Pietro Tacca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fonte da praza Santissima Annunziata, Florencia

Pietro Tacca (Carrara 1577-Florencia 1640), foi un escultor italiano, o máximo representante en Toscana do gusto barroco.

Con quince anos entrou no taller de Giambologna (1592), o máis importante escultor florentino da época, do que se convertería no primeiro axudante. Á morte do mestre en 1608, Tacca recibe o usufruto do estudo, no borgo Pinti (barrio Pinti), e un ano despois herda tamén o posto de escultor dos Grandes Duques da Toscana.

Rematará obras inacabadas de Giambologna como os monumentos ecuestres de Fernando I de Médici en piazza Santissima Annunziata, ou o do rei da Francia Henrique IV, enviado a París e destruído durante a revolución en 1793, ou o de Filipe III de España, que está colocado na Plaza Mayor de Madrid (1616).

Entre 1620 e 1623 executa o que se considera a súa obra mestra os Quattro mori (Catro mouros) encadeados na base do monumento a Fernando I de Médici na praciña da dársena de Livorno.

A súa última e traballosa empresa foi o grandioso monumento ecuestre a Filipe IV de España, realizado, sobre deseño de Velázquez, entre 1634 e 1640. Este monumento é a primeira estatua ecuestre co cabalo erguido e sostido sobre a patas traseiras.

Tacca faleceu en 1640, pouco despois de que a estatua de Filipe IV (desde o século XVIII na madrileña "plaza de Oriente", enfronte do Pazo Real) fose embarcada para España. Está sepultado na basilica della Santissima Annunziata.


Outras imaxes[editar | editar a fonte]