Portal:A Coruña/Lugar de interese/2

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O castelo de Santo Antón é un castelo construído no século XVI que formaba parte, xunto co Castelo de Santa Cruz (en Liáns) e o Castelo de San Diego (en Oza, hoxe desaparecido), dunha rede estratéxica de castelos e baterías para a defensa da cidade da Coruña. Foi declarado Monumento Histórico Artístico en 1949 e desde o ano 1994 pasou a ter a consideración de Ben de Interese Cultural coa categoría de monumento. Dende a súa inauguración no ano 1968 alberga o Museo arqueolóxico e histórico da Coruña.

No lugar que hoxe ocupa o castelo, e que era un illote próximo ao porto da Coruña, existía a finais da Idade Media unha capela dedicada a Santo Antón e nela se confinaban aos navegantes co mal coñecido como lume de Santo Antón, sendo tamén utilizado con posterioridade como lazareto.

Trátase dunha fortaleza construída no século XVI na entrada da baía da Coruña. Os seus antecedentes formais atópanse nos castelos italianos de inicios do século XVI, construídos por enxeñeiros ás ordes de Carlos I, e co Castelo de San Telmo en Nápoles como un dos exemplos máis achegados. Posúe unha estrutura alongada adaptándose ao promontorio coa entrada orientada cara o porto.