Papel maché

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cadeira decorada con papel maché e nácar.

O papel maché é unha técnica escultórica consistinte en elaborar cunha pasta feita de papel figuras modeladas ou reproducidas mediante un molde de escaiola.

Ten a súa orixe na China, na India e Persia. A denominación provén da expresión francesa papier maché (papel mastigado ou machacado), pois, antes de existir muíños e batedoras, a pasta elaborábase mastigando os anacos de papel.

Variedades[editar | editar a fonte]

En Italia a técnica é chamada carta pesta, expresión que designa máis especificamente a técnica de formar capas con trozos de papel engomados, ou usando engrudo dándolle a forma deseaxda, xeralmente sobre unha base ou molde.

Se a pasta se combina con xeso ou escaiola, usualmente para elaborar escenarios de teatro ou cine, denomínase cartón pedra.

Débese distinguir do decoupage, técnica que tamén usa anacos de teas delgadas.

Usos[editar | editar a fonte]

Adóitase usar para facer obxectos decorativos e utilitarios, e para decoración en relevo, ou para elaborar máscaras, disfraces e utilería ou esculturas de entroido ou para teatro e cine.

Elaboración da pasta de papel[editar | editar a fonte]

O papel debe ser troceado en anacos dun tamaño aproximado de 3 cm de lado, mellor á man ca cunha tesoira para non cortar as fibras. O primeiro corte debe facerse no sentido das fibras (de feito que o corte das tiras sexa dereito e estas queden alongadas), e despois as tiras córtanse en cadradiños. Os anacos bótanse nun caldeiro con auga, preferiblemente quente, onde se deben deixar un par de días, para que sexa máis doado de bater, e faga mellor pasta. En caso de urxencia, o batido pode ser instantáneo, agás que sexa para facer pezas pequenas, que requiren unha pasta máis fina, con menos grumos.

Se se fai moita cantidade, non se bate no mesmo caldeiro, é mellor ir poñendo porcións deste papel remollado noutro caldeiro máis pequeno e ir batendo por porcións, deixando enfriar a batedora frecuentemente para que non se queime. A masa xa batida vaise coando cun coador grande, sen estrullar a masa, axitándoa no coador para que escurra, e como moito, presionándoa suavemente coa palma da man enriba cando xa non escorre soa. Logo déixase nun coador grande de plástico (chamados coadores chineses ou de lavar verduras) para que siga escorrendo soa un pouco máis.

Enchido do molde[editar | editar a fonte]

Papel maché sobre unha forma redondeada para crear a figura dun porco. O globo explótase cando a cola seca.

Cóllese un pegote da pasta escurrida, e dándolle golpes coas xemas dos dedos, mentres se sostén na palma da outra man, téntase facer unha pequena placa cos bordes máis ou menos feitiños e de grosor uniforme. Logo exprémese esta pasta entre as palmas das mans, sen estrullala en exceso, para evitar que se esmiuce ou rompa. Ponse esta primeira placa no molde, na zona máis profunda (exemplo, se é un molde dunha máscara, é mellor empezar polo nariz). Adáptase alí primeiro cos dedos, ou usando unha ferramenta de madeira, coma un pau de modelar, e logo ponse un trapo absorbente enriba (meténdoo no burato do nariz) e apértase con forza controlada, para quitar o exceso de auga. Logo ten que apertarse máis para que colla ben á forma do nariz. Logo cóllese outro pegote de pasta, repítese o proceso, e colócase empatando o bordo enriba do bordo desta primeira plaquiña do nariz, e así sucesivamente, ata ter todo o molde cheo. Nos bordos do final da máscara convén facelos planos (seguindo o nivel do molde) e un pouco máis grosos, para que a máscara ou peza quede máis consistente no seu remate.

Déixase secar o molde e a carga (máscara neste caso) ao Sol ou ante unha fonte de calor non moi forte, para evitar que o molde se agrete. Convén darlle voltas para evitar que se requente de máis nunha zona e o resto quede frío.

Cando a peza comeza a despegarse, débese tirar con delicadez dela para sacala do molde. Recórtanse cunha coitela os bordos e demais imperfeccións, e dáselle unha capa de cola con po de xiz (na primeira capa licúase un pouco máis esta mestura). Ao secar dánselle novas capas, coa mestura un pouco máis espesa, e estendéndoa ben, sobre todo nas zonas afundidas, lixando entre capa e capa. Tamén poden corrixirse pequenos defectos enchéndoos con pequenas porcións dunha mestura a base de pasta de papel con crema de cola, defacendo ben cunha espátula os grumos do papel, para obter unha pasta máis fina.

Como acabado, antes de pintar e despois de lixar, pódese aplicar unha capa de cola rebaixada con auga

Pasta de papel para modelar[editar | editar a fonte]

Faise igual que a anterior, pero non é preciso escorrela tanto, pois levará máis proporción de xiz. Convén deixala máis tempo no remollo, e batela máis para que saia unha pasta máis fina. Unha vez coada (pero que pingue e sen apertala nada para que non se apelmace) ponse nun caldeiro, engádese unha boa cantidade de cola, espachúrrase entre os dedos para que se mesture coa cola, e logo váiselle engadindo o xiz segundo se amasa, e un corro de aceite de liñaza. Pódese engadir auga se se ve que non acepta máis xiz por falla de humidade. Pódese engadir po de barro, para darlle máis plasticidade, e serraduras, area, ou mesmo cemento para que endureza antes e quede máis duro (para un modelado áxil e pouco perfeccionista, debido ao cemento). A pasta básica (a que non leva cemento) modélase, en macizo ou en oco (usando unha forma interior de papel enrolado ou calquera estrutura extraíble, ou non putrefacta se ha de quedar dentro -téñase en conta á contracción no secado-). Nunca se aplicará sobre molde, pois pegaríase, e se se usa un obxecto a xeito de molde (unha taza, por exemplo) hai que untala con vaselina, aceite, ou simplemente poñéndolle un plástico fino, para que non se adhira.