Quincussis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para a moeda romana de prata de igual valor (5 ases ou medio denario), ver quinario.
Quincussis fundido en Roma ca. 225 a. de C, con Xano no anverso e a proa dun barco no reverso, e o sinal V indicativo do seu valor de cinco ases. Peso: 1.400 g

Quincussis ou quinquessis (voces latinas, a partir de quinque; “cinco”) foi unha moeda da Antiga Roma fundida en bronce que se utilizou en tempos da República con valor de cinco ases. Trátase dunha denominación moderna, xa que o nome desta moeda na súa época se descoñece.[1][2][3]

Historia e caracterización[editar | editar a fonte]

O quincussis é unha das maiores denominacións dentro das grandes e pesadas moedas de bronce fundidas das primeiras series da época republicana. Con todo, o seu uso non ocupou un papel relevante no sistema monetario romano e, da mesma maneira que outros múltiplos do ás en bronce (tressis e decusis), foi abandonado tras a aparición do denario de prata e, particularmente, do seu submúltiplo, o quinario (medio denario), dun tamaño moito máis manexable e co que comparte o valor de cinco ases.

Os exemplares máis antigos dos coñecidos sitúanse entre os séculos VI e IV a. de C. Trátase de barras de bronce fundido co peso de cinco libras, nas que aparecen gravados elementos como golfiños, elefantes ou outros como referencias a divindades romanas. Estes primitivos quincussis adscríbense ao modelo do aes signatum e proceden de obradoiros de localización incerta na rexión central da Península Itálica. Un dos escasos exemplares coñecidos, poxado pola compañía suíza Classical Numismatic Group, ten un peso de 1.550 gramos e unhas dimensións de 97x78x45 milímetros.[4]

Quincussis etrusco coa tradicional roda radiada das pezas desta procedencia. Peso: 748,55 g.

Xa con aparencia monetiforme, os primeiros quincussis corresponden á época do aes grave e foron fundidos nos obradoiros monetarios de Roma cara ao ano 225 a. de C.; responden ao padrón metrolóxico do ás libral, polo que teñen un peso de arredor de 1.400 gramos. Estes primeiros quincussis amosan nos seus anversos a cabeza bifronte de Xano e nos seus reversos represéntase a tradicional proa de barco característica da moeda romana fundida de bronce desta época. Ademais, a modo de marca de valor, levan o numeral latino V en representación da equivalencia de cinco ases.[5][6][7]

Un segundo modelo, tamén romano, cuxa existencia se sitúa no marco da época da segunda guerra púnica (218-201 a. de C.), arredor do ano 215 a. de C., na época final do aes grave de padrón cuadrantal, cun peso xa moi reducido próximo aos 365 gramos, exhibe no seu anverso a cabeza dunha divindade feminina romana, comunmente a de Roma, coa marca de valor debaixo. O seu reverso é similar ao do modelo anterior.[8][9]

Coñécense tamén exemplares etruscos de quincussis, fundidos en Etruria, cun peso de entre 707 e 748 gramos (do padrón do ás etrusco de 151,6 gramos), cunha roda radiada nos seus anversos e unha proa nos reversos.[10][11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Quincussis". En Algunos tipos de monedas antiguas.
  2. "Quincussis Arquivado 06 de xullo de 2018 en Wayback Machine.". En Vecchi, Italo. Italian Cast Coinage. “Glossary of terms”. London Ancient Coins. Londres, 2013. Páxina 11. ISBN 978-0-9575784-0-1.
  3. "Quinquessis". En Forum ancient coins.
  4. "Exceedingly rare AE Quincussis". Classical Numismatic Group. Poxa 408. Lote 362.
  5. "Analisi archeometallurgiche eseguitte su un quincussis proveniente dall’area vesuviana". En Archeometallurgia in Europa. Aquileia, 17 a 21 de xuño de 2007.
  6. "Nota a margine sul quicussis ‘giano/prora’". En Monete Antiche. Nº 46. Xullo-agosto 2009. Páxinas 9-12
  7. Bonazzi, P. "Un quincussis librale". En Rivista Italiana di Numismatica e Scienze Affini. 38, 1925. Páxinas 11-16.
  8. "Quincussis (moneta)". En numismatica-classica.lamoneta.it
  9. "Quincussis Arquivado 06 de xullo de 2018 en Wayback Machine.". En Vecchi, Italo (2013). Páxina 39.
  10. "Decussis". En Schulzki, Heinz-Joachim. Brill’s New Pauly.
  11. "Quincussis Arquivado 06 de xullo de 2018 en Wayback Machine.". En Vecchi, Italo (2013). Páxina 45.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]