Remo (instrumento)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Winslow Homer - Aviso de néboa ( The Fog Warning ) 1885

O remo consiste nun pau longo cun extremo en forma de pa, que se emprega para desprazar unha embarcación facendo forza na auga.[1] O remo está conectado á embarcación por medio dun punto de pivote, xa sexa un tolete, un escalmo ou un burato ou zona erosionada.

O remo colócase no punto de pivote coa porción máis curta dentro da embarcación, e coa parte da pa, moito maior, fóra. Os remeiros xeralmente miran cara a popa da embarcación, ao chegar co remo a popa introducen a pa do remo na auga. Mentres se inclinan cara a proa da embarcación a pa pivota no tolete e o extremo exterior empurra a auga cara a popa, proporcionando un pulo da embarcación cara a adiante.

Durante miles de anos, os barcos foron propulsados ​​por velas ou ben mediante o traballo mecánico dos remeiros. É habitual que unha embarcación de remo tamén teña a opción de ser propulsada a vela, como a galera da antigüidade por exemplo.

Historia[editar | editar a fonte]

O "remo de Duvensee", que data do ano 6500 a. C. Exposición no Museo de Arqueoloxía de Hamburgo.[2]

Os remos úsanse dende o período neolítico. Atopáronse remos de madeira, que datan de 5000 a 4500 a. C., nun xacemento arqueolóxico atribuído á cultura Hemudu na China.[3][4] En 1999, atopouse en Xapón unha pa de 63,4 cm de lonxitude, que se remonta ao 4000 a. C.[5] En 2010, atopouse en Corea do Sur unha pa feita de madeira de piñeiro de 181 cm de lonxitude, datada no 5000 a. C.[6]

En 1926, no distrito de Duvensee, en Alemaña, atopouse unha pa mesolítica de 52 cm de lonxitude, que se considera unha das primeiras evidencias do uso de embarcacións no período mesolítico. A datación do carbono-14 feita en 2008 revela que esta pa foi creada no c. 7390 a. C.[7]

Existen moitas evidencias do uso dos remos nos barcos fluviais, atopáronse en forma de pinturas, gravados e maquetas, do Antigo Exipto que datan ata o século XXVII a. C.[8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "remo". academia.gal. Consultado o 2023. 
  2. Museo Arqueolóxico de Hamburgo / Helms-Museum Nº de inventario: MfV1926.112:182
  3. Deng, Gang (1997). Chinese Maritime Activities and Socioeconomic Development, c. 2100 B.C.-1900 A.D. Greenwood Press. p. 22. ISBN 0-313-29212-4. 
  4. T. Stark, Miriam (2008). Archaeology of Asia. John Wiley & Sons. ISBN 978-1-4051-5303-4. 
  5. "Oldest oar unearthed from Ishikawa ruins". trussel.com. Consultado o 2008. 
  6. "South Korea archaeologists uncover 7000 year old oar". phys.org. Consultado o 2023. 
  7. Jenke, Mareike. "Ausgrabungen im Duvenseer Moor, Kreis Herzogtum Lauenburg - Zur Rekonstruktion einer Altgrabung". Hammaburg N.F. (en alemán) 16: 9–78. ISSN 0173-0886. 
  8. Casson, Lionel (1995). Ships and Seamanship in the Ancient World. The Johns Hopkins. ISBN 978-0-8018-5130-8.