Raio verde

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Un brillo verde moi claro.
Evolución detallada dun raio verde.

Raio verde, ou brillo verde, é un fenómeno óptico atmosférico que ocorre pouco despois do solpor ou pouco antes da saída do sol, no que se pode ver un punto verde, normalmente por un ou dous segundos, sobre a posición do sol. Tamén pode verse como un raio verde que sae do punto onde se puxo o sol. Estes escintileos verdes son en realidade un grupo de fenómenos que xorden por diferentes causas, sendo algúns máis comúns que outros. Os raios verdes pódense ollar desde calquera altitude (mesmo dende un avión). Acostuman versen cando o horizonte non presenta obstáculos, coma no océano, mais aparecen así mesmo sobre nubes e sobre montañas.

Igualmente pódese ver un escintileo verde producido por outros obxectos brillantes no horizonte, como a Lúa, Venus ou Xúpiter.[1][2]

O concepto do brillo ou raio verde foi popularizado pola novela Le Rayon vert de 1882, de Jules Verne, na que se describe a súa cor como "...un verde que ningún artista podería endexamais obter na súa paleta, un verde do cal nin as variadas tinguiduras da vexetación nin os tons do máis limpo mar poderían nunca producir un igual! Se houber un verde no Paraíso, non pode ser senón este ton, que moi seguramente é o verdadeiro verde da Esperanza!"

[3] 

Explicación[editar | editar a fonte]

As causas dun brillo verde atópanse na refracción da luz (como sucede nun prisma) ao atravesar a atmosfera: a luz móvese máis amodo no ar baixo, máis denso, ca no ar en camadas superiores, menos denso. Por mor disto, os raios de luz solar seguen unha traxectoria lixeiramente curva, na mesma dirección que a curvatura da Terra. A luz de alta frecuencia (verde/azul) cúrvase máis ca a luz de baixa frecuencia (vermella/laranxa), así que os raios verdes e azuis da parte superior do Sol no horizonte fican visíbeis mentres que os raios vermellos están agochados polo horizonte.

O escintileo verde refórzase polo efecto de espellismo, que incrementa o gradiente de densidade na atmosfera e, polo tanto, incrementa a refracción. O raio verde vese con maior probabilidade en ar limpo, que permite que máis luz acade o observador sen se dispersar. O posíbel "escintileo azul" pola luz de devandita cor non se ve porque a cor azul dispérsase máis no ar e só fica a luz de cor verde.

Cun lixeiro zoom, pódese chegar a ver un bordo verde na parte superior do disco solar en moitos solpores, se o día está claro. Con todo, o efecto de raio ou de brillo cómpre dunha forte estratificación por camadas na atmosfera e un espellismo que magnifique a cor verde durante un período de entre unhas fraccións de segundo e dous segundos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Red Sunset, Green Flash". HyperPhysics. 
  2. "The green flash and other low sun phenomena". Harvard. 
  3. [1] El rayo verde, capítulo III (en francés)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Artigos relacionados[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]