O Principiño

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O Principiño
Le petit prince.png
estatua do Principiño
Título orixinal Le Petit Prince
Autor Antoine de Saint-Exupéry
Ilustrador Antoine de Saint-Exupéry
Cuberta Antoine de Saint-Exupéry
País Francia
Lingua francés
Xénero(s) Novela, Conto infantil
Editorial Flag of the United States.svg Reynal & Hitchcock
Flag of France.svg Francia Gallimard
Galicia Editorial Galaxia
Data de pub. Flag of the United States.svg 1943 (en inglés e francés)
Francia 1945
Galicia 1972
Precedido por Pilote de guerre
Seguido por Lettre à un otage
Tradución Carlos Casares

O Principiño (en francés Le Petit Prince), publicado en 1943, é a novela máis famosa do aviador francés Antoine de Saint-Exupéry, que escribiu mentres se hospedaba nun hotel de Nova York. É un conto filosófico, moi poético que, baixo a aparencia dun conto infantil, aborda temas tan profundos como a vida e o amor, a morte, a amizade, as actitudes e as preocupacións da vida.

Nas conversacións entre o narrador e o principiño, o autor revela a súa propia visión sobre a estupidez da humanidade e a sinxela sabedoría que os adultos semellan esquecer cando medran.

A obra está igualmente ilustrada polo propio autor. Os seus debuxos, sinxelos e dun estilo se cadra algo infantil, son tan célebres como o libro mesmo.

O Principiño foi traducido a 180 linguas e dialectos. Ata o momento, vendeu xa máis de 50 millóns de copias en todo o mundo e tornouse nunha serie de debuxos animados de 39 episodios. Moitas veces é empregado como lectura para os que comezan a estudar unha lingua estranxeira.

Historia[editar | editar a fonte]

Aviso: Esta sección pode revelar detalles da trama e/ou do argumento.

O narrador é un aviador que durante un voo ten unha avaría no motor. Para arranxalo párase no deserto do Sáhara. Para el é unha cuestión de vida ou morte.

Á mañanciña do seguinte día o aviador é sorprendido por unha pequena voz que lle demandaba “Por favor... píntame un año!”. Despois da sorpresa do aviador ante a presenza do rapaciño, o aviador debuxou o que sabía, unha boa cun elefante dentro, debuxo que sempre fora interpretado como un sombreiro. O principiño insistía en quería un año e o aviador tentouno debuxar varias veces, pero estes debuxos eran rexeitados polo príncipe ata que lle debuxou unha caixa e lle dixo que dentro dela estaba o año. O principiño deuse por satisfeito.

Tralas conversacións entre os dous, o aviador logrou saber algo do pequeno príncipe. O principiño vivía nun asteroide, o B612, pouco máis grande cunha casa, que ten tres volcáns (dous activos, e un inactivo) e unha rosa. Pasaba os seus días coidando do seu asteroide, removendo as árbores baobabs para que non botaran raíces. De permitirlles medrar, as árbores partirían o seu asteroide en pedazos. O principiño abandona o asteroide un día para coñecer o resto do universo e visita outros planetas, cada un dos cales se encontra habitado por un adulto que, á súa maneira, demostra o parvos que son a maioría das persoas cando se volven “maiores”:

  • O Rei, quen cre "controlar" as estrelas ordenándolle cousas que farían de todos modos.
  • O Vaidoso, quen pensa que todos son admiradores seus, pero vive só no seu asteroide. Todo o que non sexa un cumprido el non o escoita.
  • O Bebedor, quen bebe para esquecer que se avergoña de beber.
  • O Home de Negocios, quen está sempre recontando as estrelas que el pensa que son súas. Quéreas para ser rico e mercar máis estrelas. O principiño retrucoulle que se el non é útil para as estrelas non podería posuílas, ó contrario ca el, que era útil para o seu asteroide, xa que ten unha flor que rega todos os días, e catro volcáns que limpa de charrizo.
  • O Faroleiro, quen vive nun asteroide que xira unha vez nun minuto. Hai moito tempo que lle fora encargada a consigna de acender o farol de noite e apagalo de día. Por aquel entón, o asteroide rotaba a unha velocidade razoábel e tiña tempo para descansar. Co tempo, a rotación acelerouse e, negándose a abandonar o seu oficio, o faroleiro acende e apaga o farol unha vez por minuto, non podendo descansar nunca. Para o principiño, este é o único dos que visitou que non lle pareceu ridículo, se cadra porque se preocupa máis doutra cousa que de si mesmo.
  • O Xeógrafo, quen pasa todo o tempo debuxando mapas, mais endexamais deixou o seu escritorio para explorar.

Soamente por interese profesional, o xeógrafo solicita ó príncipe que describa o asteroide de seu. O príncipe describe os volcáns e a rosa. O xeógrafo decide non tomar nota da rosa, argumentando que as flores son efémeras. O príncipe queda conmocionado ó saber que a súa rosa desaparecerá algún día. O xeógrafo recoméndalle visitar a Terra, xa que ten unha boa reputación.

Unha vez na Terra, o principiño encontra todo un xardín cheo de rosas, o que lle fai sentir moi desgrazado porque a súa rosa lle dixera que era única no universo. Máis tarde coñece e domestica un raposo, que lle explica ó príncipe que a súa rosa é única e especial porque é a que el ama.

Despois disto é cando se encontra co aviador no medio do deserto.

No deserto o principiño coñece a unha serpe que ten o poder de devolvelo ó seu asteroide. Despois de pensalo, o principiño despídese emotivamente do narrador e deixa que a serpe o trabe. O principiño ficou inmóbil por un intre e despois caeu a modiño, coma unha árbore. Cando o aviador procura o seu corpo ó día seguinte, este xa non estaba.

Dedicatoria[editar | editar a fonte]

Saint-Exupéry dedicou o libro ó seu mellor amigo, León Werth, e despois corrixe a dedicatoria e dedícallo a León Werth cando era neno, xa que todas as persoas maiores foron nenos antes, aínda que poucas se lembren.

Traducións[editar | editar a fonte]

En 2005, O Principiño foi traducido á lingua toba, unha lingua ameríndia do norte de Arxentina, baixo o título So Shiyaxauolec Nta'a. Este é o primeiro libro traducido a esta lingua despois do Novo Testamento.

Fixéronse máis de 180 traducións d’O Principiño, con máis de 500 edicións. Foi traducido ao galego polo escritor Carlos Casares en 1972.

Astronomía[editar | editar a fonte]

Un asteroide : 46610 Bésixdouze foi nomeado en honra ó planeta de orixe do principiño. Ademais, o asteroide 2578 Saint-Exupéry foi nomeado en honra ó autor d’O Principiño.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: O Principiño

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]