atlántico pertencente ao estado de Nova York, Estados Unidos. É un dos cinco boroughs ou distritos metropolitanos da cidade de Nova York. O seu territorio é coextensivo co do Condado de Richmond.

Ata 1975, o Condado e o Distrito tiñan o mesmo nome (Richmond), ano en que o Concello decidiu cambiar o nome do borough a Staten Island, o nome orixinal co que era coñecida polos neerlandeses que a colonizaron (Staaten Eylandt).

Historia[editar | editar a fonte]

No século XIV, a illa estaba habitada polas tribos Algonquinas, e en 1609 Henry Hudson establece alí un posto de comercio para a Compañía Holandesa das Indias Orientais. El chamou á illa Staaten Eylandt, aludindo aos Estados Xerais das Provincias Unidas, que estaban nesa época en insurrección contra o rei de España.

Ata 1661, ningunha colonia puido instalarse alí de forma duradeira, por mor de conflitos cos indíxenas, logo en 1667 foi cedida aos ingleses, que o ocuparon máis tarde mentres durou a Guerra de Independencia. Durante aquela época practicouse alí unha deforestación intensiva. Logo co advenimento da independencia os propietarios ingleses fuxiron a Canadá. Como outros boroughs, Staten Island foi unificado coa cidade de Nova York en 1898.

O distrito de Staten Island permaneceu bastante rural ata a apertura da ponte Verrazano en 1964, cando o seu estatuto insular transformouse de barrio das aforas a cento de forte desenvolvemento urbano. Ata esta época, aínda podiamos atopar alí granxas de gandería de aves de curral e de vacas leiteiras, o que provocaba ás veces unha certa forma de humor por parte dos habitantes dos outros distritos. A finais dos anos 1960, houbo varias disputas sobre cuestións ambientais e preservación da natureza. Despois, habilitáronse nos outeiros do centro da illa unha serie de parques públicos, ben comunicados por camiños de sendeirismo (Greenbelt).

A illa aloxa desde a segunda metade do século XX o lugar máis importante de soterramento de refugallos de Nova York (o Fresh Kills Landfill), pechado a principios de 2001 pola súa produción excesiva de metano (a máis importante do mundo), pero reaberta o mesmo ano para almacenar alí os restos do World Trade Center.

Durante os anos 1980, baixo o mandato do alcalde de Nova York David Dinkins, houbo un movemento político para que a illa separásese do resto da cidade. Este movemento terminou coa chegada de Rudolph Giuliani en 1993.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Fotografía satélite de Staten Island

A illa de Staten Island está situada fronte ao extremo meridional de Manhattan, alén da dársena principal do porto. Staten Island está dividido claramente en dous, North Shore, no Norte de Staten Island Expressway, e South Shore, ao sur da autoestrada.

Staten Island está separada ao leste de Long Island polo estreito denominado The Narrows (que conecta á súa vez as partes superior e inferior da Baía de Nova York) e ao norte e oeste do continente (Nova Jersey) polos ríos ou canles Arthur Kill e Kill Van Kull. Ao sur está bañada polo Océano Atlántico.

Staten Island está conectada a Nova Jersey a través das pontes Bayonne Bridge, Outerbridge Crossing e Goethals Bridge, e a Brooklyn polo Verrazano Narrows Bridge. O transbordador Staten Island Ferry conecta a illa co sur de Manhattan. O ferrocarril Staten Island Railway, do estilo do metro de Nova York, atravesa a illa de nordeste a suroeste, aínda que non se conecta coa liña de Nova Jersey.

A superficie de Staten Island é de 265 km², dos que 151 km² son terra. O seu punto máis alto é Todt Hill con 125 m., que é á súa vez o punto máis alto de Nova York.

Como distrito de Nova York, Staten Island comprende a illa de Staten Island e tamén cinco pequenas illas deshabitadas:

  • Meadow, (no río Fresh Kills)
  • Pralls (no río Arthur Kill)
  • Shooters (na Baía de Newark)
  • Swinburne (na baía de Nova York)
  • Hoffman (na baía de Nova York).

Demografía[editar | editar a fonte]

O distrito contaba con 443.728 habitantes no censo do ano 2000, dos que o 78% eran brancos de orixe europea, maioritariamente de orixe italiana ou irlandesa, o 10% afroamericanos e o 6 % de persoas de orixe asiática.

Política[editar | editar a fonte]

Staten Island é o bastión republicano da cidade demócrata de Nova York.

Os seus alcaldes son case sempre republicanos e en 2004, Staten Island votou cerca do 60% polo presidente republicano George W. Bush mentres que os outro catro distritos de Nova York optaban amplamente polo candidato demócrata John Kerry.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Bandeira de Nova York Distritos (Boroughs) de Nova York

Bronx | Brooklyn | Manhattan | Queens | Staten Island