Portal:Escocia/Cabezallo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Portal de Escocia

Escocia (en inglés: Scotland; en scots: Scotland; en escocés: Alba) é un país que forma parte do Reino Unido. É o máis setentrional dos catro países constituíntes que forman o Reino Unido. Xunto con Inglaterra e Gales, forma parte da illa de Gran Bretaña, e abrangue un terzo da súa superficie total. Ademais da parte de Escocia localizada na illa de Gran Bretaña, o territorio escocés consta de máis de 790 illas, incluíndo as Shetland, as Orcadas e as Hébridas. Limita ao norte e oeste co Océano Atlántico; ao leste co Mar do Norte, ao sur con Inglaterra e ao suroeste coa Canle do Norte e o Mar de Irlanda. O territorio escocés comprende 78.772 km2, e a súa poboación estímase en 5 116 900 habitantes, o que dá unha densidade de poboación de 65 habitantes por km2.

Edimburgo, a capital do país e segunda meirande cidade, é un dos centros financeiros de Europa. Edimburgo foi o centro da Ilustración escocesa do século XVIII, que transformou a Escocia nunha das potencias comerciais, intelectuais e industriais de Europa. Glasgow, a cidade máis grande, foi outrora unha das cidades industriais máis importantes do mundo e hoxe atópase no centro da aglomeración de Gran Glasgow. As augas territoriais escocesas abranguen unha parte importante do Atlántico Norte e do Mar do Norte, contendo unha das maiores reservas de petróleo da Unión Europea. Por este motivo, Aberdeen, a terceira cidade de Escocia, ten o título de capital europea do petróleo.