Quilomicron

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Quilomicrón»)
Esquema dun quilomicron.

Os quilomicrons[1] son un tipo de partículas globulares de lipoproteicas formadas por unha mestura de triglicéridos (85-92%), fosfolípidos (6-12%), colesterol (1-3%) e proteínas (1-2%).[2] Transportan os lípidos da dieta desde os intestinos a outras partes do corpo. Os quilomicrons son un dos cinco grandes tipos de lipoproteínas, as de maior tamaño e menor densidade entre elas; as outras son as VLDL, IDL, LDL e HDL, as cales permiten o transporte de graxas e colesterol insolubles a través da solución de base acuosa do sangue. Os quilomicrons prodúcense nos enterocitos (células do epitelio intestinal que absorben os alimentos dixeridos) e pasan ao sangue.

Función[editar | editar a fonte]

Estrutura dun quilomicron
ApoA, ApoB, ApoC, ApoE (apolipoproteínas); T (triglicéridos); C (colesterol); verdes con colas amarelas (fosfolípidos).

Os quilomicrons transportan os lípidos exóxenos procedentes da dixestión dos alimentos desde o intestino ao fígado, tecido adiposo, cardíaco e músculo esquelético, por vía primeiro linfática e despois sanguínea. Unha vez alí, os triglicéridos que levan son descargados pola actividade da lipoproteína lipase. Os restos que quedan dos quilomicrons despois desta descarga son captados polo fígado.

Estadios[editar | editar a fonte]

Poden distinguirse tres estados no ciclo dos quilomicrons:

  • Quilomicrons nacentes.
  • Quilomicrons maduros.
  • Restos de quilomicrons.

Quilomicrons nacentes[editar | editar a fonte]

Os triglicéridos son emulsionados pola bile e hidrolizados polos encimas lipases, orixinándose unha mestura de ácidos graxos e monoglicéridos. Estes despois pasan do lume intestinal ao interior dos enterocitos, onde son reesterificados, formándose de novo triglicéridos. Despois mestúranse os triglicéridos con fosfolípidos e ésteres do colesterol, e apolipoproteínas B-48 para formar os quilomicrons nacentes. Estes son liberados por exocitose desde os enterocitos aos vasos quilíferos (linfáticos) das vilosidades intestinais que máis tarde desembocan na circulación sanguínea na conexión entre o conduto torácico linfático e a vea subclavia.

Os quilomicrons nacentes están compostos principalmente por triglicéridos (85%) e conteñen algo de colesterol e ésteres do colesterol. O principal compoñente apolipoproteico é a apolipoproteína B-48 (apo B-48).

Quilomicrons maduros[editar | editar a fonte]

Mentres están a circular polo sangue, os quilomicrons intercambian compoñentes coas lipoproteínas de alta densidade (HDL). As HDL ceden a apolipoproteína C-II (APOC2) e a apolipoproteína E (APOE) aos quilomicrons nacentes, que deste modo se converten en quilomicrons maduros (ou denominados simplemente quilomicrons). A APOC2 é o cofactor para a actividade da lipoproteína lipase (LPL).

Restos de quilomicrons[editar | editar a fonte]

Unha vez que se distribúe a carga de triglicéridos, os quilomicrons devolven a APOC2 ás HDL (pero conservan a APOE), e o resto que queda do quilomicron é agora de só 30–50 nm de diámetro. As APOB48 e APOE son importantes para identificar estes quilomicrons residuais no fígado para a súa endocitose e degradación.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. BUSCatermos quilomicron, que dá como referencia: Vocabulario de medicina. Santiago de Compostela, Universidade / Consellería de Sanidade, 2008
  2. M Mahmood Hussain: "Review Article: A proposed model for the assembly of chylomicrons"; Arterosclerosis; Vol. 148; 2000; pages 1-15 [1]