Portal:India/Biografía destacada/2

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Brahmagupta (ब्रह्मगुप्त) (Bhinmal, Raxastán, 589668) foi un matemático e astrónomo indio que escribiu dúas obras importantes de matemáticas e astronomía: o Brahmasphuṭasiddhanta (Tratado Extensivo de Brahma) (628), un tratado teórico, e o Khaṇḍakhadyaka, un texto máis práctico.

Foi o director do observatorio astronómico de Ujjain, o máis antigo e importante da India na súa época, e durante a súa estadía alí escribiu catro libros sobre matemáticas e astronomía: os dous anteriormente mencionados, o Cadamekela e o Durkeamynarda. Os textos de Brahmagupta teñen un certo aire poético pois están escritos en versos elípticos, práctica habitual entre os matemáticos indios daquel tempo.

Brahmagupta está considerado como o pai da aritmética, da álxebra e da análise numérica. A adición, a subtracción, a división e outras operacións fundamentais usando numerais árabes apareceron na súa obra Brahmasputhasiddhanta (628). O seu traballo tivo un impacto significativo nas construcións matemáticas. Brahmagupta popularizou o concepto do cero (na súa obra aparece por primeira vez esta noción), sendo o primeiro en dar regras para operar con el. Tamén definiu regras para a aritmética con números negativos en termos moi parecidos aos da matemática moderna. No ano 628, Brahmagupta proporcionou a primeira solución xeral para a ecuación de segundo grao.