Peter Strawson

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Peter Frederick Strawson, nado en Ealing, no Oeste de Londres, o 23 de novembro de 1919 e finado o 13 de febreiro de 2006, foi un filósofo inglés.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu en Ealing e criado en Fincheley (Middlesex polos seus pais), ambos mestres. Foi educado no Christ's College, en Finchley, seguido ademais do St John's College, en Oxford, onde recibiu unha bolsa para estudar Lingua Inglesa, pero que pronto abandonou para cursar a carreira de Filosofía.

Durante a II Guerra Mundial foi comando de radares na Artillería Naval Británica, ademais de chegar a ser capitán do Batallón de Enxeñeiros Electromecánicos. Neste momento casou con Grace Hall Martin, de cuxo matrimonio naceron o seus catro fillos. Ao remate da guerra reinstalouse en Oxford como membro do colexio universitario da cidade. Alí continuou traballando na teoría da linguaxe, campo no que pronto acadou unha enorme fama por desafiar a Teoría das Descricións, de Russell. Foi conferenciante no Colexio Universitario de Oxford en 1947 e chegou a ser titor no seguinte ano, ata 1968. Foi catedrático de filosofía metafísica na Universidade de Oxford de 1968 ata 1987. Cando se retirou, regresou ao colexio e continuou traballando alí ata pouco antes da súa morte.

Durante a súa vida, Strawson gañou varios premios e distincións, entre os que se atopa a Orde do Imperio Británico que recibiu no 1977.

Pensamento[editar | editar a fonte]

Mentres que Bertrand Russell explicaba a linguaxe a través de principios científicos amosados por unha progresión lóxica, Strawson afirmaba que a linguaxe non ten un significado predeterminado, senón que este é adquirido a medida que se lle da uso. Strawson acadou fama ao publicar o seu artigo "Sobre a referencia", criticando o concepto de "denotación" proposto por Rusell, no que se preguntaba se a proposición "o rei de Francia é calvo" é verdadeira, falsa ou carece de significado. Non pode ser verdadeira, segundo Strawson, posto que non hai nada que responda a expresión "rei de Francia", pero tampouco é falsa. Strawson matiza que a frase, contra o que sostén Rusell, non implica a existencia da entidade nomeada e, polo tanto non hai problema para usala en determinados contextos.

Introduction to Logical Theory[editar | editar a fonte]

Na súa obra Introduction to Logical Theory, editada en 1952, Strawson proponse dous obxectivos. O primeiro sinala puntos de contacto e contraste entre o comportamento das palabras na linguaxe ordinaria e o comportamento dos símbolos nun sistema lóxico. O segundo aclara de modo introdutorio a natureza da mesma lóxica formal.

Individuals[editar | editar a fonte]

En 1959 publicou a súa obra máis famosa, Individuals: An Essay in Drescriptive Metaphysics, na que entende por metafísica descritiva aquela descrición dos conceptos de fondo mediante os que nos relacionamos coa realidade. Esta metafísica descritiva distínguese da metafísica revisionista, que se dedica á modificación das estruturas da interpretación do mundo.

Esta importante obra consta de dúas partes, a primeira que trata de establecer a posición central que ocupan os corpos materiais e as persoas dentro dos entenes particulares en conxunto. Aquí demóstrase que dentro do noso esquema intelectual, tal como se presenta, os particulares destas dúas categorías son particulares básicos ou fundamentais, que os conceptos doutros tipos de particular deben ser secundarios con respecto aos conceptos de ditas categorías. O obxectivo da segunda parte do libro consiste en establecer e explicar a conexión que existe entre a idea dun particular en xeral e a dun obxecto de referencia ou suxeito lóxico. É dicir que para Strawson o concepto de persoa é un concepto primitivo. Está convencido de que a concepción común ignora a noción cartesiana de estados de conciencia estritamente privados, posto que admite un tipo de entidades que tanto no caso dos predicados que describen estados da conciencia, como no de aqueles que atribúen características corporais, unha situación física, etc., son aplicables a todos os individuos desta clase.

Así se di que a metafísica descritiva de Strawson é un retorno a Kant, pero que se realiza por sendas lingüísticas. Pero o certo é que entre estes dous filósofos existe unha diferenza, mentres que Kant pregunta polas formas máis universais nas que ten lugar o percibir, o pensar e o coñecer (tempo e espazo), Strawson parte de que pensamos o mundo como un composto de individuos, algúns dos cales son independentes de nos.

Obras[editar | editar a fonte]

  • Introduction to Logical Theory. London: Methuen, 1952.
  • Individuals: An Essay in Descriptive Metaphysics. London: Methuen, 1959.
  • The Bounds of Sense: An Essay on Kant's Critique of Pure Reason. London: Methuen, 1966.
  • Logico-Linguistic Papers. London: Methuen, 1971
  • Freedom and Resentment and other Essays. London: Methuen, 1974
  • Subject and Predicate in Logic and Grammar. London: Methuen, 1974
  • Skepticism and Naturalism: Some Varieties. New York: Columbia University Press, 1985.
  • Analysis and Metaphysics: An Introduction to Philosophy. Oxford: Oxford University Press, 1992.
  • Entity and Identity. Oxford: Oxford University Press, 1997.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Cruz, Manuel (2002). Filosofía contemporánea. Madrid: Taurus. pp. 87-90. ISBN 84-306-0495-6.
  • Störig, Hans Joachin (1997). Historia universal de la Filosofía. Madrid: Tecnos. pp. 721-722. ISBN 84-309-2636-4.
  • Reale, Giovanni; Antiseri, Dario (1995). Historia del Pensamiento Filosófico y Científico tomo III. Barcelona: Herder. pp. 596-597. ISBN 84-254-1592-6.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]