Partido Comunista de España en Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este artigo fai referencia ao Partido Comunista de España en Galicia ata a constitución do Partido Comunista de Galicia

O Partido Comunista de España tivo en Galicia escaso número de simpatizantes ata a proclamación da Segunda República. Aínda así contou desde o comezo con grupos en Pontevedra, Vigo e Ferrol, organizándose despois en Santiago de Compostela, Ourense e Monforte[1] nun ambiente de clandestinidade ata a proclamación da II República. Nas eleccións do 12 de abril de 1931 conseguiu dous concelleiros na cidade de Pontevedra grazas á influencia que exercían os comunistas na Federación Comarcal Agraria de Pontevedra. Ao longo de 1932 e 1933, aproveitando o desgaste do PSOE, o PCE aumentou a súa militancia de xeito significativo entre os obreiros participando nos conflitos obreiros e a aparición dun sindicato propio (Confederación General del Trabajo Unitaria) e por medio da extensión do agrarismo comunista a outras comarcas, formándose en 1936 a Federación Campesina Provincial en Ourense.

A represión desencadeada a raíz dos sucesos de outubro de 1934 freou o desenvolvemento do PCE en Galicia pero acelerou a unidade de acción das organizacións obreiras. O primeiro acto público significativo do PCE en Galicia logo de outubro de 1934 non foi ata o 1 de xaneiro de 1936, cando o partido celebrou na Coruña un mitin coa participación de Dolores Ibárruri.[2] Nas eleccións de 1936 participou dentro da Frente Popular, conseguindo un escano. Nesa altura contaba con 3.000 militantes, destacando Vigo, Pontevedra, o norte da provincia da Coruña, Viveiro e Ourense. Duramente reprimidos durante a guerra civil, os comunistas constituíron o principal continxente que se sumou á resistencia armada ao réxime de Franco e foron moi activos dentro da oposición interior, sobre el xiraba case toda a actividade política contra a ditadura.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Bernardo Máiz, Galicia na II República e baixo o franquismo, Vigo, 1988 páx. 26
  2. Dolores Ibárruri. El único camino. Castalia, 1992, páxina 310