Portal:Música/Artigo destacado/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O heavy metal (/ˈhɛvɪˈmɛtl/) é un xénero musical derivado do rock a finais dos anos 1960 e comezos dos 1970, principalmente nos Estados Unidos de América e no Reino Unido. Partindo do blues e o rock psicodélico, os grupos pioneiros do heavy metal desenvolveron un son máis marcado e profundo caracterizado por unha distorsión amplificada, solos de guitarra e ritmos enerxéticos.

Os primeiros grupos considerados dentro do heavy metal, como Led Zeppelin, Black Sabbath e Deep Purple, atraeron grandes audiencias malia ser criticados habitualmente nos medios de comunicación, e a mediados dos anos 1970 Judas Priest supuxo un estímulo na evolución do xénero ao descartar gran parte da influencia do blues. Outros grupos como Motörhead introduciron características do punk rock incrementando a énfase na velocidade e a finais da década de 1970 os grupos da Nova Onda do Heavy Metal Británico como Iron Maiden e Saxon continuaron con esta evolución.

Na década de 1980 o glam metal tivo grande éxito comercial con grupos como Mötley Crüe e Poison, mentres que nos ámbitos underground comezaron a desenvolverse unha serie de estilos máis agresivos. O thrash metal fíxose popular grazas a grupos como Metallica, Megadeth, Slayer e Anthrax, aínda que outros subxéneros máis extremos como o death metal e o black metal seguiron unha evolución máis separada das correntes principais. Dende mediados dos anos 1990 comezaron a popularizarse diversos subxéneros que expandiron a definición do xénero. Algúns destes son o groove metal (exemplificados no grupo Pantera), influenciado polo metal extremo e o hardcore punk, e o nu metal (con grupos como Slipknot, Korn ou Linkin Park), que adoita incorporar elementos do grunge e do hip hop.